A cidade de Lugo, un exemplo a seguir en mobilidade e infraestruturas
Se hai unha cidade que está traballando na mellora da mobilidade e as infraestruturas para mellorar a calidade de vida da veciñanza, esa é Lugo. Antes da pandemia xa tiña plans para peonalizar as rúas, pero, logo do confinamento, cando a xente saíu á rúa en masa, ficou claro que as cidades non estaban deseñadas para contaren con espazos peonís amplos, o que complicaba cumprir coa recomendación da OMS de camiñar 10.000 pasos cada día.
E daquela, Lugo púxose mans á obra, obra tras obra, con diversas medidas que foron executando neste ano e medio desde todas as concellarías. “Desde o goberno municipal seguimos a traballar nunha cidade onde os peóns sexan o centro da mobilidade”, reflexiona o tenente alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo.
Con iso en mente, foron moitas e constantes as accións realizadas para gañar espazos públicos para os cidadáns e os visitantes, case 50.000 metros cadrados acadados xa coas peonalizacións executadas na rúa Quiroga Ballesteros, na contorna da Praza de Abastos e do Mercado Municipal, onde se adxudicaron novos postos.
Mudanzas estéticas ostensíbeis
Caso exemplar é o do barrio histórico de Recatelo, situado entre a Muralla e o Parque de Rosalía, convertido nunha importante zona de paseo ao tempo que se melloran os servizos e a calidade de vida do vecindario. Por non falar da repavimentación de medio cento de rúas e o repintado xeral da cidade.
A iso engádense os traballos da nova praza peonila na zona máis significativa da Muralla e na sá contorna, coa peonalización do tramo da Mosqueira, un espazo multiusos con zonas verdes e lugar para a realización de actividades culturais e de lecer, onde se respecta a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira.
Cómpre salientar, ademais, a ampliación da beirarrúa do tramo da Porta de Santiago á rúa Vilalba, un chanzo máis no proxecto global de humanización da Muralla, que, canda as nove novas lámpadas LED tipo RGB proxectando luces de tonalidade cálida pola noite e luz fría durante as mañás, optimizan a percepción visual do punto en que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade de Lugo.
A paz mental da cidadanía
O obxectivo, en xeral, é facilitar a vida cotiá nos distintos barrios, apostando por sistemas como a plataforma única de Fingoi de Abaixo e na rúa Luís Seoane, que posibilita gañar espazos peonís sen afectar ás prazas de estacionamento, algo fundamental para os lucenses.
Para a súa paz mental, dada a preocupación polo número de atropelos que sufría a capital, púxose en marcha un plan de calmado de tráfico, que comezou nas contornas escolares con estratexias como a realización de pasos elevados de peóns e ampliouse ás zonas máis perigosas da cidade para mellorar a seguridade vial nos puntos negros como o cruzamento de Fontiñas con San Eufrasio, axudando a reducir o número de accidentes de tráfico.
A iso sumouse o incremento da capacidade de aparcabicis, facilitando así que toda a veciñanza que o desexe poida usar a bicicleta ou outros vehículos de mobilidade persoal como medio de transporte habitual.
O fomento do bus urbano e a tarxeta de descontos
Con esa mesma intencionalidade de fomentar entre a veciñanza o uso do transporte público para que deixe na casa o vehículo privado, habilitáronse novas liñas de autobuses urbanos que supoñen un aumento do 20% nos percorridos do bus.
Isto permite comunicar doadamente todas as zonas da cidade e reforzar as conexións entre os ditintos barrios e o centro citadino. Mesmo conectar máis barrios como Fontiñas, a zona sur e a avenida das Amércias co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), e coas zonas industriais do Ceao e das Gándaras.
Se o 14 de marzo de 2020 se aprobou a gratuidade do transporte urbano temporalmente durante o confinamento, desde o 1 de xuño de 2021 o aumento de liñas e a mellora de frecuencias están a facilitar os transbordos. Os que ademais tamén saen máis económicos coa adquisición da tarxeta municipal, que, alén de reducir o custo da viaxe, axiliza a entrada no bus. De media, o cidadán pode aforrar até un 50% no prezo do transporte público.
Pantallas informativas e buses adaptados
E desde este verán pódese viaxar con moita máis comodidade, consultando as pantallas informativas sobre horarios, frecuencias e liñas; ou o Infobus virtual, que ofrece a información sobre o transporte público en tempo real escaneando o código QR habilitado en cada un dos infobuses. Así, “todas as persoas que queiran usar o bus urbano poderán saber canto tempo falta para que chegue a seguinte liña desde calquera parada da cidade”, explica Arroxo.
Tamén celebra que o novo modelo de transporte urbano do século XXI conta con buses adaptados á realidade de cada barrio: “Por exemplo, no barrio da Ponte, o uso dun bus de menor tamaño permite mellorar a manobrilidade na zona, aumentando a cantidade de veciñas e veciños que teñen acceso ao bus urbano”.