Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Ayt. de A Coruña

Música para superheroes en Vigo e A Coruña, Nacho Vegas en Pontevedra e unha exposición sobre o Prestige en Santiago

Ilustración de Gorka Olmo sobre o afundimento do Prestige.

José Luis Estévez

0

O primeiro mes do ano está a piques de deixarnos e no aspecto cultural faino con dúas visitas musicais destacadas, Nacho Vegas en Pontevedra e Macaco en Vigo. A cidade olívica tamén recibe esta fin de semana a presentación do novo disco de Sés, Diante un eco, que está a ter moi boa acollida. Ademais, o espectáculo Krypton, na Coruña, é un concerto da Film Symphony Orchestra no Palacio da Ópera cun atractivo programa de composicións para películas de superheroes. Nas artes escénicas temos este venres a estrea de Pussy Cake, a nova montaxe de Matarile Teatro en Santiago, mentres que o Teatro Colón da Coruña recibe a produción do Centro Dramático Galego ambientado no mundo do fútbol. Na Cidade da Cultura de Santiago, nenos e pais poderán gozar do certame Pequefilmes e tamén na capital de Galicia, acaba de inaugurarse unha mostra que recolle a pegada artística que deixou en Galicia a catástrofe do Prestige. E se estás en Ourense, o Entroido xa comeza a aparecer con festas como o Domingo Fareleiro que se celebra esta fin de semana en Xinzo.

Krypton, música para salvar o mundo. Vigo e A Coruña. Sábado 28 de xaneiro e domingo 29 de xaneiro

A Film Symphony Orchestra chega a Vigo (sábado 28. Auditorio Mar de Vigo) e A Coruña (domingo 29. Palacio da Ópera) cun espectáculo sinfónico que baixo o nome xenérico de Krypton inspírase nas composicións musicais do xénero dos superheroes para transportarnos. a ese peculiar universo no que case todos temos as nosas debilidades favoritas. Soarán acordes que xa quedaron identificados para sempre na nosa memoria con iconas como Superman, Batman, Iron Man ou Conan o Bárbaro. Un espectáculo moi familiar que cada quen gozará á súa maneira. Aquí entradas.

Nacho Vegas en Pontevedra. Pazo de Cultura. Venres 27 de xaneiro

A xira do último disco de Nacho Vegas, Mundos immóviles derrumbiendo, que moitos cualifican como o mellor da súa carreira, chega a Pontevedra. Vegas é unha das voces máis persoais da música española dos últimos tempos e para estes concertos reuniu unha banda excepcional. Entradas aquí.

Macaco presenta disco en Vigo. Auditorio Mar de Vigo. Venres 27 de xaneiro

Vuelame el corazón é o título do novo disco de Macaco, recentemente saído do forno, no que o artista catalán dá un xiro na súa carreira aínda que sen perder as raíces que o levaron a ser un dos modelos dun artista máis comprometido socialmente que hai 20 anos. A súa xira para este venres no Auditorio Mar de Vigo. Entradas.

Curtas para nenos en Pequefilmes. Cidade da Cultura Santiago. Sábado 28 e domingo 29

Un total de 65 curtametraxes dunha vintena de países poderán verse esta fin de semana no Gaiás con motivo dunha nova edición do festival Pequefilmes. Hai seccións para nenos de 0 a 3 anos e de 4 en diante. Ademais, o evento contará con actividades paralelas como obradoiros. As entradas para as sesións só custan 3 euros. Bo plan de fin de semana de inverno se tes fillos. Máis información aquí.

Sempre Máis, despois do Prestige. Auditorio de Galicia. Santiago. Ata o 21 de maio

A exposición “Sempre Máis, arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige” vén de inaugurarse esta semana no Auditorio de Galicia e pretende dar visibilidade a toda a creatividade xurdida durante e despois da catástrofe do Prestige. Arte, política e ecoloxismo mestúranse nun proxecto que insiste en tirar leccións dun acontecemento que marcou un antes e un despois na historia social de Galicia. Máis información.

Outras propostas:

Pussy Cake en Santiago: a nova montaxe de Matarile Teatro estréase no Teatro Principal de Santiago o venres 27 Performance e baile mestúranse nunha proposta rompedora. Entradas.

Recortes… chega á Coruña: a xira da última estrea do Centro Dramático Galego, Recortes, caneos e outras forma de driblar, chega esta fin de semana ao Teatro Colón da Coruña. Entradas aquí.

Homenaxe a Queen: a recoñecida banda arxentina Dr. Queen rende homenaxe a un dos grupos máis destacados da historia do rock. Será este venres día 27 na sala Capitol de Santiago. Entradas.

Sés en Vigo: a presentación do novo disco de Sés, Diante un eco, chega este sábado día 28 ao Teatro A Fundación de Vigo. Entradas.

Etiquetas
stats