Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

O 'canalillo' de Rosalía

0

O malo das columnas semanais (xa non digamos das mensuais) é que unha quere abordar algo que aconteceu o martes ou mércores e, cando chega a data de entrega, xa nos pasaron por riba outras corenta “últimas horas” máis, cos seus ciclos de indignación, chufa nas redes sociais e esquecemento correspondentes e, para cando a columna sae publicada, xa nin a autora lembra a conto de que viña tanta palabrería.

A principios desta semana, por exemplo, vin unha serie documental moi interesante (para quen, coma min, goce das historias sobre calotes e imposturas varias). Trataba dunha guionista de series de Hollywood que labrou a súa carreira a base de inventar historias lacrimóxenas sobre si propia e de parasitar os traumas da xente que a rodeaba. A serie, por se a alguén lle interesa, chámase Anatomy of Lies, que parece un título buscado para amolar a Alberto Núñez Feijóo, precisamente por esa teima que ten a actualidade de atrapallarse durante a semana como se alguén estivese a usar unha máquina do tempo para alterar todas as nosas liñas temporais, pero xuro que cando a vin aínda non comezara sesión ningunha no Congreso dos Deputados. A historia desta guionista é a de moitos outros impostores famosos, alguén que necesita atención desesperadamente e está disposta a inventar calquera doenza ou traxedia persoal para conseguila, como aqueloutra muller que finxira estar no World Trade Center o día dos atentados e mesmo chegara a presidenta da asociación de vítimas. Creo que me atraen esas historias porque me interesa moito o mecanismo que leva a alguén a ter envexa do padecemento alleo. No caso da muller do documental, que dicía ter, entre outras moitas cousas, un tipo de cancro moi pouco común, os síntomas parecían redobrárselle cando alguén na súa oficina tiña unha enfermidade grave ou algún outro problema.

Na política tamén abondan os expoñentes desta síndrome, que os médicos da ficción chaman Munchausen e eu bauticei co menos exótico pero máis descritivo “Ti tes cancro? Pois eu teño dous!”. O pasado 25 de novembro, por exemplo, algunhas mulleres do PPdeG reuníronse nun discreto descampado dun barrio de Santiago para se fotografar cunha faixa na que se lía “Mulleres en liberdade. Nin caladas nin sumisas”, acompañado dun suxerente retrato de Rosalía de Castro amosando escote. O debuxo escollido para representar a Rosalía, que seguramente sorprendeu a moita xente, é unha modificación dun outro debuxo publicado por un fanzine queer, e que fora referenciado nuns materiais didácticos que non lle gustaron nada a Paula Prado, algo así como se o PPdeG fixese fanfiction dalgo que aborrece e despois tivese que explicarlla aos seus votantes.

Xa que foran até alí sacar a foto, aproveitaron para dar unha rolda de prensa e despois colgaron a foto nas súas redes sociais, encabezada polo seguinte texto: “A esquerda silenciou a Rosalía de Castro e agora pretenden facer o mesmo con nós”. Para o PPdeG, o 25N non vai das mulleres que experimentan violencia no noso país, nin das seis mulleres asasinadas este ano en Galiza, nin dos centros para vítimas de violencia sexual a cargo da Xunta e que, segundo denuncia Amnistía Internacional, son menos dos que deberían ser, funcionan de maneira opaca e teñen a xestión privatizada. Para o PPdeG, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller vai deles. Como a guionista americana, reclaman toda a nosa atención no único día do ano no que a violencia machista ocupa o centro da actualidade e as capas dos xornais. No centro da foto, Paula Prado, Fabiola García e Ángeles Vázquez, para demostrar que as altos cargos do PPdeG tamén sufren e que a oposición se porta moi mal con elas, o que se desprende do lema escollido. De todas as militantes que podían encabezar a campaña do 25N, no PPdeG alguén considerou oportuno escoller as tres mulleres que arrouparon e eloxiaron o ex-conselleiro do mar Alfonso Villares cando se viu obrigado a dimitir por estar a ser investigado por un delito de agresión sexual.

Está claro que, malia estar no goberno e ter o monopolio do discurso público, o PPdeG necesita atención desesperadamente, como a impostora do documental. A súa estratexia para conseguila pasa por manufacturar indignación semana si, semana tamén, e ternos a todos falando do apropiado (ou non) do canalillo de Rosalía nun debuxo. Se o noso goberno é sempre a vítima -da oposición, dos sindicatos, dos debuxantes de fanzines queer...- é mais difícil pedirlles contas, e cando lles vaiamos coas nosas reivindicacións, sempre poden responder “Tes un problema? Pois nós temos dous!”