Cansados de ouvir como vai o PIB
Nesta época hai verdadeira profusión de novas económicas. En todos os medios se relatan, comentan, explican, interpretan, novidades referidas á situación económica. Nomeadamente, refírense á economía do Estado, da nación ou da comarca de que se trate. Tamén pode ser que se refiran á economía das unidades de produción en todas as súas diversas dimensións e sectores (multinacionais, banca, pequenas e medianas empresas, autónomos...) ou ás economías domésticas, que deron en chamar familias, que non son mesmo, mais a redución á familia fai o termo máis próximo ao votante potencial. Tamén se traballa moito en aspectos divulgativos da economía pública: orzamentos do Estado, débeda pública, prima de risco (época do sr. Raxoi), déficit público, contratos públicos, problemas dos servizos públicos..., é dicer, hoxe, para estar ao día nas tertulias de café, da radio ou de televisión, hai que empregar -e saberse servir- dunha pluralidade de termos que poden, en ocasións, se corresponder cos conceitos económicos utilizados. E, omnipresente en case todas as sentenzas deste ámbito, está o PIB.
O PIB (a súa evolución) é un talismán/amuleto que vale para todo. Para xustificar políticas económicas intragábeis, nomeadamente en maos dos que só saben recortar gasto público. Para convencer dos axustes económicos cargados nas costas exclusivamente dos traballadores, para argumentar que non se poden subir os soldos ou as pensións, para xustificar o incremento dos impostos no mesmo lombo dos de menor renda, para seguir as políticas liberais (ou ultra) do FMI, do BCE, da UE ou de quen se tercie, mesmo da OTAN (van aumentar os gastos defensa/ataque até o 2% do PIB), e tamén para suprimir os gastos sociais encamiñados a paliar situacións de exclusión en segmentos de cidadáns vulnerábeis e que deberían ser intocábeis. E a maior parte do mundo existente sen se enteirar que é o demo do PIB ese que anda a todo.
O PIB, como o seu nome indica, é unha medida do valor monetario do producido nun ano no interior dunha economía. Atendendo, xa que logo, á definición, debérase contabilizar e logo agregar os valores monetarios de todo o que pasa polo mercado. Ergo, a economía submerxida, ilegal ou simplesmente de actividades non retribuídas non se considera, por definición. E, loxicamente, dependendo do tamaño desa subeconomía, a evolución do PIB pode reflectir ben, regular, mal ou moi mal, as actividades económicas existentes. Ademais, hai unha outra serie de consideracións a respeito do valor descritivo do PIB que debe ser tida en conta á hora de considerar expresión aceptábel do devir económico dunha economía nun tempo dado. Mesmo no pasado próximo –fin de ano 2021– o presidente do Goberno español manifestou na clausura do seminario Seguimento da recuperación: mais alá do PIB a necesidade de contar con outras variábeis que non se integran no PIB mais que son medida determinante do nível de benestar dos cidadáns. A deterioración medioambiental así como a ausencia de equidade social son aspectos destacábeis do benestar e non aparecen no cómputo anual do PIB, nen poden aparecer.E, non obstante, para ben ser, deberían ser guía das accións de política económica dos gobernos que persigan mellorar o benestar dos seus cidadáns. O PIB pode medrar e, á contra do que poidera parecer, significar un monto de desgrazas para o país e os seus cidadáns. Así sucede no caso dos incendios forestais, canto máis se dedique en medios físicos/materiais e persoais á extinción de incendios unha vez que se producen, auméntase o PIB, e porén, cantos máis incendios haxa, sexan controlados ou non, maior é o tamaño da desgraza colectiva. Ese razoamento é aplicábel ás actividades que xeran desigualdade, que significan incremento da indignidade ou que obxectivamente é mellor eliminalas, aínda sabendo que decrecería o PIB (como son as actividades vinculadas á prostitució, por exemplo). Como contracaso tamén podemos contemplar a realidade de grande crecemento do PIB vinculado ás actividades dunha compañía multinacional estabelecida no país a modo de enclave cunha actividade en cifra de negocios moi elevada. Dada a expatriación de beneficios, a toma de decisións de investimento na sede central da compañía e o modo de negociación salarial, a influencia no PIB non é máis que parcial e máis aparente que de influencia real na promoción do crecemento económico. O PIB é unha medida da actividade no interior da economía e o grau actual de mundialización traspasa en moito a capacidade local de xeración e control do excedente económico creado.
Retornando ao exame da economía submerxida, é unha evidencia en economía que o seu tamaño pode minar fortemente non só o exame da realidade económica expresada en cifras de produción convencional senón tamén ser unha expresión negativa da capacidade social de incorporar economía extrasistema ao funcionamento legal/normalizado. O tamaño da economía submerxida non ten a ver con actividades alegais (por exemplo os pseudoautonómos), coa economía non observada (por exemplo, o marisqueo hai 40 anos), da paralegal (a prostitución) ou coa ilegal (venda de armas e drogas). Definimos submerxida aquela que pode emerxer e se conducir con total normalidade legal. E vai moito máis alá do obscuro imaxinado: a construción /rehabilitación da sede social dun partido estatal en Madrid. O cobro en B das clases particulares dos empregados do Banco de España a candidatos a funcionarios. Os pagamentos a profisionais liberais que entregan como comprobante un recibo e non unha factura. As actividades e servizos prestados pola Igrexa católica, sen factura e polo tanto sen IVE... Iso sen citar as actividades de nova implantación máis rápidas que as leis para eludiren os pagamentos fiscais que lle corresponderían: os youtubers en Andorra, Mónaco ou calquer outro Estado permisivo ou pouco presionador no eido fiscal.
É inevitábel pór en relación estas condutas socialmente moi permisivas coa elusión fiscal, coa evasión fiscal ou coa nula responsabilidade colectiva nestes temas, se o exemplo é a propia conduta dos membros da realeza bórbonica na cima do Estado ou popularmente a compatibilidade tertuliana entre a corrupción individual de escapar do IVE como dun cravo ardente e despois falar dos gobernantes como máximos representantes da corrupción existente. Semellaba un chiste malo o daquel tertuliano poñendo a feder a non sei que gobernante e ser el mesmo empregador -fóra da lei- de inmigrantes, rácano á hora do cálculo do traballo a remunerar, e que pedía sempre no taller do automóvil pagar sen factura.
O feito de existir actividades por baixo do limite normalizado reduce así mesmo os ingresos fiscais e con eles a dispoñibiliade material para que o erario público sexa utilizado na cobertura de necesidades públicas. O labor preciso para modificar condutas deste tipo precisa vontade política, programa de acción e medios públicos destinados a conseguir a normalización e emerxencia desas actividades. É preciso ver cal desas accións é máis complicada, ou mesmo imposíbel, a curto prazo.