Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
El gran circo Feijóo
Contan as crónicas que a Felipe González non lle entusiasmaba o tripartito, o goberno compartido entre PSdeG, Coalición Galega, e Partido Nacionalista Galego –unha escisión do anterior- e que, por iso, deixou caer ao daquela -1989- presidente de Galicia polo seu propio partido, Fernando González Laxe. O sevillano nin tan sequera se dignou a se achegar a Galicia na campaña electoral que lle deu o poder a Manuel Fraga. Dous eran os motivos que obraban no ánimo de Felipe: dunha banda, que non quería que se consolidase en Galicia un nacionalismo de éxito, centrado. Se o tripartito se tivese mantido ao fronte da Xunta, toda a evolución posterior que agora damos por natural non se tería producido. E aquel tripartito tiña alento e ideas. En especial, unha grande atención ao esquema urbano e ás condicións da integración de Galicia en Europa.
Non sempre se destaca, pero a desaparición de Coalición Galega foi o que lle abriu a porta ás sucesivas maiorías absolutas do PP. Sen un partido nacionalista de centro, todo o espazo político conservador quedou concentrado en mans de Fraga Iribarne que, co seu programa de apertura ao galeguismo, e unha mensaxe de dignificación da autonomía, ergueu o ánimo dun país sempre necesitado de levantar a paletilla. Nada parecido a Feijóo que, na onda expansiva do aznarismo, fixo o camiño inverso, o de reducir a autonomía a un puro aparello político-administrativo, sen carga política. Todos os elementos simbólicos da autonomía e, por suposto, toda comprensión de fondo do país foi eliminada con metódica pulcritude por unha dereita que bebe das ideas difundidas polo complexo mediático que en Madrid emite dogma diario sobre o que España é, debe de ser, ou deixa de ser.
En Madrid fan virguerías sobre a idea de España, pero a cousa sempre acaba en que hai que investir os diñeiros e concentrar o poder de decisión na Castellana, e en que quen non concorde ha de ser acusado de provinciano e egoísta, cando non de anti-español. Nacionalistas só son os outros, como todo o mundo sabe… Son ideas, por chamarlle dalgún xeito, que non só aparecen no ABC ou El Mundo... e sobre as que o Presidente da Xunta é agnóstico ou indiferente. Feijóo sabe, soubo sempre, que de maior quere ser Rajoy, polo que non está en condicións de opoñerse ao centralismo e aos seus dons. Debo explicar que a palabra “don” cerca de “centralismo” está agora negativamente connotada pero en Galicia Moderna, unha publicación compostelá de fins do XIX, a expresión referíase ao maná que sobre a cidade podía caer dende os orzamentos do Estado grazas a advocación de Montero Ríos.
Pero en fin, centrémonos. O segundo motivo era este: servía ben aos intereses do PSOE central naquel momento que Fraga ocupara a Presidencia da Xunta. Dese modo instalaríase unha bicefalia Fraga-Aznar na dereita española que prexudicaría as súas expectativas electorais. A visibilidade de Fraga, identificado no imaxinario colectivo co franquismo, impedía o aggiornamento da imaxe do PP que Aznar buscaba para conquistar a Moncloa. Por certo, que non deixa de ser un melancólico e curioso paradoxo que o Fraga postremo fose máis moderado, razoable e, ata diría, patriota, que o Aznar desatado que coñecemos. En fin, cousas veredes! Polo demais, Fraga e Aznar eran inimigos íntimos e non se soportaban, como saben todos os que deambularon por San Caetano mentres Fraga foi presidente.
O caso é que moitos sospeitan que esa historia ten agora un paralelismo. Non ten moito sentido que Galicia pasase á fase de plena normalidade antes que Canarias ou as Baleares, así que parece probable, e moitos así se malician, que Pedro Sánchez estea xogando a carta da vitoria de Feijóo como modo de promover un líder alternativo, dentro do PP, a Pablo Casado. Hai que dicir, honestamente, que, de converterse en líder da dereita española, Feijóo sería menos estridente e seguidor de VOX, menos aventureiro no plano económico, pero, case con toda seguridade, un competidor electoral máis temible. Feijóo está máis callado e experimentado como líder, entenderíase mellor co Ibex e, por suposto, non da ese aspecto de pimpín que adorna a Casado.
Por iso, servidor, de ser Sánchez, non infravaloraría ao Presidente da Xunta. Ese erro xa o pagaron outros antes. Feijóo é, segundo fontes ben informadas, un killer político. O adxectivo é, ou quere ser, descritivo. Ata tres dirixentes do PP mo describiron así, por separado, en diversos momentos. Na súa boca era unha descrición lacónica. É unha fama que o acompaña e que, posiblemente, non lle prexudica, porque, nun político, ter fama de expeditivo resulta cool. Nun artigo no ABC Luís Herrero, despois de contar como se sentira usado por Feijóo, versionea o apóstrofe La política no mejora a los seres humanos. Como diría Michael Corleone, “no es personal, solo es negocio”.
Outra característica de Feijóo é a súa polisemia. Feijóo declarou nalgunha ocasión ter votado a Camilo Nogueira ou Felipe González, sen dúbida para mostrar que non é un sectario, pero non cabe dúbida de que chegou a onde está en brazos de Romay Beccaría e da parte máis rancia do PP galego. Alberto Núñez Feijóo só é intelixible no ámbito do xiro á dereita que impulsou Aznar e Aznar non veu ao mundo para unir senón para separar. Feijóo tanto agradece e recoñece o esforzo do Goberno central en relación á pandemia como denuncia á súa oposición por “bolivariana” ou apela a “parar a coalición entre o PSOE e o Partido Comunista”.
Dende logo, hai varias versións de Feijóo dispoñibles no mercado. Tamén hai que dicir que a prensa galega colabora co seu presidente, sen dúbida por un exacerbado idealismo. Dígoo sen ironía, non sexa o lector malpensado, porque estou convencido de que o seu conservadorismo é profundo e sincero, máis aló dos beneficios materiais que podan obter.
Cando Feijóo se pon diante do micro, tanto dentro de Galicia como, sobre todo, nos medios radicados en Madrid, sabe modular a mensaxe. Nos de dereitas acentúa a nota dura, para que se lle note que é da casa, nos de esquerdas faise ou quérese facer simpático e moderado. En Galicia, tanto promete un AVE entre Lugo e Ourense, como fixo na campaña de 2009 e outra vez na de 2016, como anuncia a porta de saída da crise grazas aos investimentos de Pemex, e a promesa de construír 21 buques, despois da venda de Barreras, como fixo en 2012, ou promete un “xiro social” en 2016, contra toda evidencia dispoñible, ou se despacha e se queda tan a gusto, afirmando que o Sergas de 2009 no tería resistido á pandemia. Posto en modo electoral a Feijóo non lle gaña ninguén.
En fin, unha dobre versión que remeda á que practicou outro Feijóo, propietario do Gran Circo Feijóo Compañía Internacional, Ecuestre, Gimnástica, Acrobática, Excéntrica, Cómica y Taurina que estaba integrada por corenta artistas, doce cabalos, dous bravos becerros e o popular burro cantor Rigoletto. No blog Del Berbés hacia arriba sobre historias de Vigo, debido a Jorge Lama, baixo o epígrafe El Gran Circo Feijóo pode lerse esta noticia:
“El número principal de aquel espectáculo lo protagonizaba Secundino Feijóo en colaboración con su mujer, Francisca Salas. El artista-empresario salía a la pista con cuatro vacas amaestradas, que bailaban al son de su gaita. Dicen incluso que cuando salía al extranjero, Secundino se vestía con traje de luces y renombraba a las vacas como toros. 'Maniobraba al compás de un pasodoble solemne y pomposo', se podía leer en un periódico de la época”.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0