Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Unha cousa é unha cousa

Puente internacional entre Tui (Galicia) y Valença do Minho.

0

Cristina Huete, xornalista de raza radicada en Ourense foi azote dos Baltar, do grande e do pequeno, pai e fillo. Cristina denunciou, unha e outra vez, o nepotismo, a arbitrariedade, o modo pouco exemplar con que a saga familiar dispón dos fondos públicos. Un dos titulares magníficos que se lle deben é aquel no que relataba: “Baltar contrata 33 porteiros para un centro con dúas portas”. Na súa simplicidade, a servidor parécelle alta literatura.

Pero a vida ten as súas reviravoltas. Sucedeu que a Cristina lle morreu a nai. É algo polo que todos temos que pasar, tristemente. E o vello Baltar, o cacique omnímodo, o factótum de Ourense, compareceu no velatorio para darlle o seu pésame. Cristina recibíu as condolencias amablemente, aínda intentando meterse en calquera parte, pero, cando finalmente afrontou a circunstancia, debeu poñer tanta cara de estupefacción que o vello Baltar con toda naturalidade lle retrucou: “Unha cousa é unha cousa, e outra cousa é outra cousa”.

Cando me ven á memoria a anécdota, a miña mente bota un sorriso. E non deixa de aprezar a humanidade da situación e ata o enxeño e a bonhomía do vello cacique, que para nada desdí a denuncia das súas falcatruadas.

O cortés non quita o valente. E ata nas situacións máis entangarañadas é bo que prevaleza o común fondo humano e, naturalmente, tamén o máis prosaico interese compartido.

Nos últimos meses, Alfonso Rueda fixo diversas viaxes para vindicar cos presidentes de Asturias e Castela e León o Corredor Atlántico. Tamén foi a Portugal reunirse coas autoridades da Rexión Norte co mesmo obxectivo. Aínda que servidor intenta mostrar a absoluta incuria do goberno popular o valente non quita o cortés: o certo é que esas iniciativas son positivas.

Como é positivo que o alcalde vigués, Abel Caballero, en declaracións feitas coa secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, urxa á conexión da saída sur Vigo-Porto, posta sobre a mesa polas autoridades portuguesas. Di radio macuto que o propio Pedro Sánchez urxiu a Valentín González Formoso, o líder do PSdeG, a darlle importancia á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Unha península ibérica en rede convenlle a Galicia, sen dúbida. É un factor de progreso e crecemento económico con enorme potencial.

Por suposto a líder do BNG, Ana Pontón, ten remarcado en distintas ocasións a importancia estratéxica para o futuro de Galicia do Corredor Atlántico e dos investimentos en ferrocarril, con especial atención aos de mercadorías. Un máis completo vínculo económico, social, etcétera, con Portugal, non é, de ningún modo, unha extravagancia nacionalista ditada por consideracións previas: forma parte das recomendacións e prioridades da Unión Europea. Se temos que traballar para unha Europa unida, Portugal é o país que temos á beira e que está sabendo transformarse, de feito, mellor e máis rápido ca nós.

Querése dicir que, pese a todo, parece que, pouco a pouco, vai fortalecéndose na axenda pública a necesidade de reclamar investimentos para mellorar as formas de transporte, en especial o de mercadorías por tren, como modo de favorecer a competitividade da economía galega. E non só iso: tamén que conectar ben as cidades galegas e as portuguesas, crear as condicións para unha economía de aglomeración que conte con esa masa crítica de poboación que vive no Eixo Atlántico, de Ferrol a Lisboa, está pasando a ser, cada vez máis, unha idea compartida. Galicia e Portugal son unha área económica emerxente.

Ese horizonte, na medida en que vai xerando consenso dentro de Galicia, favorecerá que ese interese galego sexa considerado razón de Estado. Repito que para a Unión Europea ese horizonte transfronteirizo é un obxectivo dende hai moito tempo, como así se manifesta nas súas directivas. As propias organizacións empresariais, a Confederación de Empresarios de Galicia e institucións como o Foro Ecónomico de Galicia comparten esa perspectiva. O consenso entre economistas arredor deste punto de vista é case unánime.

Falta, no entanto, que finalmente a perspectiva pase da axenda pública, da mente colectiva, a materializarse en orzamentos e obras.

“Unha cousa é unha cousa, e outra cousa é outra cousa”. As diferentes forzas políticas teñen que defender as súas metas específicas e a propia personalidade. Por suposto, non cabe dúbida de que, a día de hoxe, sería un goberno socialista o que tería que incluír estas cuestións nos Orzamentos do Estado. Non sempre será así: dentro dun ano cabe que o goberno central estea nas mans do PP e sexan os conservadores os que teñan que decidir o destino territorial dos fondos públicos. Sería inxenuo non entender que, cando se trata de prioridades e diñeiro, ese factor non conta no xogo político.

Pero segue sendo certo que ninguén vai concretar e defender os intereses de Galicia se non o facemos os propios galegos. E as forzas políticas que nos representan farían ben non só en chegar no Parlamento de Galicia a definir prioridades e horizonte, senón en evitar que esas tomas de posición sexan papel mollado, como sucede tantas veces. Nada vale aprobar mocións a beneficio de inventario se non se fan valer eses puntos de vista ante o Goberno central.

O Goberno galego, polo demais, no marco das súas competencias tamén ten moito por facer. 5.000 millóns investidos no metro de Bilbao, 7.000 millóns na conexión ferroviaria entre as cidades vascas, pode ser un exemplo. Talvez a conexión entre Ferrol e A Coruña ou as cercanías non són necesariamente asunto exclusivo do Goberno central. A planificación e definición de obxectivos pode parecer un asunto menor. Pero se non sabemos que queremos, podemos e debemos facer non o faremos xamais.

Sería imposible que eses consensos se visualizasen nun acto público que mostrase unha axenda pública compartida entre forzas políticas, empresarios e sindicatos e outras entidades e personalidades? Non debería selo. Un acto así constituiría unha sorte de compromiso público que, inevitablemente, daría forza a un horizonte común.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats