O guitarrista Steve Vai chega a Vigo, a música de órgano inunda Santiago e A Coruña lembra os inicios de Picasso
Ás portas da Semana Santa, a actividade cultural deixa aínda un bo número de concertos e outros actos salientables, aínda que a visita máis importante é a que reciben en Vigo co concerto do mítico guitarrista norteamericano Steve Vai, que tocou con grandes lendas da música como Frank Zappa. As actuacións musicais non paran aí porque o británico Matt Elliot parará na Coruña e Lisa & The Lips, banda encabezada pola potente presenza da vocalista Lisa Kekaula, farao en Santiago e Vigo.
En Santiago celebran esta semana un ciclo que leva varios anos en marcha e que enche de música de órgano diferentes igrexas da cidade. De lugares y órganos é o nome dun festival que ofrece propostas musicais e vocais que se afastan do trillado. Tamén chega esta fin de semana a Compostela a xira deses magos do humor chamados Carlos Blanco e Touriñán, co seu espectáculo Somos Criminais 3, que garante a risa e saír do teatro cun sorriso. E na Coruña acaba de inaugurarse no Museo de Belas Artes a exposición Picasso blanco en el recuerdo azul, que afonda nas influencias que os anos que pasou na Coruña tiveron na obra do pintor. Unha proposta alternativa para estes días nos que as rúas se enchen de procesións e a programación cultural fai un certo descanso.
Un xenio da guitarra en Galicia. Auditorio Mar de Vigo. Martes 4 de abril
O gran guitarrista estadounidense Steve Vai chega á cidade olímpica -onde xa realizou unha lembrada actuación en 2016- co aval dunha carreira de máis de 30 anos nos que vendeu máis de 15 millóns de discos e gañou tres premios Grammy. O seu disco Inviolate, publicado en 2022, dá nome a unha xira que permitirá gozar unha vez máis das composicións dun músico que tocou con figuras do rock como Frank Zappa, Joe Satriani, David Lee Roth ou Brian May, entre outros. Podes mercar as entradas aquí.
De lugares y órganos en Santiago. Do venres 31 ao sábado 8
O ciclo de música de órgano que se celebra en diferentes espazos arquitectónicos do casco histórico compostelán sorprende un ano máis con propostas como o concerto inaugural, de Capella Sancta María, e dedicado á música nos conventos femininos. Pero hai outras opcións musicais e mesmo unha sesión de cine mudo con música en directo que terá lugar na sala Numax. Os concertos son gratuítos e as entradas están dispoñibles na Zona C ou xusto antes dos eventos se hai praza. Podes consultar o programa completo aquí.
Lisa & The Lips en Santiago e Vigo. Sala Capitol e Rouge. Venres 31 e sábado 1
A banda que amosa o lado máis soul do grupo The Bellrays (habituais das salas galegas) chega agora ao Capitol de Santiago e ao Rouge de Vigo. Presentarán en directo dúas novas cancións do seu próximo disco e seguro que o darán todo como xa o fan co grupo que inclúe a vocalista Lisa Kekaula, unha verdadeira forza da natureza no escenario. As entradas pódense mercar aquí.
A pegada da Coruña en Picasso. Museo de Belas Artes. Ata o 25 de xuño
A exposición que repasa a influencia da época coruñesa na posterior traxectoria do xenio malagueño está aberta dende hai uns días no Museo de Belas Artes. Picasso viviu entre 1891 e 1895 na Coruña coa súa familia e as paisaxes e vivencias daquel período xuvenil quedaron máis tarde reflectidas na súa obra. A través dos dez capítulos nos que se divide a exposición, afonda nas pegadas da súa mocidade e dos seus inicios na pintura na súa obra posterior. Inclúese un apartado dedicado aos escritos de Picasso. A mostra forma parte do ciclo que se celebra nas cidades picassianas de toda Europa para conmemorar o 50 aniversario da morte do pintor. Aquí podes atopar máis información.
Outras propostas:
Matt Elliott na Coruña: O músico británico, antes coñecido como The Third Eye Foundation, chega o domingo 2 de abril ao Club Uni da Coruña. Aquí, as entradas.
Somos Criminais 3 en Santiago: O dúo cómico composto por Carlos Blanco e Touriñán chega ao Auditorio de Galicia o sábado día 1 nunha dobre sesión que garante a risa para todos. As entradas pódense mercar aquí.
Aniversario da Sala Capitol: Unha das principais salas de concertos de Galicia celebra o sábado 1 de abril os seus 20 anos de vida cunha festa que terá moitas sorpresas musicais. As entradas están dispoñibles aquí.
Día das Artes na Cidade da Cultura: O complexo do Gaiás de Santiago acolle esta fin de semana un par de concertos con motivo do Día das Artes. O sábado 1 LaMontage e PicoAmperio estarán na Biblioteca de Galicia e o domingo 2 no Edificio Fontán Carolina Moncada interpretará unha peza do trobador Martín Códax musicada por Borja Mariño. Podes mercar as entradas aquí.
0