Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

A forma urbana galega como modelo de vida desexable

0

Opina David Wootton en Matasanos. Una historia de los errores de la medicina (Shackleton books, 2025) que ata 1865 os médicos, que seguían a longa tradición da terapia que proviña de Hipócrates, fixeron máis mal que ben. Para Wootton só cando a medicina comezou coa práctica dos rexistros e da súa análise e a partires da teoría microbiana da enfermidade quedou claro que as terapias convencionais non funcionaban.

Sucede que xa en 1597 Félix Platter formulara unha teoría xerminal do contaxio, en 1677 Leeuwenhoek observara xermes no seu microscopio e en 1752 Pringle xa estaba traballando en antisépticos. O gran enigma é, pois “por que transcorreu tanto tempo ata que alguén utilizara ese coñecemento para formular unha teoría que tivera unha aplicación médica”.

A resposta é que existía unha barreira epistemolóxica, fronteiras psicolóxicas e culturais que impedían ese progreso intelectual. Poñer en cuestión a medicina normal era desafíar as formas imperantes de pensar e actuar.

Afirmar, de forma taxativa, que Galicia é unha sociedade urbana non ten nada de particular, pois, como sostén o xeógrafo Horacio Capel “dende unha perspectiva sociolóxica e antropolóxica pode afirmarse que nos países industrializados toda a poboación é urbana, no sentido de que posúe pautas de comportamento, actitudes e sistemas de valores semellantes aos dos cidadáns”.

A día de hoxe a estrutura económica e social de Galicia non difire grande cousa doutras sociedades europeas. Abonda con mirar para a xente, ver as modas e os modos, os polígonos industriais, as estradas cheas, os fogares conectados a plataformas de streaming así en Castro de Ribeiras de Lea como en Ourense, os centros comerciais diseminados en medidas distancias por toda a xeografía. Abonda fixarse na xente nos supermercados, pillar as conversacións ao vó na rúa, saber mirar o estilo con que a xente se viste, a maneira en que proxecta a súa imaxe, en que imita ou non as culturas mainstream. O paseante perspicaz é un sociólogo de alto nivel.

Medida polo nivel de urbanización, renda per cápita, peso do sector servizos, industrial e primario, ou tomando en conta ás formas de vida e as actitudes, moi determinadas polos medios de comunicación e transporte, Galicia é unha sociedade cunha poboación cada vez máis homoxénea respecto á súa contorna europea. Outra cousa é que esa homoxeneidade se vexa confrontada polos medre da desigualdade e fragmentación sociais, na liña das sociedades occidentais. Ou que ao idioma e cultura propias lles vaia como lle vai.

Sendo así, o paso seguinte é preguntarse polas modalidades da vida urbana e, como derivada, polas metas que ha de postularse a sociedade galega. Ás clases medias, fráxiles e inestables, non lles gusta incluírse na conta. Observarse e xulgarse a si mesmas. Aman mirar dende o exterior, inducindo a distancia. Tal vez esa é a raíz do desfase e da barreira epistemolóxica que resiste á posibilidade dunha auto comprensión máis aguda. Non cabe unha película máis sobre o rural. Ao tempo, un ve Romería, a película de Carla Simón, e nota o raro que é ver na pantalla contextos de clase media alta viguesa. Parece que o que chamamos Galicia está reducido a un par de rexistros sociais. Matria, de Álvaro Gago ou a recente As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, por fortuna, escapan a ese tópico.

Hai que saber mirar o pasado, ok. Pero, que pasará con Stellantis ou Inditex? Con Abanca e as universidades privadas? Como evolucionarán as cristalizacións políticas? Como cabe entender as prácticas das clases medias de hoxe? Que intentan imitar ou como se orientan? Que ansiedades as conducen? En definitiva: que modelo social podemos e debemos implementar? Que formas de vida? Como cultivar o sentido da prospectiva ? Como encarar as moitas posibilidades que encerra o futuro? Como incardinar un novo relato de Galicia na apertura ao porvir?

Como no ámbito da medicina, a resistencia a cambiar de paradigma é fortísima. Por suposto, a Praza de Compostela e Teis son universos distintos como Juan Flórez ou os Mallos. A rúa da Torre, a Gaiteira, Os Rosais ou Novo Mesoiro na Coruña. En Vigo Navia, Matamá ou Lavadores. A súa socioloxía rara vez aparece no radar da conversa pública. Todos sabemos que no Parrote ou Canido viven as rendas altísimas, que Teis ou a Sagrada Familia son barrios populares. Que a Agra do Orzán, ou Casablanca son, a día de hoxe, multiétnicos, como tantas vilas, de Vilalba a Lalín. Non temos que tematizar isto?.

O bo que ten Galicia, precisamente, é que é dun tamaño manexable. A forma urbana galega, un diamante de sete puntas, é, en realidade, un modelo envexable. Hai que saber velo. As áreas urbanas e as cidades galegas, de tamaño medio, son moi vivibles. Unha riqueza. Por non falar da nosa paisaxe natural, do clima e do océano. Un luxo. Temos ante nós a oportunidade de manter e recrear entre todos unha gran calidade de vida que se está perdendo nas xentrificadas urbes do mundo que dalgún modo están deixando de ser cidades. Temos que saber narrar ese relato. Non deberiamos perder o momento. A ocasión píntana calva.

Hai que saber coser as cidades dentro do seu perímetro e coas súas áreas urbanas; hai que promover cidades densas. Ao mesmo tempo hai que impulsar modos de policentrismo para descargar de funcións os centros urbanos. Xa é hora de impulsar tranvías e trens de cercanías. E de construír un anel ferroviario que una de modo eficiente Ferrol con Coruña, Lugo con Coruña, Ourense con Vigo. Facer de Galicia unha cidade única coa súa prolongación natural ao norte de Portugal. O pequeno libro A mobilidade e o transporte en Galicia de Miguel Pazos e Mateo Varela é un resumo do programa a desenvolver.

Temos por diante a ocasión de construír a masa crítica que permita innovar, crear valor, soster e transmitir unha cultura singular, ter unha vida plena. Realmente, alguén cre que é mellor, a día de hoxe, vivir en Madrid ou París, urbes que están perdendo o sentido da medida? O ideal de cidade cúmprese mellor nas rúas que recorremos cada día. No Calvario, en Bouzas, ou na Rúa do Príncipe; en Monte Alto, na Estrela e na Franxa ou en Santa Cruz. Ou en Lalín ou Boiro. Un urbanismo crítico podería ser unha gran contribución a ese ideal, e a conformar identidades urbanas auténticas, e Chipperfield non vai ser quen o resolva.

Pero hai grandes perigos. As cidades galegas estánse segmentando socialmente, e transformando esa segmentación en segregación espacial, como sucede un pouco por toda a parte. Hai que resistir as tendencias de fondo do tecnofeudalismo, a xentrificación e oligarquización, cos instrumentos que teñamos, crear vivenda pública, emprego de calidade con salarios altos e boas condicións de vida. A desigualdade quebra a cohesión social e o sentido de comunidade. Os prezos da vivenda poden ancorar a boa parte da poboación na pobreza e, como indica Richard Florida, “non hai economía urbana funcional se un profesor, un enfermeiro ou un empregado de restaurante non pode vivir a unha distancia razonable do seu traballo”.

Evitar que a cidade sexa obxecto de rapiña e acabe en mans de construtoras, promotoras, bancos e fondos de investimento é fundamental. Para iso está a política. A Xunta de Galicia non ten moitas competencias, pero aínda así é moito o que pode e debe facer, o mesmo que os concellos. Dous exemplos. Está no horizonte inmediato que unha parte da franxa costeira se sature. O mercado de vivenda turística, que tende tamén á concentración en poucas mans, non pode desfasarse sen que os habitantes usuais o paguen. Ninguén pode enganarse sobre algo acerca do que xa existe moita evidencia acumulada.

A pregunta é, como se pregunta Wootton no caso da historia da medicina: que resistencias psicolóxicas, que barreiras mentais impiden dotarnos dun paradigma de comprensión de Galicia apropiado á experiencia presente? Quedan poucas dúbidas de que a nosa paisaxe social experimentou unha transformación de raíz nas últimas décadas. Como podemos entón encarar a Galicia de hoxe, definila de modo apropiado, sen quedar colgados de representacións imaxinarias do país que están fóra do seu tempo? Como podemos aportar un pouco de foco, saír dunha autoimaxe equívoca, pouco útil para encarar o futuro? Entre tantas outras, proxectar unha forma urbana desexable constitúe unha tarefa central. Hai que saber velo.