Guía para fortalecer a convivencia entre a Consellaría de educación e o profesorado galego
Este mes a Consellaría de Educación presentou unha Guía para fortalecer a convivencia e inclusión nos colexios e institutos. Non é nada novo, practicamente cada ano sacan unha iniciativa a custo cero (poida que só gasten na luz da sala de prensa o tempo que dura a presentación), inzada de “abordaxes multimodais” e “enfoques proactivos” para que o profesorado siga a facer malabares cos poucos recursos cos que conta ante problemáticas cada vez máis complicadas. Perdón, onde dixen problemáticas quería dicir oportunidades, como indica a nova guía. Para empregar a retórica da que tanto gusta Román Rodríguez, digamos que nos centros de ensino estanse a presentar oportunidades multiocasionais para poñermos en práctica técnicas de prevención de conflitos nun contexto profesoral deficitario.
A guía en si non ten nada de malo, inclúe modelos de convivencia positiva, xustiza restaurativa, enfoques baseados na cooperación fronte aos problemas, e en xeral perspectivas metodolóxicas que levan anos facendo parte de distintos programas formativos do profesorado e que a maioría de nós xa tentamos aplicar nas aulas. Céntrase nas indicacións para actuar en cooperación coas familias e co alumnado. O que me chamou poderosamente a atención é que non haxa un apartado sobre como resolver os numerosos conflitos que esta administración ten abertos coa comunidade educativa.
O profesorado galego vén de convocar unha nova xornada de folga para abril, coas mesmas reivindicacións que en todas as anteriores: redución de ratios, substitución das baixas, incremento de recursos nos centros, recuperación das condicións de traballo anteriores á crise de 2008 e diálogo coa administración. Lonxe de ver este conflito co profesorado como algo natural e positivo, como indica a súa guía, Román Rodríguez percíbenos como adversarios aos que castigar para restablecer a orde, e debería saber que iso é moi da vella escola e nada proactivo.
O modelo de convivencia que propón a guía da consellaría fai fincapé nun concepto de autoridade afastado da imposición e baseado na construción do respecto mutuo, algo que o conselleiro esqueceu ter en conta cando decidiu nomear o ex alcalde de Noia como director territorial de Educación na provincia da Coruña. Non é un segredo que o modelo de autoridade predilecto de Santiago Freire ten pouco de respecto mutuo e moito máis de golpe de Estado. Xa é a segunda autoridade “reactiva” que nos coa o conselleiro en menos dun ano, despois do subdirector xeral de Inspección que nos chama clase ociosa e se pregunta a que vén a teima co galego.
Canto ao papel das familias, a guía indica que a fórmula ideal para garantir o éxito escolar pasa porque os membros da comunidade educativa teñan unha participación representativa nos órganos que toman as decisións dos centros, como xa acontece no Consello Escolar. Non aclara a guía para que serve o consenso e o traballo de toda a comunidade educativa á hora de, por exemplo, actualizar o nome dun centro de ensino para reivindicar un barrio histórico como a Almáciga de Santiago, se despois chega o PP e decide que o consenso obedece a intereses espurios e que a participación representativa das familias está moi ben sempre e cando non vaia contra a sensibilidade relixiosa de Borja Verea.
Está claro que para Román Rodríguez fortalecer a convivencia e a inclusión é unha tarefa exclusiva do profesorado galego, a realizar en solitario, sen máis recursos destinados á inclusión, como profesorado de apoio ou coidadores, sen ninguén con quen dialogar nas xefaturas territoriais nin na inspección, e sen poderse apoiar nas familias. A guía, cos seus diagramas innovadores e os seus bonitos gráficos, quedará xenial impresa a toda cor sobre a mesa do despacho dalgún alto cargo da consellería, para que cando a prensa afín os entreviste xusto antes da próxima folga de profesorado, eles poidan dicir que de protestas non saben nada, que están moi ocupados innovando.