Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Política económica da crise

El coronavirus para la industria del motor y provoca un goteo de ERTE

María do Carme García-Negro

1

Hai un cuase-consenso entre cidadáns que se consideran sensatos -e que non teñen, para nós, por que desmerecer esta condición- que aseveran que non é momento de facer críticas á actuación do goberno. Os argumentos son do tipo de: este asunto foi un suceso absolutamente inesperado; seguíronse as indicacións de organizacións internacionais –OMS-; a Unión Europea non usou os mecanismos comunitarios diante dunha pandemia… Sendo acertadas algunhas destas aseveracións, o certo tamén é que só un concepto adolescente da responsabilidade en xeral, e da de goberno en particular, podería ser aplicábel ao caso da xestión da crise e á focaxe da súa xestión económica. Por esta razón, e non por insensatez nen por aproveitamento político ou electoral de ningún tipo, e, moito menos, por falar en nome dun grupo de presión, é mesmo sensato analizar criticamente o que se fixo, e examinar o que aínda se podería facer.

A experiencia que temos na Galiza de catástrofes permítenos afirmar que o mellor resultado do impacto económico dunha crise desta natureza é a evitación do seu desenvolvemento, tanto no tempo como no espazo. Así, por exemplo, na catástrofe tecnolóxica do Prestige tería sido moito menos grave (ecolóxica e economicamente falando) a recollida do barco e da súa carga nun porto, antes do afundimento e da conseguinte derramadura daquelas 77.000 tonelas de fuel con 2.000 quilómetros de costa contaminada que o fixeron merecente do título -para a historia- do maior desastre ecolóxico da UE. Neste caso, no caso da pandemia do COVID-19, a mellor medida sería aquela que garantira unha evitación do desastre nos termos e modos máis rigorosos posíbel.

É de esperar que non sexa unha proposta persoal exclusiva de quen subscrebe. Non obstante, non coñezo cita algunha neste sentido (por estes lares), mais só ollando os nosos conxéneres asiáticos se pode deducir que unha actuación nese sentido xa está posta en práctica. O resultado final da crise sanitaria tería sido completamente distinto se no comezo se tivesen tomado medidas duras de identificación, diagnóstico e tratamento dos focos primeiros. O cerramento total de fronteiras exteriores e interiores, logrando o illamento dos primeiros contaxiados coñecidos, así como o seguimento exhaustivo dos posíbeis contaxiados secundarios, tería evitado as actuais medidas, o gasto conseguinte, e a crise económica que se bota enriba inevitabelmente.

Se examinamos de vagar a secuencia temporal de actuacións que remataron coa suspensión da World Mobile Congress (data de suspensión: 10/02/2020) en Barcelona, veremos como antes da suspensión pola organización do congreso (adiado a 2021) déronse de baixa en asistencia varias das compañías mundiais máis representativas do sector, a comezar precisamente polas asiáticas, argumentando que non tiñan disposición de submeteren os seus empregados a posíbel contaxio, visto o desenvolvemento da epidemia en China. Non foi comprendido (non sabemos se examinado), mais o certo é que o día 13 de febreiro os componentes do novo goberno de coalición estaban tomando posesión nunha cerimonia retransmitida con toda a solemnidade e tamén con toda a autocompracencia dun logro que semellaba un triunfo, en lugar dun proceso normalizado de constitución dunha coalición.

E, con estes comezos, non debeu de ser atractivo que as primeiras actuacións do goberno tivesen unha lectura distinta da progresía ben entendida. As valoracións atinentes ás medidas de política económica que poidesen pór en risco o turismo, as exportacións de mercadorías ou os acordos internos para levar a cabo as negociacións conducentes á aprobación dun orzamento público convertido nun obxectivo en si mesmo, foron utilizando os días e as semanas até que sen outras medidas se fixo imprescindíbel o confinamento, primeiro, e a suspensión de actividades non estratéxicas, despois: un mes máis alá da toma de posesión con 7.753 casos coñecidos, 288 falecidos e 382 hospitalizados en UCI.

Nos países de Asia con experiencia noutras epidemias anteriores, mesmo descoñecendo as características deste virus, levaron a termo políticas de prevención cun resultado excelente. Neste sentido, o diagnóstico precoz e o illamento, xunto coas probas correspondentes dos posíbeis contaxiados, partindo de todos e cada un dos primeiros diagnosticados, foi garantía do control do contaxio e con el de todas as consecuencias asociadas. Para levar a cabo o diagnóstico precoz tería sido indispensábel ter a capacidade tanto técnica como material de levalo a termo.

Non se fixo e, a seguir, ante a evidencia da gravidade da extensión dos contaxios e, de novo, sen probas masivas de diagnóstico, dítase a declaración de estado de alarma para confinar a maior parte posíbel da poboación, controlando a interacción social e permitindo actividades económicas fabrís e de servizos básicos, que por mor da súa situación territorial relativamente concentrada, non foron suficientes para cumpriren os obxectivos perseguidos. Un paso máis significou hai oito días o cerramento de moitas outras actividades permitindo só aquelas que foron consideradas imprescindíbeis (estratéxicas para nós, e esenciais en termos da lei).

É evidente, para os economistas, que, sen subministración exterior, é imposíbel pechar toda a actividade económica dun país; en China foron quen de realizaren o confinamento e cerramento total dunha provincia (40 millóns de persoas), mais quedaron actuando e vivendo con normalidade outros 1.300 millóns. Aquí era impensábel nada parecido; por tanto, o único posíbel foi minimizar efeitos. E aquí comezou o calvario (diriamos, o que está pasando a ministra Calviño) dun camiño que a cada paso semella en caída libre pola pendente do gasto. E un gasto realizado por un goberno sen orzamento propio e sen perspectivas de financeiras novas a curto prazo, senón todo o contrario.

A natureza do gasto realizado tamén pode ser examinado desde a perspectiva da adecuación -en contido- das medidas de política económica ante unha situación como esta. Visto que vai ser preciso un desembolso público sen precedentes para paliar a crise económica provocada pola paralización da vida e da actividade económica dun período normal, hai dúas posibilidades de facelo, mesmo no seo da ortodoxia económica gobernamental. Unha, paliar na medida do posíbel e a curto prazo a caída do consumo derivada da caída de emprego; subsidiar o desemprego, a caída de actividade, e o descenso de ingresos das empresas (mesmo das robustas en beneficios). Unha outra consistiría na subvención e/ou disposición financeira con facilidades ao tecido produtivo propio e imprescindíbel para cubrir as necesidades da poboación en momento de confinamento e de requerimentos extraordinarios en persoal e máis en subministracións sanitarias. Mesmo, se for preciso, nacionalizar ou submeter a control público, durante o período extraordinario, empresas e actividades estratéxicas. Sería fundamental, para guarda da lexitimidade futura das medidas que haberán de se implementar para pagar o presente, que o destino e a xénese dos fondos utilizados se correspondesen coas dispoñibilidades do Goberno, é decir, coa base fiscal existente e co bo uso para a economía española dos fondos públicos españois.

A dicotomía entre unha focaxe e outra fica de manifesto ao sinalar o trazo da cadea de valor dunha parte da potente industria española: non comeza nen remata aquí. Forma parte dunha cadea de produción e, polo tanto, de valor, europea no mellor dos casos, e no menos bo, chinesa. Estamos a decir que se un ERTE libera a industria automobilística instalada en España dun gasto alícuota e solidario da crise sofrida en España, de facto subvencionamos con fondos fiscais a industria automobilística europea. Este caso serve para todas e cada unha das actividades que poidamos situar na mesma relación estrutural co tecido produtivo español.

Se, pola contra, o tecido produtivo de pequena e mediana empresa non resulta obxecto das medidas, nen pode aspirar máis que a un crédito subvencionado, a política económica será un colaborador necesario para o seu cerramento definitivo. Para rematar e enlazar coas medidas paliativas da caída do consumo a corto prazo. Visto o panorama actual de dotación industrial en España, en concreto, e tamén en Europa, subvencionar o consumo para que se manifeste como o realizado ante-crise, é, de facto, contribuír ao mantemento da demanda exterior pola vía chinesa, o que equivale a decir: reforzar a cadea de valor que remata en China.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats