Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A pregunta do millón
Nas primeiras eleccións democráticas, as xerais de 1977, a suma de UCD e AP pasou do 67% dos votos. O PSdeG obtivo o 15%, 4,7% o PSP, 3% o PCG, 2,5% o PSG e 2% o BN-PG. Nas primeiras eleccións ao Parlamento galego, que tiveron lugar en 1981, UCD/AP alcanzaron o 60% dos votos. O 32% dos votos foi repartido entre sete partidos, o maior dos cales, o PSdeG, obtivo o 19,5 %, mentres o BNG o 6,3. A porcentaxe de participación foi baixa dabondo –do 46%–. 60% fronte a 30%: unha distancia que parecía insalvable.
Pero Galicia cambiou a ollos vista: no económico, no social, no cultural, no político. A sensibilidade e a atmosfera de hoxe ten moi pouco que ver coa dos anos sesenta, a década que marcou a inflexión. Está por facer un relato detallado e comprehensivo desa Grande Transformación no último terzo do século XX. Non será fácil construílo e quen o faiga terá que pisar moitos callos e destruír todo un imaxinario: ánimo a quen se atreva.
No terreo político e electoral, a década dos 80 foi a máis convulsa. A dos 90 marcou o panorama que seguimos habitando. Tres partidos que articulan o voto, pero non reflexan a complexidade do país. A dereita unificada no PP, e na outra banda do río, o PSdeG e o BNG, só ocasionalmente discutidos polo grande fiasco que foron AGE e as Mareas.
Asombra a estabilidade das porcentaxes de voto nos últimos trinta anos. PSdeG/BNG están na contorna do 45-46% dos votos. O PP pasou do seu top, o 52´6 de 1993 ao 47´4 de 2024. Un desgaste mínimo, nin tan siquera contrariado pola aparición de Vox.
A pregunta é: como explicar esa consistencia das porcentaxes. Unha parte da explicación ten que incluír o ciclo político español e mundial no mesmo período. Tratar Galicia como unha mónada pechada en si mesma non é perceptivo nin intelixente. Pero parece plausible tamén establecer unha relación entre os procesos de urbanización/proletarización/emerxencia de novas clases medias e de novas elites, dunha banda, e o reaxuste da configuración política, pola outra. Un reaxuste que deu lugar a unha perda de peso das opcións conservadoras entre 1977 e 1997, para despois, ata o día de hoxe, pasar o PP a manterse, practicamente sen cambios, en torno ao 46-47%. Na outra banda do espectro, unha racionalización do espazo progresista e nacionalista, reducido a dúas opcións –sempre coa significativa emerxencia de AGE e as Mareas entre 2012 e 2020– que se manexa arredor do 45%, pero incapaz de reducir o crédito e o voto ao PP. Salvo na convocatoria de 2005, cun Fraga moi demediado polo peso dos anos e polas accións espúreas dos seus propios secuaces.
No século XXI o dinamismo económico de Galicia mantívose, pese á crise de 2008 e a pandemia. Presumiblemente non pola acción ou a presciencia do goberno galego, pero así foi. Os datos dispoñibles confírmano e os galegos, en conxunto, así o perciben. Os servizos públicos, aínda degradados, non experimentaron o deterioro que viviron, por exemplo, en Madrid. Tal vez iso explique parte da continuidade do voto. O ciclo político español e mundial, marcado por unha revolución conservadora, xoga o seu papel. O mesmo que a súa abrumadora hexemonía mediática e a liña directa que une ao PP de Galicia cos centros de poder. E non hai que disminuír o peso do aparello de partido: nas últimas eleccións, ante o temor á perda da Xunta, a súa capacidade de mobilización foi óptima.
Para complicalo máis, parece cada vez máis claro que nos acercamos a unha regresión xeneralizada en Occidente. Todo parece indicar que as liberdade civís, a racionalidade na esfera pública, a tranquilidade democrática, van ser postas en cuestión por líderes autocráticos apoiados en masas cheas de ira, resentimento e estupidez. Como hai case cen anos. A responsabilidade dos medios de comunicación na creación de atmosferas irrespirables é evidente, o mesmo que a disposición do público a deixar en suspenso a súa intelixencia, frecuentemente abducida. Os riscos son cada vez máis enormes, como o é a incerteza. Facer prognósticos é cada vez máis comprometido pero, se veñen mal dadas, o máis probable é que os máis se coloquen debaixo do caparazón e os malos se medren e se fagan máis brutos e máis malvados. Como xa está pasando. Excúsenme polo pesimismo, pero a experiencia é o que ten...
É certo que o PP ten un flanco ao descuberto. Carece de personalidade política. Vive, ben da polarización española, ben da inercia da identidade que foi sementada na era Fraga. A forza que lle dá o manexo da maquinaria da Xunta e dos orzamentos é innegable. Pero tal vez a trabe sobre a que asenta o seu poder de modo máis decidido ten que ver coa naturalización do seu poder: coa dificultade de imaxinar unha Galicia non gobernada polo PP.
Se entendo ben o pulso social, o PP é o partido do “virgencita, ¡que me quede como estoy!”. O partido da mediocridade, da ausencia de horizonte e ambición. Implica conformidade coa propia situación. Un retrato dunha certa Galicia. A súa política lingüística consiste en disimular o cómodos que se sentirían se non tivesen que finxir que lles importa algo. Aínda máis, se se toma TVG como un síntoma, hai que pensar que ao menos a metade dese partido comparte a visión torpe, vulgar, choqueira, badoca, insulsa, de feito denigratoria, de Galicia que transmite ese medio. Súponse que un medio público debe de contribuír á elevación intelectual e moral da súa comunidade, con obxectividade e respecto ao pluralismo. TVG é todo o contrario: o pailanismo convertido en institución risible. Cando esta xente pensa en Galicia non se lles pasa pola cabeza a sofisticación cultural e o bo gusto, nin os logros económicos e empresariais, senón ese feixe de estupideces soeces que eles identifican con Galicia. O perfil dos que hoxe comandan o PP, temo, é o do licenciado en calquera cousa que non ten un gramo de cerebro fóra do temario. En fin, tal vez no perfil de instagram: no cubo de postureos ordinarios e infames.
En todo caso, a pregunta do millón é esta: por que dende hai case trinta anos PSdeG e BNG son incapaces de morder no espazo do Partido Popular? Como explicar esa estabilidade das porcentaxes electorais? Algo que é máis difícil de entender se se considera que, en realidade, os grandes cambios en infraestruturas, equipamentos públicos –hospitais, centros de ensino, etcétera- e, ao mesmo tempo, unha sensación xeneral de dinamismo e transformación correspondéronse no tempo coa era Fraga. É dicir que, dende hai vinte anos, a xestión da Xunta é gris, mero facerse cargo do día a dia. E un retroceso paulatino da calidade das institucións. Posiblemente, opere o temor a que as cousas vaian aínda a peor. O PP ofrece a confianza no xa coñecido. Ren máis.
Sería absurdo non poñer, entre os activos do PP, o combate insomne entre PSdeG e BNG por gozar da hexemonía nun hipotético goberno que sempre se lles escapa. A percepción, por parte do electorado, das liortas entre ambos constitúe un poderoso factor de desilusión e non contribúe a incentivar o voto. Ademais, non abonda con críticar ao PP. Parece que os hai que votar por ser eles quen son. E non vai diso. Teñen que convencerse eles, e convencernos aos demais, que Galicia pode ser ela mesma, pero lograda. Un país e un estilo de vida a envexar no mundo. Un país moderno, industrial, vibrante, feliz, de primeiro nivel. Hai vimbios, pero hai que sabelos identificar e poñer mans á obra
Obsérvese que Galicia non é Cataluña nin Euskadi. A industrialización e o peso de fortes culturas políticas nacionalistas e progresistas, herdadas dende antes da Guerra Civil e que derivaron en poderosos movementos de oposición á ditadura, fixo que neses dous territorios as forzas herdeiras do franquismo estiveran deslexitimadas dende o inicio da democracia. Non é o caso de Galicia. Aquí ainda non se producira, previa á Guerra Civil, a masa crítica que, de modo transversal, facilitara esa deslexitimación. Tal vez dez anos maís abondarían para a modernización e o asentamento de clases medias reactivas á inmensa volta atrás que supuxo a ditadura. Pero non deu tempo a que se desenvolveran e asentaran. Por iso, cando morre Franco o peso da oposición é considerable entre estudantes –dou fe– e obreiros urbanos pero escaso no conxunto da poboación, a comezar polas clases medias e altas, moitas veces nacidas no franquismo e por causa del –enchufes, contratos, concesións, etcétera– e os labregos, rara vez independentes na súa orientación. Os intermediarios tiveron un papel decisivo: a práctica totalidade dos actores politicos da democracia no ámbito conservador proviñan das estruturas do réxime.
Ademais, a chegada da democracia coincidiu no tempo co declive das culturas políticas herdadas da Guerra Mundial. O consumo e a cultura de masas disolveron os movementos de esquerda tanto como a democracia cristiana. En Galicia, como noutras partes de Europa, a base dos partidos é fundamentalmente de clases medias educadas e os partidos funcionan como un mecanismo de selección de elites coa mirada posta na competencia electoral. Os partidos deixaron de ser partidos de masas e de teren capacidade de xerar identidade. A partires de aí foi –é– a esfera mediática a que se arrogou ese papel.
O PSdeG, realmente, vivíu sempre da identidade política creada a partir da irradiación do goberno central. Partido de aluvión, a súa identidade real foi creada sobre a matriz dos anos de gobernos socialistas (1982-1996) e moi determinada pola xeira de Francisco Vázquez. Só na época de Emilio Pérez Touriño que viña do PCG, e con Antón Louro na secretaría de Organización, que viña do PSG, houbo certo intento de configurar unha personalidade política propia e unha estrutura de partido propiamente galega. A día de hoxe continúa incoloro, inodoro e insípido. O asesor de Inés Rey, Rodri Suárez, intenta crear unha liña sobre a base da fusión entre culturas urbanas e galeguismo que, se ben prometedora, é declinada por el con excesiva xesticulación e agresividade. A outra liña, a de Abel Caballero, está fundada na identificación do líder coa cidade, e nunha xestión moi activa e eficaz con elementos de disneypolitics que dende logo funcionan. Populismo dirían algúns.
O BNG, que partíu dun modesto 2% nas primeiras eleccións de 1977 soubo remontar, con grande resiliencia, sobre a base da patrimonialización do nacionalismo e a absorción do electorado de esquerdas proveniente tanto do espectro socialista como do eurocomunista. Dotado dunha base militante relativamente reducida, pero moi dinámica, foi ensanchando o seu espazo. Algo nada fácil, dadas as tensións derivadas da súa estrutura organizativa, tan peculiar, e da constante e irresoluta dialéctica, por non dicir aberta contradicción, entre o aumento do perímetro social e as necesidades de poder e lexitimación política do núcleo irradiador. Perdoenme que o diga desta maneira, tan tecnocrática: a bo entendedor...
A tensión entre liderados moi eficaces do punto de vista electoral –Beiras, Camilo Nogueira– e estrutura/teoría política anacrónica de fondo é unha constante que nalgún momento o BNG terá que resolver. Posiblemente, moitos pensen, dentro do grupo dirixente, que o acceso ao goberno marcará o punto de non retorno do aggiornamento. Tal vez é ao revés. Tal vez para chegar a gobernar terían que descifrar o enguedello. En todo caso, nunha época en que os liderados políticos están moi personalizados, o BNG soubo construír a figura de Ana Pontón como figura presidenciable. A súa circunferencia é máis ampla que a do partido. Non hai dúbida sobre iso.
En definitiva, BNG e PSdeG teñen que resolver os seguintes aspectos. Primeiro, garantir que, gañe quen gañe, a súa sería unha colaboración leal nun goberno bipartito. Segundo, cada un á súa propia maneira necesitan dotarse de identidades políticas máis moduladas na lonxitude de onda dos seus electores, moi fluídos e inconstantes por certo. Terceiro, necesitan tecnoestruturas, persoal calificado capaz de gobernar e de poñer en marcha políticas radicalmente diversas da Galicia conservadora. Cuarto, necesitan un programa común que asegure solidez e estabilidade e despexe incógnitas.
Necesitan, en definitiva, no só centrarse en negativo, na crítica ao PP, senón proxectar un horizonte de confianza e ilusión. Necesitan estar á altura dunha Galicia posible. Convencernos de que, con eles, o país será máis amable, cálido, culto e avanzado. Son palabras vulgares, cursis, se se quere, pero moi difíciles de poñer en obra. Os países pequenos poden ter problemas de escala pero tamén beneficiarse de poder manexar mellor os seus problemas. Por suposto, o Reino de España e a UE son ámbitos aos que hai que saber contribuír tanto como demandar a satisfacción dos propios intereses. Pero BNG e PSdeG teñen que saber romper, por eles mesmos, o seu teito de cristal. Teñen que atreverse a saber, e ser maduros. Teñen que saír da súa ignorancia culpable e das súas inercias depresivas. Para iso deberían estar BNG e PSdeG. Non para contarnos milongas, senón para responder a un nivel de esixencia, a un ideal do Eu colectivo. Para devolvernos un espello no que nos sexa posible recoñecernos, xa non sen vergoña, senón con auténtica autoestima.
Cumpridas esas condicións sería posible retranquear as fronteiras electorais do PP? Chi lo sa! O que é seguro é que a mera inercia, a confianza na lotería electoral, que é o que caracterizou nos últimos lustros a ambos partidos, só apraza a toma de decisións, pero non pode evitalas. PSdeG e BNG, antes ou despois, terán que desfacer eses nós, baixo pena de reducir o propio espazo, de manter conxelada sine die a situación política en Galicia ou, caso improbable, de ter que resolver dende o goberno o que non se tivo valor para facer na oposición. Claro que tal vez poda suceder que os cascos de cabalo da historia deixen en nada estas consideracións que só teñen sentido nun tempo “normal”.
Nos tempos complicados, de asalto á democracia, que veñen tal vez terán que medrar e madurar a golpes. A estatua de Marco Aurelio é a única que se conserva dun emperador romano. Está no no Museo Capitolino. Consérvase porque os cristiáns pensaron que era de Constantino, o emperador que favoreceu ao cristianismo, motivo polo que non a destruíron. Nas Meditacións Marco Aurelio deixou escrito “Ninguén che dixo que a batalla fose fácil”. Xa saben, “Nesta rusga nâo há lugar pr´os filhos da màe” (José Afonso). Veñen tempos escuros, nos que nada –repito, nada– pode darse por sentado, e ninguén debería ignoralo nin facer como o avestruz. Non velo non evita que pase.