Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

O Día das Letras Galegas homenaxea o exilio republicano en México na figura do galeguista Delgado Gurriarán

O poeta Florencio Delgado Gurriarán

Daniel Salgado

0

Florencio Delgado Gurriarán toma este martes o relevo de Xela Arias como figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. A Real Academia Galega decidiu honrar na figura deste militante galeguista a todo o exilio republicano en México, onde viviu entre a fin da Guerra Civil e a súa morte en 1987. Poeta, tradutor ou impulsor de iniciativas como a fundamental revista Vieiros, a Academia salienta o seu “labor literario e activismo político e cultural, un dos capítulos máis destacados das letras galegas na diáspora”.

Nado na parroquia de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, en 1903, Delgado Gurriarán foi avogado de profesión, con despacho no Barco de Valdeorras. En 1933 ingresou no Partido Galeguista e un ano despois debuta como poeta, con Bebedeira, publicado pola editorial Nós. Cando Franco se levanta en armas contra a legalidade republicana, foxe a Portugal, de alí pasa ao sur de Francia e entra na Barcelona aínda leal á República. En 1938 accede á dirección galeguista como secretario de propaganda. Pero o fascismo vence en 1939. Nas semanas terríbeis que seguen á caída da República, axuda a numerosos combatentes a cruzar a fronteira e refuxiarse en Francia. Ao pouco tempo, colle rumbo ao México presidido por Lázaro Cárdenas, onde chega a bordo do buque Ipanema.

Florencio Delgado Gurriarán axiña integrará o núcleo máis activo do galeguismo republicano no país norteamericano. Con Luís Soto, que fora secretario persoal de Castelao, e o cineasta Carlos Velo, dirixirá o proxecto Vieiros, publicación de gran formato activa entre 1959 e 1968, e que funcionou como vía de comunicación entre exiliados e resistentes do interior. Nas súas páxinas había sitio para “calquera idea literaria artística e filosófica, sempre que fose antifascista e non se apoiase na ditadura”. Ao tempo, publicou Galicia infinda (Galaxia, 1963), o seu segundo libro de poemas. A súa obra literaria, en que tamén figura como un dos tradutores da pioneira escolma Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, completouna con outros dous volumes de poesía, Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1984), ambos nas Ediciós do Castro de Isaac Díaz Pardo. Excelente cantante, bailarín intempestivo, as músicas galega e latinoamericanas foron elemento principal da súa práctica poética nos longos anos do exilio e unha das súas achegas máis singulares.

“Referente obrigado da historia contemporánea” de Galicia

A Academia Galega entende que foi “un excelente poeta, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras”. Pero non só. O seu papel en “manter vivo o facho da identidade galega” convérteo, di a institución, “nun referente obrigado da historia contemporánea” de Galicia. O historiador Ricardo Gurriarán trazou a máis exhaustiva das súas biografías, Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés republicano e galeguista (primeira edición en Do Castro, 1999; segunda en Galaxia, 2022). Ao longo deste ano apareceron numerosas monografías –entre elas as asinadas por Xesús Aonso Montero ou por Miro Villar– e reeditouse boa parte da súa obra.

Non é a primeira vez que o Día das Letras Galegas recoñece a importancia do exilio republicano e galeguista para a cultura galega. En 1993 honrou ao novelista Eduardo Blanco Amor, un ano despois ao pintor e poeta Luís Seoane e ao seguinte ao escritor Rafael Dieste. En 2005 tocoulle ao poeta Lorenzo Varela. Aínda que Dieste e Varela residiron algúns anos en México, foi na Arxentina onde se asentaron, igual que Blanco Amor e Seoane. Con Delgado Gurriarán a Academia “homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México”.

A súa candidatura, votada pola maioría do pleno da institución, impúxose á do poeta de Samos Fiz Vergara Vilariño e á conxunta de Federico García Lorca –autor de Seis poemas galegos– e Ánxel Casal, asasinado polo fascismo en 1936 e promotor de Nós, precisamente a editorial en que Delgado Gurriarán publicou o seu primeiro libro, Bebedeira.

Etiquetas
stats