Entrevista Historiador

Ricardo Gurriarán: “Delgado Gurriarán era todo alegría. Ía cantarlle un alalá aos da primeira liña na batalla do Ebro”

O historiador Ricardo Gurriarán

Daniel Salgado


2

A vida de Florencio Delgado Gurriarán é a dun cometa que atravesa o século XX. Nado en 1903 no oriente galego, en Vilamartín de Valdeorras, e morto en California en 1987, esforzado organizador galeguista –a Irmandade Galeguista da comarca, baixo o seu mando, chegou aos 100 militantes–, poeta de inspiración animista durante a República e teorizador da poesía crioula no seu longo exilio mexicano, auxiliador de vencidos na Guerra Civil, animador da revista Vieiros e contra vento e marea defensor do Partido Galeguista e o seu legado, Delgado Gurriarán protagoniza o Día das Letras Galegas 2022. A Real Academia Galega decidiu homenaxear na súa figura toda unha historia, a do desterro galeguista e republicano en México despois do 36.

Sale a la luz una novela inédita que mandó a su autor a las prisiones franquistas

Sale a la luz una novela inédita que mandó a su autor a las prisiones franquistas

A investigación máis acabada sobre a súa peripecia vital escribiuna o historiador Ricardo Gurriarán (O Barco de Valdeorras, 1953). Titúlase Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, coñeceu dúas edicións, a primeira en Do Castro en 1999 e a segunda este ano en Galaxia, e dela beben a maior parte das sínteses posteriores. Gurriarán comparte algo máis que apelido e lugar de procedencia co seu obxecto de estudo. “Era o curmán do meu pai, pero na casa sempre lle chamamos o tío Florencio. Xuntabámonos para ler as cartas que enviaba o tío, que tivera que marchar despois da guerra. Non sabiamos máis. Era a educación do silencio”, conta. Agora agarda que este 17 de Maio sirva para “dar a coñecer como foi a vida dos que tiveron que liscar por ausencia de liberdades e un golpe de Estado. Outros quéreno facer o poeta do viño”.

Que lle parece a poesía de Delgado Gurriarán?

O máis interesante é que foi un poeta moi pegado ás circunstancias do momento. Falan do seu cromatismo valdeorrés, da outonía, as cepeiras, os castiñeiros, elementos da natureza tipo Amado Carballo. Ten certa orixinalidade. O seu primeiro libro, Bebedeira (1934), tivo boa acollida crítica, polo menos da crítica galeguista. El editara con Ánxel Casal en Nós. Foi un golpe de efecto, porque el viña de facer poemas sociolingüísticos, de defensa da identidade, a lingua sobre todo.

Na poesía que publica anos máis tarde, cando xa está no exilio americano, a pegada de Amado Carballo ou mesmo de Manuel Antonio, segue presente, pero introduce elementos americanistas, a música...

Son os poemas que el chama crioulos. Os filólogos din que eses poemas non teñen moita relevancia. Para min, nese poema dos nomes incluído en Galicia infinda, é capaz de poñer a toponimia de alá, rarísima para nós, a bailar. Faina bailar. El ten esa musicalidade. Florencio escribiu poemas sobre o tango, a rumba, o son veracruzano, o xarabe tapatío... É musiqueiro e bailarín. Sempre digo que levaba un negro dentro. Cantaba moi ben, e o mesmo cantaba un fandango ca un alalá, un bolero ca unha ranchera.

E por que eses libros escritos no exilio non obtiveron excesivo recoñecemento?

Inflluíron moitas cousas. O máis importante, había un muro grandísimo entre o que se facía no exilio e o que se facía aquí. O primeiro que chega a Galicia de Florencio é [a revista] Vieiros, no ano 59. Do Cancioneiro da loita galega (1943) non se sabía. De feito, cando o grupo Galaxia toma a decisión de optar polo culturalismo, opaca as posibilidades de conectar co que había en Bos Aires ou en México. Pero uns anos antes no 45, cando se embarca con Plácido Castro e Lois Tobío na tradución Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949), hai unha baixada de brazos. Dedícase á tradución porque ten un bloqueo de creatividade propia. Que se reactiva en 1951 cando marcha a Guadalajara e empeza o seu fluxo epistolar con Francisco Fernández del Riego [un dos artífices da editorial Galaxia en 1950].

Como era a súa relación co galeguismo do interior?

El so mantiña relación con Del Riego, pero falaban de cuestións idiomáticas. Ao meu modo de ver, Florencio é un visionario na cuestión lingüística. É un dos primeiros en solicitar a unificación lingüística. E dille a Del Riego nunha carta algo así: “Mentres non deamos pasos adiante para saír de que o galego só se utilice na literatura, non temos nada que facer. Pódese facer dereito procesal en galego, como dicía don Ramón [Otero Pedrayo], pódese facer arte, economía, ciencia...”.

E a nivel político? Porque el sempre se reclamou do Partido Galeguista e o galeguismo do interior liquidou, dalgún xeito, a súa continuidade.

Ate primeiros dos 60 non ten relación con [Ramón] Piñeiro [ideólogo do galeguismo do interior]. E esa relación ten que ver fundamentalmente coa edición de Galicia infinda (1963). A primeira difusión importante da súa obra do exilio en Galicia é nos dous primeiros números de Vieiros, da que era codirector. No 63 coincide o primeiro Día das Letras Galegas, impulsado por Del Riego, con desavinzas dentro da revista, porque Luís Soto manexaba bastante o tema. Florencio di nunha carta: “Eu se son director é para exercer, non para que me deades as cousas feitas”. Nese mesmo momento, os comunistas facían entrismo en Bos Aires para acaparar poder nas sociedades galegas, Soto participaba na fundación da UPG [Unión do Pobo Galego, partido nacionalista e marxista, núcleo do actual BNG] e no Consello de Galiza [organismo herdeiro do goberno galego no exilio] reproducíase esta mesma relación de forzas. A Florencio elíxeno representante do Consello en México e el di que non mentres non sexa avalado polas bases do Partido Galeguista, como din os seus estatutos.

Esa tensión ideolóxica, relacionada coa incorporación do marxismo e o exemplo dos movementos de liberación nacional no Terceiro Mundo, atravesa todo o galeguismo nos anos 60.

Sí, claro, hai unha ruptura ideolóxica, e Florencio é un antimarxista. E iso que fora un dos primeiros elementos unitarios, que buscaba integrar o comunismo e o socialismo. Porque Florencio é unha figura importantísima na metodoloxía de traballar xuntos. Ademais era todo alegría. Ía cantarlle un alalá aos da primeira liña na batalla do Ebro, bailaba o que fose. E en México era sobre todo un tipo que non quería romper a unidade.

Por que se exiliou en México?

Ao primeiro, cando estala a guerra e foxe de Galicia, incorpórase en Barcelona ao exército republicano. Alí remata nun destacamento en que axudaban a rescatar guerrilleiros atrapados na zona nacional. Aproveitaban a canle que el usara desde Porto, pasando nun barco noruegués como polizón a Burdeos e logo a París e xa a Catalunya.

Escapara para zona republicana.

Escapara, si. Vai primeiro a Castela, onde o acubilla un compañeiro de estudos. Disfrázase de topógrafo e chega a Tourém, na Raia con Portugal, e pasa para dentro. Vía Francia arriba a Barcelona e enrólase no exército republicano, primeiro en armamento e despois nun batallón de intelixencia, o Servizo de Intelixencia Especial Periférico.

O CNI da República.

Efectivamente, o CNI da República, un servizo de espionaxe. Envíano a Francia en xaneiro do 39 para pasar a xente que está fuxida no monte. E de súpeto vén o declinar e a caída de Barcelona. Apura a se poñer en contacto coas Sociedades Hispano Confederadas de Nova York, onde estaba Castelao e o seu secretario Luís Soto. Alí relaciónase cun apéndice destas sociedades, o Frente Popular Antifascista Galego...

Os que editaron Milicianos de Castelao.

Eses, si. Pero Florencio comproba que o Partido Galeguista quedaba politicamente fóra de todo. Nin estaba o Estatuto aprobado, que se aprobou no 45, con Florencio representando a vixencia de Galeusca...

Como é que acaba en México?

As Sociedades Hispano Confederadas fretaron tres barcos. O SERE (Servizo de Evacuación de Refuxiados Españois), que estaba en coordinación con eles, foi a México porque [o presidente dese país Lázaro] Cárdenas e o seu embaixador en Francia permitiron a entrada de todo canto galego foi. O núcleo de atracción era Arxentina, porque había unha infraestrutura, había unhas sociedades gaegas con moito poderío e unha economía vizosa. Pero na Arxentina non estaban administrativamente cubertos. Tiñan problemas. Mentres, México abriuse. O México de Lázaro Cárdenas foi o único Estado que recoñeceu o goberno republicano durante toda a dictadura.

Foi quen de manter a fidelidade política ao Partido Galeguista ate a súa morte, en 1987.

É o seu itinerario vital.

Non hai moitos así. Os militantes do Partido Galeguista acabaron ben noutros partidos, ben fóra, e as siglas en lugares estraños.

Non hai, non, tres ou catro nada máis. E iso que a peripecia de Florencio foi tremenda. Era avogado e nunca exerceu de avogado. Acabou de comercial dunha farmaco–química. Pero México era un país moi atractivo. Na UNAM, por exemplo, houbo cantidade de catedráticos da Universidade de Madrid. Cárdenas acollía aos exiliados. Noutros sitios non foi así. En Europa comezou a II Guerra Mundial, e a Arxentina puña paus nas rodas.

E máis cando entra Perón, contrario á República polo seu vínculo con Franco.

Foi así, si, na Arxentina do 48 en adiante complicouse todo. É moi acaído que a Real Academia Galega dedicase o Día das Letras a Florencio Delgado Gurriarán e lembrase con el o exilio mexicano. Porque non é moi coñecido.

O papel do exilio en xeral, e en concreto o do exilio mexicano, está abondo recoñecido na cultura, na política e na historia de Galicia?

O exilio, e agora falo do sistema educativo, ten moi pouca visibilidade. Este Día das Letras é un momento importantísimo para que esa ligazón entre Florencio e o exilio dea dunha vez por todas o coñecemento do escenario xeral do que supuxo a ditadura. E de recoñecermos que un tipo como Florencio, que só estivo 14 anos en Valdeorras, foi capaz de non baixar os brazos en ningún momento. Ten un itinerario de compromiso e de coherencia.

Como se amañou para manter esa lealdade a un país a tanta distancia e durante tanto tempo?

Eu estiven con el as tres veces que veu aquí, no 68, no 76 e no 81. O tío Florencio para min era un mito. O meu pai líanos as cartas do tío Florencio –en realidade era o seu curmán pero chamabámoslle así– que tivera que marchar na guerra. Pero era a educación do silencio, non se sabía nada.

Vostede iniciou, porén, unha especie de rescate, coa biografía de 1999.

Cando fun maior entendín o que supuxo o exilio. Mesmo meu pai pasou o exilio interior: represión, cartas abertas, sen pasaporte... Pero había circuítos de xente emigrante en América que levaban e traían cartas para que a ditadura non llas abrira. Ían escritas nun ton diferente das ordinarias. O caso é que comecei a indagar e a coñecer a súa vida.

Unha vida cando menos interesante.

Florencio presentárase ás eleccións polo Partido Galeguista. Adheriuse á fracción de Castelao, favorábel a se integrar na Fronte Popular. O 1 de maio do 36, Florencio estivo na manifestación que percorreu Valdeorras. Saíu elixido na xunta de xestión municipal que se fixo cargo do Concello logo da vitoria da Fronte Popular. Representaba o Partido Galeguista, e traballaba cos comunistas de Santiago Álvarez, tamén de Valdeorras. Fixo campaña polo estatuto. É dicir, estaba na diana. Florencio escapou. Ao meu pai, o seu curmán, avisárono: “Gonzalo, lárgate que te van pasear”. E os que o ían pasear eran os irmáns da miña nai. Aínda non estaban casados. Librou. Así é a historia. A historia da Guerra Civil é cruel. é dura.

E con todo, Delgado Gurriarán sempre quixo regresar a Galicia.

Sempre tivo desexo de retorno. No 68 vén para despedirse do seus parentes maiores. No 76, co obxectivo de conectar o vello galeguismo do exilio co de aquí e así actuar democraticamente. Pretendía revitalizar o Partido Galeguista.

Esa tentativa de reconstrución do Partido Galeguista fracasa, electoral e politicamente. Afectoulle?

Colleuno con setenta e pico anos. El criticaba moito a división do nacionalismo nas primeiras eleccións, cando levan o trompazo. Tamén o papel de Soto e compañía a partir da constitución da UPG, ou a acción da UPG durante o tardofranquismo. Sepárase dese mundo. A súa referencia era Catalunya e a Asemblea de Catalunya. Desde a Irmandade Galeguista de México fai iniciativas, visita a moita xente, fala con [Valentín] Paz–Andrade, con todo o mundo. Quería unificar, pero non o conseguíu. Quedou frustradísimo.

Aínda volve en 1981.

Esa é a terceira visita, a do recoñecemento. Quere publicar aquí os poemas de combate. Dáballes moita importancia e estaban esquecidos. Pasa da editorial Galaxia a Ediciós do Castro, con Isaac Díaz Pardo. Habería que estudar ese tránsito editorial, é moi significativo. [O libro, O soño do guieiro, aparece finalmente en 1985]

A súa memoria en Valdeorras permaneceu viva durante o seu tempo de exilio e depois da súa morte?

Había moito medo. A biografía que escribín axudou bastante á súa recuperación en Valdeorras. Ate ese intre era coñecido sobre todo nas esferas do vello galeguismo e da intelectualidade. E máis nada. Alonso Montero fixera algo ao incluílo nos Cen mellores poemas da literatura galega (1969).

Para que lle gustaría que servise este Día das Letras Galegas?

Para dar a coñecer o que pasou, como foi a vida doutros, dos que tiveron de liscar de aquí por ausencia de liberdades e por un golpe de Estado. Iso é o que pretendo eu. Outros queren facelo o poeta do viño. O que estou percibindo é que a xente ten permeabilidade e quere saber de Florencio.

Etiquetas

Descubre nuestras apps

stats