Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Lista de libros urxentes: cinco críticos elixen para elDiario.es as recomendacións para comezar o ano que celebrará a poeta Xela Arias

Imaxe da Libraría Couceiro en Santiago de Compostela.

Daniel Salgado

0

O ano que alá foi consolidou o recoñecemento exterior da poesía galega. Traducións e antoloxías certificárono, e dous premios dos que outorga o Ministerio de Cultura e chama Nacionais acabaron de confirmalo: o de Poesía para Feliz idade (Faktoría K, 2020), de Olga Novo, e o Miguel Hernández de Poesía Moza para Atlas (Galaxia, 2020), de Alba Cid. Aínda que a pandemia obrigou ás editoriais a modificar os seus plans de traballo, a máquina non se detivo e houbo obra nova de autoras tan relevantes como Berta Dávila, Suso de Toro, Manuel Rivas, Antón Reixa ou Teresa Moure. Cinco críticas escollen para elDiario.es o más graúdo do Ano Carvalho Calero xusto cando comeza o Ano Xela Arias.

Alba Cid é poeta. O seu primeiro libro, Atlas (Galaxia, 2020), obtivo o Premio Nacional de Poesía Moza Miguel Hernández. Traballa como docente universitaria e exerce ademais a crítica literaria no Diario Cultural da Radio Galega ou na revista Tempos Novos.

Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora), de Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez. Cid recomenda esta recolleita de outras historias, personaxes secundarios e fíos dos que turrar, ao seu ver dirixio “a un público fronteira e na fronteira do visíbel historicamente”.

Illa Decepción (Galaxia, 2020), de Berta Dávila. O quinto libro de narrativa de Dávila é “unha nova obra díptico”, descrita polo xurado que lle outorgou o premio Repsol como unha “novela de auto representación”.

Castelao. Construtor da nación. Tomo II 1931-1939 (Galaxia, 2020), de Miguel Anxo Seixas Seoane. O segundo volume da “monumental biografía” que Seixas elaborou sobre Castelao, e da que aínda aparecerá un terceiro, é peza a salientar por Cid.

Gramo Stendhal (Apiario, 2020), de María Lado. Cinco anos despois de oso, mamá, si? (Xerais, 2015), María Lado regresa á poesía en solitario -vén de publicar canda Lucía Aldao Ninguén morreu de ler poesía (Xerais, 2020)- cunha “singular e madura procura da beleza”.

m-Talá (Euseino?, 2020), de Chus Pato. É un libro “que marcou a historia da poesía galega recente” cando saíu no ano 2000, e que Cid considera “unha reedición necesaria e mesmo conmemorativa”, igual que A cidade oculta (Urutau, 2020), de Estevo Creus, orixinal de 1996.

Ana Salgado é profesora e exerce a crítica literaria nas páxinas de Protexta -suplemento da revista Tempos Novos-, ou en Grial.

Tempo Tardade (Através Editora, 2020), de Raquel Miragaia. “O libro do ano”, di Salgado, “seguramente polo moito que agardamos por el os que aínda vivimos as feituras derradeiras da Galicia neolítica. E que temos unha relación coa familia condicionada por esa aceleración do tempo”.

Éxodo (Ápeiron Ediciones, 2020), de Rebeca Baceiredo. “Quen lese antes a Baceiredo verá como muda prexuízos”, entende, “hai ficción, narratividade, personaxes e diálogos, unha xeografía recoñecible, tecidos dunha maneira que soa a un tempo estraña e común”.

m-Talá (Euseino? Editores, 2020), de Chus Pato. “Vinte anos despois de que comezase o século e da súa publicación primeira”, lembra, “reedítase un título fundamental da poeta, punto de inflexión na súa obra e para boa parte da poesía galega”.

Mamá pelicano (Espiral Maior, 2020), de Alicia Fernández. Salgado confesa que as súas escollas “andan arredor das familias”. É o caso dos poemas de Fernández. “Conteñen unha maternidade posible que non nos contaran máis ca, se cadra, nos libros de Jelinek ou de Xohana Torres”, sinala.

Mar de mazá (Editorial Galaxia, 2020), de Elvira Ribeiro, con ilustracións de Begoña Arce. “Ribeiro vai canda Margarita Ledo e Gloria Sánchez ao meu top de libros para nenas. Este vén do universo das Redes de Inés (Galaxia, 2014) e fálanos outra vez da relevancia do son”, explica.

Armando Requeixo é o secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia e un dos críticos literarios de maior predicación, sinatura habitual no Faro de Vigo, no Ideal Gallego ou na Radio Galega.

En luz escrita (Espiral Maior, 2020), de Xurxo Alonso. Pintor e poeta, con esta obra Alonso obtivo a viséximo segunda edición do premio de poesía do Concello de Carral. Segundo Requeixo, é unha mostra de “dicción poliédrica”.

Illa Decepción (Galaxia, 2020), de Berta Dávila. Publicada despois da celebrada Carrusel (Galaxia, 2019), unha exploración destemida e profunda no que se deu en chamar autoficción, o crítico percibe neste libro “a irisación das voces interiores”.

Interna (Arte de Trobar, 2020), de Oriana Méndez. O libro de poemas co que Méndez gañou o premio Afundación, escrita sonámbula e extática, é para Requeixo “o estourido entrópico do imo”.

O paraíso dos inocentes (Galaxia, 2020), de Antón Riveiro Coello. O premio Torrente Ballester 2019 de narrativa é esta novela que viaxa ao conflito sirio e aos refuxiados que este provocou nunha mostra de “resiliencia salvífica”. Requeixo tamén salienta outro romance, O estadio intermedio, de Rexina Vega: “Un esconxuro do daimon que nos habita”.

Xenealoxía dun intruso (Galaxia, 2020), de Isaac Xubín. “O poeta é un intruso, que se introduce nas cousas e tradúceas a un idioma ignoto”, dicía a presentación editorial desta obra, para o crítico “a (re)construción da identidade dislocada”.

César Lorenzo Gil dirixe Aira Editorial, entre cuxos últimos títulos publicados figuran A parte queimada. Stalin & Robespierre, de Manuel Veiga; Para toda a vida, de Eva Moreda; ou Tres contos para crianzas, de Vicente Risco. É tamén o responsábel da páxina web sobre literatura Biosbardia.

Galicia contada aos non galeguistas (Xerais, 2020), de Manuel Veiga Taboada. Este breviario revisita tópicos, intres decisivos e símbolos seculares da conformación nacional de Galicia nunha linguaxe clara pero en absoluto simplista.

Os sangues (Rinoceronte Editora, 2020), de Audrée Wilhelmy. Traducida desde o francés por Moisés Barcia, Os sangues “reimaxina o personaxe clásico do ogro Barba Azul” a través da ollada das súas sete mulleres.

A porta de palla (Fundación Vicente Risco, 2020), de Vicente Risco. Versión en galego da novela publicada en 1953, finalista do premio Nadal e que a crítica cuñou no seu día de “metafísica” e “relixiosa”, narra a historia de Baldonio, “o todopoderoso conde e bispo de Nerbia”.

Atlas (Galaxia, 2020), de Alba Cid. O primeiro libro de poemas de Cid é un mapa de xeografías ocultas, unha celebración das mans e de obxectos humildes, a proba de que o eu non é o centro do mundo. Por veces cunha narratividade sabotada como vehículo, inzado de referencias a culturas centrais e periféricas, foi unha das obras chave da poesía galega o pasado ano.

Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora, 2020), de Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez. Este volume ilustrado recolle historias ocultas, narracións periféricas e ignoradas e indagacións na cara oculta das verdades oficiais.

David Rodríguez é ensaísta, dramaturgo e poeta. Os seus últimos libros son o infantil Superavoa (Xerais, 2020) e O canastro sen tornarratos (Xerais, 2018), subtitulado Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega. Mantén ademais a sección O Bortel na revista Luzes, en que atende á produción cultural contemporánea.

Irmandiñas (Laiovento, 2020), de Aurora Marco. “Completo traballo de investigación sobre aquelas pioneiras que foron as mulleres militantes das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista”, considera.

Galicia contada aos non galeguistas (Xerais, 2020), de Manuel Veiga Taboada. É, explica, “un pequeno gran libro para entender o país que combina un estilo fresco e divulgativo coa carga de profundidade e o rigor histórico”.

O estadio intermedio (Galaxia, 2020), de Rexina Vega. A cuarta novela de Vega “ aborda un grande axuste de contas dunha filla co seu pai falecido e contén pasaxes descriptivas realmente ben escritas”.

Para unha historia do cinema galego (Galaxia), de Margarita Ledo (ed.). Rodríguez salienta esta serie de estudos colectivos “sobre o cinema galego e en lingua galega que este ano tirou do prelo o seu terceiro volume: De illas e sereas”.

Un señor elegante (Xerais, 2020), de Suso de Toro. De Toro regresa á narrativa cunha “novela importante que ficará na historia da literatura galega”.

Etiquetas
stats