Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Trump desafía el límite legal para seguir con la guerra sin autorización del Congreso
La IA irrumpe con despidos en el mercado laboral: ¿cuál es su impacto real?
Opinión - 'La banalidad del mal', por Esther Palomera

A Academia homenaxeará a Xela Arias en 2021, a escritora que usou a poesía para “cuestionar a orde das cousas”

A poeta Xela Arias, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas en 2021

Daniel Salgado

1

Insular e feminista, de sintaxe tensa, politicamente intimista, a voz poética de Xela Arias (Sarria, Lugo, 1962-Vigo, 2003) conformou un dos máis singulares territorios da literatura galega recente. Autora de catro libros de poemas, tradutora ao galego de Bram Stroker, Roald Dahl ou Angela Carter, é a figura coa que a Real Academia Galega conmemorará o Día das Letras 2021 e o seu uso da poesía como ferramenta para “cuestionar a orde das cousas”. Trátase da quinta muller distinguida desde 1963, cando Rosalía de Castro inaugurou a celebración no centenario da publicación de Cantares Gallegos.

“Entras, furor en man, / reclamar esa condición de estar. // (Sófrete quen vai contigo.)”, escribía en Indecisión, de Trigres como cabalos (1990). De “singular, transgresora, sincera e comprometida” cualificouna a propia Academia na nota coa que este martes informou da distinción. No mesmo comunicado tamén sinalaba a súa intención de converter as Letras de Xela Arias nunha “homenaxe aos mozos e mozas que renovaron a poesía galega a partir dos primeiros 80 en temas, estilo e forma”. Xustamente a esa xeración biolóxica pertenceu Lois Pereiro, protagonista do Día das Letras en 2011 e, dalgún xeito, autor próximo a Arias en máis dun aspecto.

“Xela Arias concibía a poesía como un xeito de indagar e cuestionar a orde das cousas, de describir o que se aprende a ocultar”, sinala a Academia, “a pescuda do eu fonda e reflexiva, a afirmación do corpo feminino, a persectiva de xénero e a procura de novos espazos para a poesía mediante a recitación ou o diálogo coa fotogría, a música e a pintura, son algúns dos seus trazos destacados”. A partir desta descrición é que a sitúan como en avanzada a “moitos temas e características formais da poesía galega da década seguinte”.

“quedo en pé parada no bosque / non fales me digo / o tempo / anda arando estropicios / na terra dos azuis / Desconsolados”, di nun poema de Denuncia do equilibrio (1985), a súa primeira obra publicada. Darío a diario (1996), unha investigación a tomba aberta na maternidade, e Intempériome (2003), en que a súa experimentación coa linguaxe chega máis lonxe, completan a súa poesía, reunida nun volume en 2018 con edición ao coidado da profesora María Xesús Nogueira.

A Academia Galega tamén salienta o seu papel de tradutora ao galego por cuxas mans pasaron clásicos coma o Drácula de Bram Stoker, a Venus negra de Angela Carter, os Contos ao teléfono de Gianni Rodari ou, integrada nun equipo, o Dublineses de Joyce. Foi “un labor pioneiro no mundo da tradución, un eido poucas veces recoñecido, pero que en 2021 tamén será homenaxeado na súa figura”.

O ano despois de Carvalho Calero

Xela Arias sucede na homenaxe anual da Real Academia Galega a Ricardo Carvalho Calero, filólogo, poeta e novelista, e teórico principal do reintegracionismo, a corrente lingüística que aposta por apoximar o galego á normativa do portugués. A epidemia de coronavirus impediu que os actos do Día das Letras Galegas 2020 acontecesen con normalidade, e non poucas foron as voces, individuais e colectivas -entre elas A Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Ferrol ou a Asociaçom Galega da Língua-, que solicitaron da Academia que estendese a homenaxe a 2021. Finalmente non foi así, e a institución anunciou este martes a decisión do seu plenario de celebrar a Arias.

O director de Edicións Xerais, Fran Alonso, publicou un escrito na súa bitácora persoal en que amosa a súa “perplexidade por este nomeamento, tan pouco oportuno”. Lembra que o proceso habitual é que a Academia anuncie a figura das Letras en xuño, ao pouco da súa conmemoración o 17 de maio, e que, ao facelo en decembro, “non ten sentido ningún que a Academia dedique o 2021 a ninguén que non sexa Carvalho Calero”. Segundo Alonso, “Carvalho ve profundamente minguada a conmemoración da súa figura e o nomeamento de Xela Arias non vai poder ser celebrado como correspondería”.

Arias traballou para Xerais entre 1980 e 1996 e esta é a editorial que publicou, hai dous anos, a súa Poesía reunida (1982-2004). “Só queda a esperanza de que, desde os ámbitos da cultura cidadá, fagamos todo o posible para impulsar e divulgar a figura dunha poeta radicalmente moderna, feminista, cunha vocación creativa que deu como resultado unha obra literaria de primeira magnitude”, conclúe Alonso.

Etiquetas
stats