Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
La guerra entre PSOE y PP bloquea el acuerdo entre el Gobierno y las comunidades
Un año en derrocar a Al Asad: el líder del asalto militar sirio detalla la operación
Opinión - Un tercio de los españoles no entienden lo que leen. Por Rosa María Artal
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Desescalada en diferido en forma de simulación

Terrazas recogidas en establecimientos de hostelería de la zona vieja de Santiago de Compostela

0

Mañá, cando aínda se estean a interpretar os datos das eleccións catalás (“ás que non se presentaba Pablo Casado”, seguirá insistindo Miguel Tellado), Alberto Núñez Feijóo volverá ás nosas pantallas para anunciarnos como vai ser a desescalada. De momento, o que temos é o anuncio do anuncio. Xa non é pouco nun momento en que o espectáculo audiovisual fai o que pode para compensar as limitacións das experiencias físicas -que languidecen gardadas nesas caixiñas dos estantes duns centros comerciais pechados nas findes-. Que si, que xa nos tarda un novo #MerlosPlace...

O anuncio do anuncio non só é o equivalente do clásico “permaneza en sintonía”. O presidente da Xunta realizouno na comparecencia en que se agardaba que aclarase a contradición aberta apenas 24 horas antes entre el e o seu conselleiro de Sanidade. Pouco despois de que Feijóo falase na sesión de control de iniciar a desescalada dunha forma “medida, gradual” sen “dar pasos en falso” (“máis pasos”, estou seguro de que pensou), García Comesaña era claro na rolda de prensa do comité clínico: “Falta moito. Non procede falar de como vai ser a desescalada. Sería pouco prudente”.

A Comesaña fixéronlle coro: “Estamos moi lonxe do obxectivo” (Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública); “Non se reúnen as condicións” (Tato Vázquez Lima, integrante do comité clínico); “É un erro suavizar agora as restricións” (Francisco Caamaño, epidemiólogo)…e, así, ata o infinito.

Por iso, Feijóo, sinalou a lúa agardando que mirásemos o dedo. E outra vez funcionou. Primeiro, negou o acontecido a véspera. “Terxiversou os feitos (…) e fixo ver que Comesaña non se refería ás súas verbas -cuestión pola que foi preguntado expresamente-, senón que estaría a contestar a unha pregunta que non se lle formulou así sobre o tratado no comité clínico que viña de rematar e no que efectivamente non se adoptara aínda ningunha medida de desescalada”, debullaba David Reinero en Praza. Despois, seguiu coa súa fuxida cara adiante para demostrar que estaban todos de acordo (no Telexornal do mércores da TVG, por certo, xa fixeran todo o posible para explicarnos que Feijóo e Comesaña, en realidade, estaban a dicir o mesmo…). Así é como chegamos ao anuncio do anuncio.

Se as restricións máximas rematan o mércores, é obvio que calquera medida que se tome para esa data debe ser comunicada antes. Feijóo converteu o predicible en extraordinario e conseguiu desviar o foco dunha discrepancia que desvelaba o que é un segredo a voces: que o peso dos expertos é relativo cando o que se busca é un titular. No Parlamento, a el ninguén lle preguntara pola desescalada: meteuse soíño nese xardín. Por algo sería.

Aínda que non sempre foi así. Á volta de Reis, o presidente da Xunta anunciaba que o comité clínico prohibiría as visitas ás residencias de maiores. Cando na rolda de prensa se informou do contrario, o conselleiro asegurouse de que quedase constancia de quen fora o responsable de contradicir o presidente: Antón Acevedo, o director xeral de Atención Sociosanitaria. O tempo dirá se lle estaba a poñer unha medalla ou deixándoo aos pés dos cabalos. Tras o desta semana, xa non o teño tan claro.

Se, finalmente, o que se anuncia mañá non é máis que un alivio cosmético, para seguir dando a sensación de que en Galicia estamos “moito mellor que a media”, entraremos nun tipo de desescalada nunca antes vista: unha desescalada en diferido (tras o anuncio do anuncio) e en forma de simulación (porque aínda non sería tal).

Avisalo con tanto tempo pode ser a razón de que Bárcenas finalmente non declare mañá. Xa sabedes, por aquilo de non contraprogamarse. Sería demasiado para un luns de resaca postelectoral…

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats