Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
O Estado español e as trampas no solitario
Os fondos comunitarios Next Generation EU aínda non chegaron, teñen un paso curto e lento, mais algún día aterrarán. Mentres, seguimos pensando na racionalidade debida, para, no momento de receber eses fondos, ser quen de lle dar o uso máis acaído en beneficio da recuperación económica. Mesmo sería posíbel, con esa racionalidade reclamada, corrixir deformacións do pasado que xeran un bon feixe de estragos tanto orzamentarios públicos como de recursos económicos en xeral. Estámonos a referir ao funcionamento (ou disfunción) de certas partes da administración pública -a central e as locais- que continúan tendo unha estrutura franquista, a máis nova, e decimonónica, a máis vetusta.
Temos tratado noutras ocasións da ausencia total de interese e vontade política pola parte dos partidos estatais maioritarios en reformar, cambiar, ou simplesmente borrar do mapa determinadas institucións con forma e contido do século XIX e cun funcionamento administrativo da mesma época. As reformas viñeron sucedéndose de forma sobreposta sobre un edificio burocrático que non resiste máis modernización conxuntural, só a pura remoción. Unha boa bóla de demolición, no sentido institucional, sería o único meio adecuado para eliminar as deputacións e unha longa serie de concellos cuxo único fin é manter a uns funcionarios (din que é emprego público) e un edificio que fai demanda de servizos públicos tamén (auga, electricidade, combustíbeis …), é dicer, un gasto prescindíbel.
Cando nos escritos da UE se di, e repite, que o Estado español deberá emprender unha reforma administrativa, reférense a esa reforma, e non a poñer ordenadores nos pavillóns municipais de deportes de aldeas poboadas de vellos. A modernización, permítasenos o símil, non consiste en poñer antenas de televisión nas chabolas, senón en eliminar o chabolismo, e, realmente, en termos europeos, unha parte dos ‘tinglados’ administrativos de moi vello cuño que hai en España só son susceptíbeis de modernizar facéndoos desaparecer. Así, por exemplo, e sen entrar agora nas deputacións nen nos concellos, podemos botar unha ollada ás tres mutuas específicas do Estado para colectivos de determinados funcionarios públicos. Son tres, que abranxen o persoal da administración civil do Estado (Muface), o ISFAS (Instituto Social das Forzas Armadas), que, sendo un organismo autonómo adscrito ao Ministerio de Defensa, acolle os funcionarios das forzas armadas, a Garda Civil, os membros do CNI e o persoal civil dos corpos adscritos á defensa. E a Mugeju (Mutualidad General Judicial) adscrita ao Ministerio de Justicia para todo o persoal do citado departamento. O Estado mantén uns organismos autonómos adscritos a tres ministerios distintos para seguir cos seus empregados unha conducta absolutamente distinta á que os empregadores privados realizan, obrigados por lei. Un dos aspectos máis relevantes do funcionamento económico-administrativo destas mutuas é o seu carácter de ruína económica, xa que se manteñen maioritariamente só coas achegas públicas do orzamento estatal anual.
A trampa no solitario realízase porque o Estado, como empregador, non cotiza na mesma medida nen na mesma entidade pública (a Seguridade Social) de sostemento das prestacións de seguridade social. Muface ten un orzamento de 1.745 millóns de euros para 984.867 titulares, emprega 816 persoas e concerta con catro entidades privadas para prestacións sanitarias: Segurcaixa Adeslas, Asisa, DKV e Igualatorio Médico de Cantabria. Tamén está en vigor un convenio coa Seguridade Social para que as prestacións médico-sanitarias dos mutualistas sexan cobertas pola sanidade pública pero mantendo a Mutua Estatal a titularidade das relacións na regulamentación das prestacións (por exemplo, na corresponsabilidade no gasto farmacéutico, que é distinto). É dicer, entre titulares e beneficiarios de Muface (1.473.641 persoas), o Estado despraza cara ás empresas privadas de sanidade, pagándolles segundo concerto, os servizos sanitarios que en teoría poderían ser perfeitamente prestados por unha sanidade pública ben dotada.
O carácter definido de ruina económica -como mutua- vén determinado pola trampa, outra volta, das achegas cativas por parte dos traballadores afiliados e a nula aportación do estado pola vía individual como empregador. Cada funcionario paga do seu salario o 1,89% do seu haber regulador, 14 veces ao ano (unha por paga), e o Estado, vía empresarial, nada (no caso do empregado privado esta achega é o 6,35% do seu haber regulador). Cada ano nos orzamentos públicos aporta fondos precisos para soster a mutua coas súas prestacións e os gastos proprios de organismo autonómo exercente. Non é entendíbel que Muface, nacida moito antes de existir o rexime xeral da Seguridade Social, moito antes de que esta tivese carácter universal e público, sexa sostida ano a ano sen que se programe a súa amortización a prazo coñecido para dirixir as aportacións vía os fondos pertinentes da Seguridade Social xeral. Para iso, precisaríase tamén reformar institucional e administrativamente o necesario para que o empregador Estado cotice polos seus empregados de xeito semellante ao empregador privado, logrando así que o grau de responsabilidade compartida de Estado, traballadores e organismos titulares das prestacións, se achegase a un -desexado- equilibrio contábel.
Pero non só debemos falar de Muface. ISFAS e Mugeju son outras dúas mutuas específicas. A primeira é das forzas armadas, conta cun orzamento de 852.976.530 euros para cobrir prestacións a un colectivo de 576.314 persoas (356.040 titulares), ten 642 empregados e, como no caso anterior, os seus ingresos proceden nun 84% do orzamento estatal anual. Os funcionarios do Ministerio de Xustiza gozan dunha mutualidade específica que conta cun orzamento de 111.681.330 euros para 91.714 persoas (57.693 titulares).
En resumo, en España hai 2.141.669 usuarios de prestacións de seguridade social que están en mutuas específicas que gozan de condicións diferentes nas súas relacións laborais co seu empregador, que é o Estado, comezando polas achegas individuais ao sostemento colectivo das mutuas. En teoría, tamén, detráese da demanda ordinaria do rexime xeral da Seguridade Social un grupo considerábel de usuarios e cotizantes coa conseguinte merma de fondos. E, finalmente, pero non menos importante -outra trampa no solitario-, os funcionarios públicos receben un salario aparentemente maior por mor do pequeno desconto de corresponsabilidade para a seguranza. Non se entende -en 2021 -que as actuacións do Estado en materia de aseguramento dos seus funcionarios substitúan un rexime xeral da Seguridade Social por un outro particular sen que isto signifique ningunha mellora de benestar destes traballadores nen condición laboral favorábel.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0