O fenómeno Beiras: non ceder no desexo
O amor que tantas persoas sentimos por Beiras é incalculábel, como tamén o é aquilo que el nos ofereceu con entusiasmo: un punto de agarre, colectivo e libidinizado, desde o que imaxinar e facer existir Galiza como un sitio distinto. O fenómeno Beiras das décadas de 1980 e 1990 —tamén o de 2012— foi unha vía de fuga desexante no réxime de partido único do fraguismo así como nas súas formas de vida desimplicada. Unha irrupción de cor, teatralidade, beleza, elocuencia e atrevemento na política; mais, sobre todo, desexo, invención e ousadía para desafiar o mundo sensíbel —burocratizado e funcionarial— da Galiza institucionalizada. Agora ben, de onde procede ese amor e cal é a orixe dese fenómeno tan singular?
Nun libriño que adoro, titulado Encantamento: sobre política de vida, Luiz Antonio Simas e Luiz Rufino afirman que “O contrário da vida não é a morte, o contrário da vida é o desencanto”. Esta idea, arraigada nos saberes e nas cosmoloxías afrodiaspóricas e amerindias, introduce unha torsión na concepción moderna da vida e da morte. Desde estas perspectivas, a morte non se reduce ao cesamento da existencia biolóxica, vinculándose tamén ao esquecemento e á ruptura dos vínculos que sosteñen a memoria colectiva. O desencanto, pola súa banda, designa unha forma de mortificación da existencia, unha perda da vitalidade e das posibilidades de reinvención do mundo.
Simas e Rufino desprazan así o par vida-morte cara a unha distinción diferente: a que contrapón unha existencia mortificada á potencia de encantamento que fai que unha vida mereza ser vivida. Paradoxalmente, a morte pode abrir posibilidades radicais de vida —como podemos entrever, por exemplo, nalgunhas reivindicacións moi determinadas do dereito á eutanasia—, do mesmo xeito que a supervivencia biolóxica pode transcorrer baixo o signo do desencanto. Pódese, polo tanto, estar vivo e experimentar unha sorte de morte cotiá, como tamén se pode estar morto e continuar participando da vivacidade do mundo a través do exemplo, da transmisión e das posibilidades que unha existencia singular deixa abertas para os demais. Hai vidas que, mesmo despois da morte, seguen producindo efectos, convocando encontros e facendo existir posibilidades aínda por realizar. Vímolo no acto cívico de despedida a Beiras, celebrado no Museo do Pobo Galego (MPG) na tarde do 8 de outubro.
Reencantamento dun movemento político
Partiu Beiras, protagonista dunha operación crucial de reencantamento dun movemento político moi desencantado, no que persistían certas inclinacións sacrificiais que latexan, aínda hoxe, en relación coa pulsión de morte. E é a fascinación por esa operación de reencantamento da que quero falar neste texto. Unha operación debedora da vontade e da ousadía de Beiras, mais que na miña interpretación só foi posíbel grazas ao traballo de rectificación subxectiva que o conduciu a asumir unha determinada posición ética ante o propio desexo: responsabilizarse por non ceder nel.
Como relatou moitas veces, a finais da década de 1970 “baixou aos infernos” nunha crise persoal e de sofrimento mental da que saiu atravesando un fantasma e nacendo por segunda vez —“moito menos hamletiano”—, da man dunha relación diferente co desexo propulsada polo forza dun novo amor: Aurichu. A referencia hamletiana resulta reveladora á luz da lectura lacaniana de Hamlet, cuxa traxedia reside na imposibilidade de actuar conforme ao seu desexo mentres permanece atrapado no mandato paterno (no caso que nos ocupa, o grupo Galaxia).
Desde esa perspectiva, no célebre To be or not to be resoa unha interrogación sobre o propio ser que non atopa resposta na autoridade do pai. Na obra de Lacan, a superación desa dificultade é pensada mediante o camiño que conduce da vía do pai á vía do desexo. Un desprazamento que podemos poñer en relación coa fórmula “Non hai Outro do Outro”: ningunha autoridade última pode garantir o ser nin o desexo do suxeito.
A saída dese labirinto, porén, pasaría por prescindir do pai coa condición de servirse del. Esa é, ao meu xuízo, a chave para comprender o renacemento de Beiras: non se trataba de repudiar a herdanza dun galeguismo conservador que financiara a súa formación e o designara como herdeiro e líder, senón de facer outro uso dela, liberándose do mandato de reproducila nos termos prescritos nunha sorte de Táboas da Lei. Podemos interpretar esta operación como unha forma de extracción do que Lacan chamou “diferenza absoluta”: non a pequena diferenza narcisista coa que cada quen procura distinguirse dos demais, senón unha singularidade irredutíbel ás identificacións herdadas, que emerxe ao franquear o plano das identificacións e confrontarse coa causa do propio desexo.
A súa particular Lagoa Estixia
Entre 1977 e 1981, Beiras atravesou a súa particular Lagoa Estixia e sobreviviu tomando unha decisión a vida ou morte: responsabilizouse polo seu desexo alén das expectativas aprisionadoras consagradas no ideal paterno. Nun desafío hercúleo, Beiras abriu man do ideal do herdeiro para responder polo seu propio desexo, asumindo o risco dun acto que non podía atopar garantía nin autorización na tradición que o acubillara e coa que comprometera a súa vida persoal e política. Foi precisamente esa separación a que abriu a posibilidade de facer da singularidade do seu desexo un principio de invención política e de composición dun mundo compartido: a nación incesante.
Nun xesto próximo á ética do artista, Beiras atreveuse a inventar un modo singular de estar no mundo e a asumir a responsabilidade de facelo existir alén da súa existencia privada. Aliás, converteu esa invención nun horizonte de compromiso político ao alcance de calquera: unha maneira inédita de imaxinar e compoñer un proxecto común.
Ese foi o acto que lle permitiu nacer de novo —“menos hamletiano”— e o que nos proporciounou a nós unha referencia ética inescusábel: responder polo propio desexo e asumir o risco da invención como se se tratase dun novo amor.
No acto cívico celebrado no MPG, un dos seus fillos afirmou que o seu pai pasaba a ser patrimonio do pobo galego. Certamente, se Beiras transcendeu dese modo foi polo seu liderado carismático pero, de maneira máis concreta, pola coraxe de non renunciar á súa diferenza máis radical, responsabilizándose polo seu desexo e convertendo a súa causa nunha causa colectiva que enxendrou entusiasmo e marcou Galiza. Non é o mesmo vivir baixo o peso dunha culpa contraída ante un Outro que non existe que responsabilizarse polas consecuencias dunha invención singular.
Como diría Lacan, da nosa posición de suxeitos somos sempre responsábeis.
Obrigado, Beiras
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0