Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
La confesión de la pareja de Ayuso desmonta las mentiras de la Comunidad de Madrid
El plan del Gobierno para indemnizar a las víctimas de abusos agita la Iglesia
Opinión - El pueblo es quien más ordena todavía. Por Rosa María Artal
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Galicia no día da marmota

Comisión redactora del 'Estatuto dos 16'.

1

O 21 de Decembro de 1980, día en que foi sometido a referendo o Estatuto de Galicia, paseino nunha mesa de votacións. Foi un día agradable, fácil de levar e como de mesa camilla. Só de cando en cando un parroquiano se acercaba a votar -os cidadáns eran a transcripción electoral da chuvia maina que vestía a xornada- de modo que os integrantes da mesa puidemos estar de palique todo o día. Presidía a mesa Carlos Pardo, o mellor amigo de Manuel Fraga e persoa afable e cordial: un señor no sentido antigo da palabra. O seu pai foi, ao parecer, unha das personaxes de 'La Casa de Troya'.

Era a primeira vez que Galicia ía dispoñer dunha ferramenta de poder, dado que non se pode dicir que a Real Audiencia do Reino de Galicia tivera ese carácter, o de ser unha forma de autogoberno. Sen dúbida era unha xornada transcendente. Un punto e á parte nas liñas do decurso histórico. Galicia ía ter un Parlamento, unha caixa de resonancia dos seus problemas e aspiracións, e tamén un Goberno, un instrumento para darlle satisfacción ás demandas da súa poboación. Democracia e poder galego estaban ensarillados.

Por fin, de haber ideas e xente capaz, Galicia podía elaborar o horizonte -o contido e significado- da súa propia modernización dentro do marco político e dos recursos dispoñibles. Fora o soño do republicanismo federal de Aureliano Pereira ou Curros Enríquez, do tradicionalismo de Alfredo Brañas, partidario dunha monarquía federativa, e tamén do nacionalismo democrático de Castelao e Bóveda. Esas correntes nunca foran o corpo central da sociedade galega, pero marcaban a tendencia. O anterior Estatuto de Autonomía, aprobado en 1936, non chegara a poñerse en obra. Os militares sediciosos non tardaron nin un mes en fusilar a Bóveda, a alma do Partido Galeguista, católico convencido e o primeiro director da Caixa de Aforros de Pontevedra.

Pero os galegos non acudiron á cita de modo satisfactorio nese momento decisivo. Non xulgo: só consigno a indiferenza e o escepticismo de boa parte dos galegos naquel día. A participación foi só do 28,3% do electorado nun contexto marcado polos intentos previos da UCD de aprobar un estatuto rebaixado. Para enmarcar o momento hai que lembrar que apenas dous meses antes as eleccións tiñan deparado o afundimento dese partido e o éxito electoral de Alianza Popular. Non creo que sexa moi ousado afirmar que en Galicia, as primeiras eleccións, as de 1977, gañáranas as vellas elites, as que tiñan influencia e poder no franquismo, que usaron as redes de influencia do réxime e a súa forza de mobilización política de cara a lexitimar por medios democráticos unha parte do poder do que se apropiaran baixo as condicións do franquismo. En 1981 esas elites estaban transmigrando, despois da implosión da UCD, ao PP.

O maior perigo que corría a nova Xunta era o de converterse nunha nova versión da Real Audiencia: o lugar no que as elites locais canalizaban os seus preitos e demandas ante o Estado, acomodándose ás novas condicións, máis ben que o ámbito no que se marcaba un rumbo novo. O amable lector decidirá por si mesmo onde pon o acento.

Pasaron corenta anos daquel momento. E as institucións autonómicas tiveron que transitar por circunstancias moi diversas, algunhas moi positivas -o despegue do Estado do Benestar, o investimento público en infraestruturas, o ingreso na UE e a chegada de fondos europeos- e outras aflitivas -a crise de 2008, o combate neoliberal pola redución dese mesmo benestar recentemente adquirido, a emerxencia dunha nova onda de centralismo-.

Curiosamente, a figura que encarnou con maior convicción a despregadura da autonomía foi Manuel Fraga pero despois del gañou a partida a tropa de Romay Beccaría -é dicir, Feijóo-. Hai algo de revival dos conflictos internos do franquismo nese sucesor designado. Como se sabe, Fraga viña máis ben do campo do falanxismo e foi sempre, dentro das familias do réxime, inimigo xurado da influencia do Opus Dei. O seu populismo galegófilo era sincero -ao fin e ao cabo era de Vilalba-, tanto como o horror que por el sente a quinta de Feijóo, dunha ortodoxia máis pija e refractaria á identidade galega. Todo ven dalgunha parte e non hai que ceder a quen xulga que o pasado non pesa. Esa corda pode tronzarse, pero sempre ofrecerá resistencia.

Con todo, con motivo do corenta aniversario da aprobación do Estatuto, BNG e PSdeG parecen decididos a dárlle novo protagonismo á norma autonómica e reclamar novas competencias.

Fan ben en facelo, porque Galicia e España terán un mellor futuro se evitan a dinámica na que o diñeiro, o poder e a influencia se concentran en Madrid. E iso será posible se o eixo atlántico conforma unha área en rede, puxante, urbanizada, economicamente dinámica e con capacidade de crear traballo e riqueza. Esa é a alternativa que teñen que propoñer e implementar. Caso contrario, Galicia pode acabar sendo unha reserva de vellos, en devalo demográfico, con pouco futuro que ofrecer ás novas xeracións. Talvez xa esteamos aí, despois de tanto tempo dunha xestión mediocre e gris. Aquí non pasa nada, non hai ningunha idea ou plan de futuro, e a cousa vai a peor. Pero non é, ou non debería de ser, inevitable. E para iso está, ou debería estar, a administración pública galega e, por suposto, tamén o estado central.

Willian Davies conta en 'Estados nerviosos. Cómo las emociones se han adueñado de la sociedad' (SextoPiso, 2020) que mentres os ingresos da poboación estadounidense medraron un 58% entre 1978 e 2015, os ingresos da metade inferior caeron un 1% no mesmo período. “Canto máis rico é un, máis rápido medran a súa riqueza e ingresos”, comenta. Ao mesmo tempo, os Estados Unidos están territorialmente fracturados. Con outra franxa temporal é o mesmo que sucede en España, onde tamén se está producindo un enorme incremento da desigualdade, tanto en termos sociais como territoriais. Se dentro de Madrid, Usera e o Barrio de Salamanca son como países distintos, na península a capital opera cun efecto succionador que sería bo reequilibrar, se aínda é posible. Non pode entenderse o que se escoita na actual campaña electoral madrileña en boca de Ayuso nin a nova onda de centralismo sen esa realidade de fondo.

Hai pouco tempo produciuse o que pode tomarse como un símbolo: a substitución do nome do Banco Pastor polo de Banco Santander no edificio de Catro Camiños, na Coruña. O cambio do rótulo do edificio dos Cantóns non pode facerse, de momento, pola normativa urbanística. Galicia nos últimos anos, é evidente, perdeu dinamismo, e está como atordada. Vénselle a un á cabeza 'O Día da marmota', a película na que Bill Murray se ergue un día tras outro para repetir exactamente os mesmos acontecementos. Galicia está nunha situación metafísica, como en suspenso, fóra da historia. Cine fantástico? Non, Galicia, 2021.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats