Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Así que a neutralidade era iso
Levo días dándolle voltas a se escribir sobre as instrucións de formación do espírito nacional da Consellería de Educación. Nas semanas desde que o conselleiro presentou a súa nova estratexia para controlar as actividades complementarias dos centros de ensino non houbo profesora, pedagogo, membro da ANPA, sindicalista ou catedrático de dereito que non escribise un artigo ao respecto, coa correspondente cita de Lois Pereiro e a correspondente alusión ao paradoxo da tolerancia de Karl Popper, así que para que insistir, se xa se sabe que as mestras temos sona de pesadas. E de lacazanas tamén, aínda que creo que iso é un pouco culpa nosa, por esta teima que temos en nos xustificar cada vez que alguén nos di algo dos meses de vacacións. Eu nunca vin un notario xustificándose por traballar pouco e cobrar moito, así que non lle penso volver a explicar ao meu cuñado (ou ao subdirector xeral de Inspección Educativa, póñase por caso) o das horas de permanencia no centro e as horas de traballo na casa.
Pero desvíome do tema (o de prender en silveiras tamén é un mal da profesión docente). O caso é que estaba moi decidida a non escribir sobre as razóns de Román Rodríguez para non querer que a rapazada traballe os dereitos humanos, a diversidade ou o ecoloxismo nas actividades complementarias. Estaba tan decidida que xa me atopaba na procura doutro tema máis lixeiro sobre o que escribir (por isto de que entrou o verán astronómico e mañá son as cacharelas) cando saíron á luz os artigos do subdirector xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, ese mesmo que, segundo afirma CIG Ensino, está detrás das instrucións da neutralidade ideolóxica. E, claro, non me puiden resistir.
Os artigos do señor subdirector xeral, inzados dos clásicos dog whistles reaccionarios (islamización, imposición, separatismo, comunismo...), non teñen nada de especial, nin no fondo nin na forma. Tampouco me atrevería a dicir que amplifiquen unha mensaxe ultra, non porque non sexan ultras abondo, senón porque non sei se unha serie de artigos publicados nunha revista dixital de fans de Gustavo Bueno teñen difusión para amplificar nada. Con todo, o problema non son os artigos escritos desde a perspectiva “politicamente incorrecta” dun fan do partido abertamente fascista, senón o feito de que ese fan sexa un alto cargo na Consellería de Educación. Cando nos congratulamos porque o partido ese non ten representación no Parlamento galego, esquecemos que xa está abondo representado no Goberno da Xunta.
Semella que o conselleiro non leu ningún deses numerosos escritos de membros da comunidade educativa nos que se fai referencia a Karl Popper, porque o primeiro que fixo ao saber dos artigos do seu subdirector xeral (ou, mellor dito, ao saber que todo o mundo sabía deles) foi pedir tolerancia co subdirector canallita e, claro, despois de botar a semana anterior tentando contemporizar, explicando que ía ter, si, “tolerancia cero” coas faltas de respecto aos docentes, que o seu subdirector chama “clase ociosa”, non lle coou.
O problema de Román Rodríguez é que anunciou a súa campaña ideolóxica nun acto institucional e dentro das instrucións para os centros, e quen se lle revirou foron os propios interesados. Trabucouse de audiencia, e sobre todo de medio, algo que non entendo como puido pasar tendo aí a TVG á súa enteira disposición. Se quere resolver esta lea, eu propoñería que levase o subdirector canallita a pintar a mona ao Land Rober, que alí pode ir soltando o seu discurso preconstitucional e de paso anunciar as medidas de censura para o curso que vén entre sketch e sketch, e iso son, como mínimo, dous escanos máis para as eleccións de 2028.