Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Non o chamedes orgullo se convidades a un facha
Hai cousa de seis anos, de madrugada, na mesma rúa onde agora vivo, lémbrome pegando nos farois, á altura dos ollos dos viandantes, uns adhesivos onde se chamaba a atención sobre o pinkwashing en Israel. Despois de asegurarme de que quedaba ben pegado e estricado, corría a agochar a man no peto da chaqueta e miraba ao meu redor. A rúa seguía baleira no seu silencio residencial. Veño dunha familia onde ninguén aprendeu nunca a manifestarse. Un ano despois daquela “pegada”, Israel gañou Eurovisión en Lisboa.
Por suposto, o estado israelí non é o único que empregou á comunidade LGTB+ —diría que quizais só á G, nin se quera á L, nunca ao +, porque continúa habendo nisto transfobia e misoxinia— para branquear a súa actividade e ideoloxía noutros campos. Chegado o mes de xuño, este é un xesto reproducido cada vez máis por todas as grandes marcas internacionais, en todos os países chamados progresistas, por parte de todas as entidades de peso. Sálvase só a Igrexa, veremos por canto tempo. E daquela, xa cara a finais de maio, a min instálaseme ao fondo da cabeza unha incomodidade punzante, ábrense aquí e acolá pequenos foros de debate. Levamos anos pelexando porque a nosa identidade colectiva non se vexa reducida a clichés, seguimos nesa loita.
Reivindicamos tamén poder gozar daquilo que outros chaman praceres culpables, poñendo en valor a cultura popular, sen que iso nos caricaturice. E malia a todo, aínda que queiramos pensar que non hai límites nese diálogo, liñas vermellas, estamos esquivocadxs.
Xa en abril chegaba ás redes un adianto da programación do Atlantic Pride da Coruña —o termo en inglés denota marca, mercantilización— e, á cabeza do cartel, cofinanciado con cartos públicos polo Concello socialista e a Xunta de Galicia do PP, e xestionado pola organización local do Orgullo, aparece no máis alto o grupo Nancys Rubias. O prato forte dunha festa do Orgullo —situada ademais neste caso nas marxes do estado e nunha cidade que foi desafortunadamente símbolo da loita contra a homofobia nos últimos anos— vai ser un señor heterosexual, madrileño, abertamente posicionado cos partidos da dereita política, pero que ten pluma, que branquea coa súa pluma discursos retrógrados e de odio.
A primeira conta en denunciar esta contradición en Twitter, un rapá transquilo (@RapaTransquilo), animouse a contactar á organización do festival para preguntarlles por esta decisión na programación. Na súa resposta, o Atlantic Pride sentenciaba: “O festival representa a diversidade en todos os sentidos, así nos gusten ou non as opinións políticas que poidan ter as persoas que participan”. E eu contéstolles: se as opinións políticas de Mario Vaquerizo inclúe apoiar abertamente o proxecto dun partido centralista, tránsfobo e homófobo como o Partido Popular, sinto dicirvos que non só non representa a diversidade, senón que atenta contra ela. Unha rápida procura en Google permíteme ver que Nancys Rubias actuará tamén no Orgullo de Torremolinos, un dos más importantes en España. É dicir, unha rápida procura en Google permíteme ver que estamos sendo desactivados politicamente por nós mesmos e a golpe de talonario público. Non é só que me indigne a presenza dun nome coma este na festa do Orgullo, é que pediría, esixiríalle á organización que non lle chame Orgullo se van convidar un facha. A reivindicación do petardeo non pode estar por enriba da lexitimación daqueles que apoian partidos que ameazan os dereitos da nosa comunidade.
A poeta e editora Angelo Nestore traducía estes días un texto orixinal de Karence Cole a propósito de Marsha P. Johnson: “O mes do Orgullo existe grazas a unha muller trans bisexual negra VIH+, que era traballadora sexual, que lle arrebolou un ladrillo a un policía e comezou unha revolta contra o Estado. O seu nome era Marsha P. Johnson. Non te perdas este mes entre o capitalismo do arco da vella e o racismo descarado debido ao privilexio de ser branco e gay. Se non apoias á xente negra, ás persoas trans, ás traballadoras sexuais e ás que conviven con VIH, non estás celebrando o Orgullo, estás celebrando o capitalismo do arco da vella e a brutalidade policial”.
Que ninguén esqueza que unha bandeira multicolor, unha perruca ou unha tea de licra cuberta de falsos brillantes escintilan distinto segundo quen as leve, onde, cando. É o noso deber boicotear activamente cada un destes pasos atrás nas organizacións da festa do Orgullo, nos xestos que despolitizan a súa celebración, na adopción de perspectivas transexcluíntes e mesmo en como se xestionan o poder, a visibilidade e os dereitos obtidos despois de anos de loita. Así que xa sabedes, o día que Nancys Rubias actúe na Coruña ou en Torremolinos baixo o lema do pride, quedade na casa ou saíde pegar adhesivos nos farois.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0