Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

De novo o asunto da alimentación

Detalle de dos vacas en una granja.

0

Poderíamos titular como macrogranxas e xa saberíamos de que se trata o asunto da alimentación. Semella que periodicamente hai lances ao mar da información coa intención permanente de pescar algo e, consecuentemente, aparecer no escenario. Hai unhas semanas o ministro de Consumo fixo unhas declaracións, primeiro en prensa británica (lugar no que se produce e se consome carne de cualidade media moi inferior á de aquí) e, posteriormente, en medios españois. O textual do declarado polo ministro é subscrebíbel. Desconfiamos de que o modelo de macrogranxas poida representar un ideal de produción gandeira nen para leite nen para carne (referiuse ao noso entender sempre ao vacún). Dos males asociados á produción masiva en macrogranxas fálase da cualidade da produción e das deseconomías con gastos e desgaste medioambiental a asumir de forma pública, sendo, non obstante, os ingresos e os beneficios privados. O problema nos acuíferos (por necesidade de acopio hiperintensivo de auga), na eliminación de residuos, na contaminación atmosférica, no transporte a longa distancia e na cativa xeración de emprego, constitúen características a engadir ao sofremento animal, á intensividade tamén no uso de fármacos veterinarios, e, finalmente, á dubidosa cualidade da carne obtida nesas condicións de velocidade de crecemento en estabulación forzada. Se a esas condicións de produción da materia prima engadimos os preparados de carne en todas as presentacións valorizábeis no mercado, temos completado o panorama da descrición sintética do responsábel ministerial.

E é a partir de aquí que atopamos a polémica levantada en termos moi pouco racionalizábeis ou adecuados á creación de opinión informada. E é tamén a partir desas declaracións sen capacidade de crear nada novo na produción gandeira e no control de procesos de transformación industrial, onde comeza o erro do ministro: acertando nas aseveracións, son inadecuadas para orientar un consumo que se produce sen capacidade de eleición. Se existise un programa gobernativo de promoción da gandaría en sistema mixto: intensivo por insumos e controis e extensivo en rexime de semiestabulación, combinado con certo tempo ao ar libre tal e como se esixe en certas Denominacións de Orixe ou nas Indicacións Xeográficas Protexidas, comprenderíase o ánimo informador nese senso. Mais non é o caso. Mesmo a realidade do aumento do número de macrogranxas está discutíndose na mal chamada meseta baleira. Tampouco é moi consecuente coa función ministerial dar consellos aos consumidores, malmeter no comercio exterior de vacún procedente de España, opinar sen posterior acción de mellora ou non distinguir nos segmentos distintos de consumidores que poden ser receptores da súa mensaxe. Falar mal dun tipo determinado de alimento é un boomerang sobre os alimentos que conforman o subsector citado. O consumidor medio non distingue a carne de vacún de macrogranxas con sofremento animal e restantes características antecitadas dunha carne producida en rexime de semiliberdade ou con insumos non netamente industriais. O consumidor medio observa e compra, se pode, carne con DOP (Denominación de Orixe Protexida) ou con IXP (Indicación Xeográfica Protexida), e o único elemento que ten para discernir cualidades é, en primeiro lugar, o prezo e, en segundo lugar, a súa capacidade de usar tempo e coñecementos en se informar.

A mensaxe difundida só é asimilábel polo segmento de consumidores que dispoñen de información e son quen de asimilala (é dicer, teñen certos coñecementos de hixiene en saúde e alimentación adecuadas, teñen renda e tempo dabondo para elexer os alimentos e preparalos da mellor maneira posíbel, atendendo ao coidado persoal). Falemos, por exemplo, do caso das persoas traballadoras que residen nunha grande cidade, que viven a unha hora de distancia do centro de traballo, que dispoñen de 15 minutos para comer e que non teñen tempo para cociñaren a propria comida. A recomendación de comer pouca carne vermella ou carne procesada é case unha bulra. Entre salchicha e polo de macrogranxas (estas non as citou), calquer eleición de certo que non é aprobada como consumo alimentario de boa cualidade polos mesmos que fan a recomendación de mudar o consumo. Porque –e esta é a pergunta que nos gostaría facer ao responsábel ministerial de consumo–: como ve de saudábel o trato das aves nas únicas granxas que existen? Que lle parece a vida dos porcos nas macrogranxas?. Desa forma, críase o que constitúe a produción maioritaria de carne de porco. No mesmo plano de razoamento, é recomendábel o consumo de vexetais producidos de forma industrial, algúns mesmo sen terra?

Pola contra, botamos en falta sabios consellos que potenciarían de forma robusta a orientación cara o consumo de pescados en todas as presentacións que hai. Neste caso, aínda procedente de capturas no mar ou de acuicultura extensiva. Tanto na Galiza, primeira potencia pesqueira europea, como en Asturias, como en Euskadi ou en calquer país do Mediterráneo ou do Atlántico tropical, entenderíamos e aprobaríamos unhas declaracións con intención de orientar un consumo de alimentos de cualidade indiscutíbel como é o pescado. Mesmo entenderíamos como mecanismo de compensación e apoio ao sector pesqueiro -a vía da promoción do consumo- difundindo públicamente as súas cualidades. Mesmo neste ámbito bótanse en falta as campañas do desaparecido FROM ligadas á información ao consumidor, a campañas para escolares e á promoción do consumo de pescado. A dieta atlántica é unha garantía de dieta saudábel; mesmo parece vinculada á esperanza de vida elevada dos consumidores desta modalidade de alimentación. A promoción da dieta mediterránea forma parte dunha imaxe atractiva para un turismo de cualidade e, non obstante, non entra no programa de declaracións ao mundo do ministro de Consumo.

Finalmente, pero non de menor importancia, pretender informar dun tema tan delicado como é o consumo de alimentos sen ter nengunha conexión ministerial nen gobernativa cos plans de modificación da estrutura produtiva só orixina confusión nos consumidores, malestar nos produtores e desalento naqueles que producen en condicións asimilábeis á gandaría extensiva. En Galiza, a Indicación Xeográfica Protexida de Tenreira Galega ten unha vida de máis de 30 anos, certificando e controlando unha carne titulada en moitos mercados como de luxo. Tamén hai aínda un conxunto de produtores galegos (aos que podemos engadir os de moitas explotacións controladas) que producen combinando pasto con pensos, estabulación con rexime en liberdade, bon trato animal e un respeito polo medio ambiente encomiábel. Nengún deles parece que atopou eco nas afirmacións do Sr. Garzón. É moi importante a vida tanto dos pescadores como dos gandeiros, e de todos os consumidores concienciados, para ter que atender á polémicas de escaso percurso.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats