Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Trump amenaza con nuevos ataques a Venezuela si Delcy Rodríguez no colabora
El ataque a Venezuela aumenta los temores de una invasión a Groenlandia
Opinión | '¿Podría Trump secuestrar a Pedro Sánchez?', por Isaac Rosa
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Minaría 'a todo trapo'

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, y la conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, durante su visita, el pasado julio, a la mina 'A Fraguiña', en Carballeda de Valdeorras (Ourense)

0

O efecto propaganda da que denominamos descoberta de Rueda tivo até agora pouca extensión. Hai varios elementos que poden explicar este curto percurso. Dicíamos hai uns días que o presidente da Xunta anunciou con balbordo que Galiza posúe un tesouro no seu subsolo que nos converte de repente en super-ricos: falou de 45.000 millóns de euros (ollo á cifra, máis de tres veces o orzamento da Xunta para o ano 2026). Ante tal anuncio, os máis avisados xornalistas que caen fóra do campo pagado e/ou turiferario do executivo do PP, pasaron a se interesar vivamente polo contido do Informe utilizado para anunciar tal riqueza mineira.

Ao primeiro o Informe era obxecto de desexo dun ben con virtude esvaradía. Non aparecía por ningures. Na USC facíanse os sorprendidos. Non sabían nada. Despois alguén citou un encargo do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) para indicar que probabelmente podería ser unha addenda dun encargo á USC (un profesor de Físicas sería o encargado) dun informe sobre os recursos enerxéticos de Galiza. Economistas non aparecía ningún por ningures. Nen sequera aqueles/as que adoitan explicar nos medios de comunicación decisións do executivo moi complicadas de razoar. 

E, finalmente, aparece o citado documento denominado Informe sobre el potencial de elementos críticos en Galicia e leva por subtítulo “Análisis combinado de Recursos Primarios, Zonas de Prospección y Oportunidades de Valoración” (as maiúsculas son dos autores) coordinado por Pablo Núñez Fernández (xeólogo) e redactado cos membros do Comité de Minaría do Ilustre Colexio Oficial de Geólogos (ICOG): Ester Boixereu i Vila (xeóloga), Rubén Esteban Pérez (xeólogo), en outubro de 2025.

Un dos elementos que pode facernos comprender o desinchado da nova referida con exceso de propaganda e desinformación foi coñecer a autoría do citado documento. Nada menos que o coordinador tivo até hai moi poucas datas unha responsabilidade executiva na empresa Cobre San Rafael, empresa propietaria da mina de Touro. Agora figura empregado como xeólogo nesa empresa. Da rama económica da cuestión non hai cita nen nome nen aval profesional que indique método de valoración que tivera orientado aos autores (ao coordinador e aos redactores) criterio algún para efectuar tal valoración. E, non obstante, si figura. Entre 25.000 e 45.000 millóns de euros, opinan no informe que temos agachados no subsolo en forma de riqueza de recursos críticos.

E chegados aquí, poderemos enumerar os outros elementos que converteron esta nova nun conto como o da leiteira, aproximadamente. Os xeólogos realizan unha análise, como ben din, do potencial existente na Galiza de elementos críticos utilizando unha combinación da avaliación pormenorizada de 42.847 mostras xeoquímicas tomadas polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME) e a caracterización específica de 127 zonas prospectivas prioritarias. Isto é unha indicación primaria de capacidade potencial dos minerais existentes no subsolo galego coa indicación de riqueza potencial baseada nas mostras. Para converter este Informe nun estudo aplicábel en política económica faltan algúns pasos que de momento o executivo presidido por Rueda non está en condicións de realizar.

A continuación dun informe desta natureza cumpriría un outro de análise das posibilidades empresariais de explotación destes recursos. E para levalo a cabo é imprescindíbel o concurso de competencias entre economistas especializados en explotacións mineiras xunto con enxeñeiros do mesmo e mais coñecedores (analistas de economía tamén) do desenvolvemento do mercado mundial de cada un dos recursos de que se tratar. O mercado é mundial/global e as características do mesmo moi alambicadas para que calquera explotación dun ben existente sexa garantía dun bon negocio. E no campo de coñecemento da minaría á incertidume propia dun mercado con certa volatilidade, cómpre engadir o descoñecemento das reservas e das potencialidades dos competidores.

Non é habitual nen prudente en termos de cultura empresarial exhibir as cartas posuídas para se enfrontar ao mercado mundial. De feito nen sequera entre os moi avisados titulares de petróleo é sabido cales e cantas son as reservas dos competidores. No caso dos recursos críticos, igual: sábese quen vende no mercado mundial, cal é o prezo presente pero non houbo un striptease de fundos de reservas potenciais tal e como fixo Rueda, para antes de empezar a explotar, decir canto temos.

Do paso segundo que sinalamos aínda cómpre un terceiro para tomar a serio a existencia dun proxecto de desenvolvemento mineiro no país: o custo do investimento nas condicións actuais da técnica, a valoración económica do negocio, e a contraparte das consecuencias medioambientais da explotación para, chegado o caso, seguir as normas Comunitarias de obrigado cumprimento de devolver a terra removida ao seu estado primixenio así como as indemnizacións a que houber lugar para lograr a licenza social.

E logo, de onde saen os 45.000 millóns de euros? Case dá apuro decilo, pero é algo así como: se hai x toneladas e o prezo de mercado é z, multiplico x por z e saen ese miles de millóns. Repetimos o conto da leiteira redivivo. Unha peniña.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats