A orquestra do Titanic
Parece non moi xusto, ou mesmo non moi axustado aos tempos, falar de organización empresarial, das empresas públicas, sociedades estatais como Correos ou tan sequer de melloras na vida dos/as cidadáns grazas ao papel desempeñado polo Estado español. Alongadas as accións ilexitímas do Estado de Israel e as dos EUA, de modo e maneira que pasan polo ceo de media Europa todo tipo de mercadorías de guerra, e nós aquí, observando como nos vai ou nos podería ir en tempos de paz máis ou menos normais. Mais o inmediato non xustifica que perdamos de vista as melloras en servizos públicos que se poderían acometer. Mesmo somos da crenza que esa é a directriz do Goberno español ao se negar de feito a entregar á industria armamentística ianqui o 5% do gasto equivalente a esa porcentaxe do PIB, e seguir coa senda de utilizar unha gran parte dese gasto en melloras sociais directamente destinadas á vida diaria e económica dos cidadáns.
Dúas novas incitáronnos a botar unha ollada a Correos: unha, a desaparición en Dinamarca do servizo postal estatal de reparto de correspondencia a domicilio. Pasounos como con outras accións dos gobernos dos países nórdicos. Será o inicio de accións semellantes a imitar ou é que no afán dun aforro no límite convertéronse en irresponsábeis? En Dinamarca non podes escreber cartas porque non tes servizo de Correos público que as distribúa. Aquí existe nominalmente pero, por mor da absoluta ineficacia na distribución, acabarase convertendo en inútil totalmente pensar que despois de escreber e enviar vai chegar -en tempo normal na vida- ao seu destino. Así, por exemplo, as cartas e efectos postais do mesmo tipo seguen unha curiosa ruta -non ecoloxicamente sostíbel- que fai que as cartas, antes de chegaren ao seu destino, coñezan moito mundo.
Unha carta de Lugo cidade para Lugo cidade (extensíbel a calquera urbe galega) non se clasifica na cidade e simplesmente se entrega. Primeiro colle camiño ao centro de Correos en Lavacolla (Centro de Tratamento Automatizado, CTA) e logo, alí, visto que non foi suficiente viaxe, son enviadas a Valladolid, a un centro semellante pero mellor dotado -ao parecer- para clasificar e, logo, coa viaxe á contra, distribuír nos respectivos destinos. Así se explica que aqueles que precisan comunicar dun día para outro na propria cidade, sabendo que ese servizo pode demorar 4, 5 ou 10 días, se vexan obrigados a utilizar sevizos postais de compañías privadas co consabido sobrecusto que iso significa. É este modelo de clasificación e final reparto un aviso para que se entenda que Correos non vale como servizo postal de sempre? É por seguir o modelo danés que previamente e con planificación empresarial á mantenta se vai avisando de que non vale como servizo para eses mesteres? Ou é unha maneira basta de incitar ao abandono da relación epistolar tanto entre cidadáns como entre empresas e institucións públicas? Non se pode dicer que hai mal servizo e se envían poucas cartas ou será que hai moi poucas cartas a enviar porque o servizo está en desaparición?.
Non obstante, Correos existe. Mesmo podemos dicer que existe cunha realidade nova. Ou novísima. Nas oficinas de Correos das cidades hai de todo. Ía dicer que menos comida, mais non é certo, porque hai caramelos. Podes atopar das máis diversas mercadorías que pensabas que che venderían nunha oficina postal: bonecos, abanos de vivas cores (non sei se imitando o arco da vella ou a enseña lgtbi), botellas para levar auga nas viaxes, contos de coloríns para nenos, rifas da ONCE, tarxetas de crédito, balizas para autos, seguros dunha compañía privada… Ante tal escaparate, a miña primeira pregunta foi saber se nas xanelas de atención ao público ao cargo de funcionarios de Correos era posíbel adquirir tal diversidade de bens e servizos. A resposta é: si.
Agora, a segunda pregunta. Entraba no exame das oposicións este tema de vendedor de mercachifres? A resposta é: non. Sen previo aviso nen modificación algunha na organización do traballo aparareceron mercadorías para ser traficadas ao mesmo tempo e coa mesma dedicación que os efectos postais. Mais aínda hai segunda parte. No caso dos seguros, compañía AXA, os/as carteiras rurais deben dedicarse a oferecer seguros directamente nos domicilios facendo de axentes gratuítos para a compañía, co que esta acción significa: un abuso por parte da aseguradora da lexitimidade e confianza de que gozan as/os carteiras no rural. Ás veces é o único contacto co exterior que chega ás vivendas en núcleos illados ou en hábitats moi dispersos. Iso si, despois da recollida de todos os dados de interese para unha aseguradora que realizan os empregados de Correos, e se dan asinado unha póliza, reciben unha comisión. Este mecanismo de eficacia empresarial fantástica é desfrutado por unha só empresa cuxa chegada ao convenio con Correos é cuestionada por sindicatos (non dos hexemónicos no Estado) e no Congreso dos Deputados polo BNG. O mesmo cuestionamento de funcionamento dáse nos contratos de patinetes (no mercado de Correos) e o das balizas, por falta de transparencia.
Agora ben, dados os pasos noutras seccións de Correos, non se pode aseverar que estexa en desaparación senón que emprendeu un camiño dunha privatización propria desta época. É sabido o auxe e crecemento positivo do comercio en liña. Consecuencia foi o crecemento moi positivo da distribución de paquetaría. Correos comprou no 2001 Cronopost. Logo converteuno en Correos Exprés que funciona no Grupo Correos mais como empresa privada. A súa vez, os servizos dividíronse en dous: os que son urxentes, para o privado, e os de máis de 48 horas (menos rendíbel) para a parte pública. Claro que a parte urxente, rápida e eficaz para os clientes funciona cunhas eivas laborais semellantes ás da precariedade das empresas privadas: horarios impensábeis, salarios cativos e mesmo falsos autónomos (até na posesión dos vehículos de Correos exprés faise como nas empresas privadas de distribución de paquetaría: os vehículos son responsabilidade dos traballadores). Diciamos privatización do século XXI, mais a mesma constante dos inspiradores liberais/ortodoxos na economía pública: o Estado coa parte menos rendíbel, e onde hai negocio, para as empresas privadas. Socializando perdas e privatizando beneficios.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0