Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Poder político con moitas contradicións

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, en el avión al iniciar su viaje a China.

0

En realidade quería tratar sobre a ansia de poder e control que manifesta o actual xefe de goberno autonómico no ámbito que lle corresponde. Pero atopo serias dificuldades para poder defender o título que tiña pensado, que era o de poder absoluto. Non se pode utilizar porque non reflicte a realidade. O presidente da Xunta goza dun ámbito de exercicio do seu poder realmente cativo comparado coas posibilidades a desenvolver no marco do Estatuto de Galiza, e, o que é pior, por vontade propria, xa que as posibilidades que oferece o Estatuto de Autonomía van moito máis alá das que actualmente delimitan o poder autonómico: o exercido e o potencialmente desexábel.

Goberna naquelas competencias exclusivas que están inalteradas desde hai 16 anos. Nen Núñez Feixóo nen Rueda ampliaron a extensión do poder exercido para un campo máis amplo do que a autonomía contemplaba, case cando empezou o século XXI, e, non obstante, o mundo cambiou bastante, as circunstancias económico-políticas tamén, e as reivindicacións dos cidadáns, así mesmo.

Así, por exemplo, e sen ansia de ser exhaustiva, poderíamos citar algunhas que, sendo notabelmente funcionais para un goberno que se prece, non forman parte do cadro actual de obrigas do Executivo galego. Citaremos as seguintes: ordenación do litoral na súa totalidade; salvamento mariño e loita contra a contaminación marítima no que corresponde aos vertidos; control, inspección e vixilancia pesqueira, ISM (Instituto Social de la Marina) cun número de afiliados en só tres provincias galegas que representan o 27% do total do Estado; portos dos chamados de interese xeral que son Ferrol-San Cibrao, A Coruña, Vilagarcía, Marín-Pontevedra, Vigo; xestión e réxime económico da Seguridade Social; función de inspección laboral; organismos de investigación mariña na Galiza; transferencia de competencias en materia de investigación científica; servizos de meteoroloxía; planificación, construción de obras hidráulicas en Miño-Sil no territorio galego; formación ocupacional tanto de persoas paradas como activas; emprego e fundo de garantía salarial, xestión da oferta e demanda de emprego; xestión dos laboratorios públicos de referencia; xestión da inmigración...

Dicíamos que non citaríamos de forma exhaustiva e o que citamos son única e exclusivamente aquelas competencias que atinxen á pesca ou, mellor dito, á actividade pesqueira que no seu sentido económico total abranxe non só as actividades directamente produtivas senón aquelas imprescindíbeis de coidado, conservación, mantemento e reparación dos recursos naturais, así como control doutras actividades que inflúen directa ou indirectamente nas condicións en que se desenvolve a pesca. Quedarían polo tanto sen lembrar outras competencias longamente citadas por ausentes e que constitúen unha reivindicación clásica do nacionalismo e daqueles actores na vida económica galega que pretenden máis eficacia e a eliminación de varios chanzos de burocracia para lograr un fluído devir da vida económica. Así, poderíamos lembrar o traspaso da AP-9, infraestruturas viarias e ferroviarias no territorio galego, policía autonómica, tráfico e circulación e seguridade viaria; demarcación xudicial de Galiza, ou a cultura e a lingua galegas... Así, en cada un dos campos en que está falto de completude o traspaso das competencias que contempla o Estatuto.

De aí que teñamos que nos referir sen moita vontade inicial ao aspecto de perspectiva de goberno dun país entendido como un pequeno concello con competencias limitadas e das que sempre haberá a posibilidade de eludir responsabilidades en busca dun titular cun rango superior. Ese sería, ao noso entender, o cualificativo dunha mentalidade de goberno de intento de control total e permanencia garantizada sobre unhas competencias limitadas das que sempre hai maneira de eludir responsabilidades enfocando cara a un externo/superior. Dese modo sempre se pode practicar a táctica de balóns fóra e pasar como alumno mediano.

A observación do paquete competencial incompleto -mesmo no ámbito estatutario- dá a entender que o interese político do goberno de quenda nestas últimas décadas é de contar co menor número de responsabilidades con encargo de xestión diaria para non ter que se responsabilizar diante dos seus propios concidadáns e votantes da marcha cotiá das cousas da vida. Se o réxime aeroportuario en chan galego goza dunha marcha irracional de xestión -en moitas ocasións dependente dunha mirada centrípeta-, a “culpa” é do goberno central, xa que aquí non hai competencias. Se a autovía Lugo-Santiago tarda en ser aberta máis tempo que a construción da catedral de Gaudí, é cousa do goberno central; se as acreditacións para o profesorado das universidades galegas pasa pola Aneca (goberno central) é por culpa do goberno central. Isto do goberno central dá moito xogo neste momento de enfrontamento co Goberno español de coalición, mais en tempos do PP sucedía exactamente igual e ningún dos agora carpideiros (ou queixosos) tiña a ocorrencia de citar o goberno central como responsábel. Nunca se fixo unha planificación no interior do goberno actual de saber co que contabamos, o que desexamos acadar, con que medios fiscais contamos (que plan de financiamento específico propoñemos) e como se debería executar nun período de tempo gobernativo medio: é dicer, máis alá dun período eleitoral, non para o curto prazo senón para crear tecido político/gobernativo dun país que teña conta de si mesmo.

Este componente de falta de capacidade e de vontade de se facer cargo do propio, como fan os adultos de calquera país, explicaría ao noso ver esa ansia de poder nun exercicio controlador até a extenuación do que existe, e ausente do importante que non se alcanza, non por imposíbel senón por incomparecencia, non personación ou simplemente falta de arroallo.

Casos como o veto á proposta do BNG para vicevaledor do pobo cun argumento de patio de gardería (non nos gusta o candidato, dixo o PP), o da muda do director do IGE, a inxerencia na elección de reitora na USC, o capricho de dividir recursos do sistema universitario galego con criterios localistas, a intromisión en política municipal, con mocións de censura incluídas, a división da prensa entre “nosos” e “inimigos” comprando vontades con cartos públicos, son só síntomas dun modelo de facer política que non vai contribuír -mesmo por razóns antipedagóxicas- a mellorar o país. O control absoluto ficou reducido a control miserábel dunha realidade empequenecida á mantenta.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats