Buzón medieval
A refeudalización é o que ten: converte todo en sombra do medievo e debemos desenvolvernos entre pantasmas do pasado, sen non nos dar de conta. Isto foi exactamente o que pensamos ao observar unha nova inxerencia imprudente ou torpe do executivo actual co nomeamento de directora do CGAC: de ser un orgullo de centro de recoñecido prestixio polo seu obrar e proceder en independencia pasa ser un apéndice dun executivo metido en todas as cociñas. Neste caso non sabemos se a función encomendada é de caixa de correos (tradúzase comisaria pero non de exposicións) ou de bufón na acepción coñecida do rol en corte real.
A relación explicativa ten a ver cunha anécdota familiar: o asunto que, na parte cómica que ten, comeza cun recado que trae do colexio un dos meus netos. Como agora os cursos escolares desenvólvense de acordo co calendario comercial de feiras e festas (antes era o calendario gregoriano, e o máis que celebrabamos eran os exercicios espirituais en Antroido, sic Instituto Femenino Lugo, anos 60), un día chegou a casa coa encomenda de que a el lle tocaba (é dicer: a miña filla debería facer) un disfrace de “buzón”. A nai do rapaz pasou algunhas sesións de pensamento propio discorrendo como faría unha caixa de correos en cartón do tamaño do neno, que non se desfixera ao se mollar de casa ao colexio, como faría para penduralo e rematalo, e, en fin, mesmo se debería pintar o neno de amarelo, para maior realismo. Para saír de dúbidas preguntou de novo á criatura: e logo cal é o leitmotiv deste Antroido? A contestación foi rotunda e aclarativa: de medievo. Ben, logo habería ser de bufón, palabra que para un neno pequeno non garda moitas diferencias na pronuncia con buzón e total para el significaban igual: é dicer, nada. Comeza a elaboración doada do disfrace, xa que en realidade consiste en ir a un chino perto e mercar o que semelle máis adecuado para o baile/desfile escolar.
A vantaxe da refedeulización que observamos como característica definitoria desta etapa do executivo galego ás ordes do seu presidente Rueda é que se poden reunir nunha mesma persoa que ocupa un cargo de libre designación dúas funcións: de “buzón” e máis bufón. O de bufón é un cargo con moitos elementos complexos: é o único que podía lle dicer á verdade ao señor; por iso considerábase que reuniría dúas condicións: era un espello torto da realidade e non tiña a máis mínima aspiración de ocupar lugar algún na corte nen, no painel de nobres con dereito a terras, privilexios e poder. O bufón non pasaría nunca dese rol e mesmo, no mellor dos casos, con grandes beneficios polo seu oficio, nunca formaría parte de institucións con representación e poder na corte. O bufón sempre se pode dedicar a coñecer toda a trama do poder vicario ou de segundo nivel e comunicar adecuadamente co rei para lle transmitir a información necesaria dos movementos da nobreza. E tamén, coa súa representación teatral, transmitir os desexos do rei, a disposición cara a conceder favores en circunstancias determinadas ou sancionar condutas non desexadas. É dicer, o bufón nunca se considerou pertencente á clase da nobreza, nunca formou parte da mesma, pero xogou o papel de contraponto no desenvolvemento das relacións de poder na Corte. Rol necesario, xa que logo.
En cambio, o que denominamos comicamente “buzón” non é máis que un depositario e transmisor da vontade do señor. É o máis parecido a un comisario político moderno. Ten contacto directo co señor mesmo desde dentro da propia administración e cumpre o rol de información só na dirección de administración-xefe do executivo. Ten fío directo e ademais garda con lealdade ao señor o seu posto de traballo sempre en louvor e gloria do xefe. Non ten por que facer de bufón, aínda que si de depositario das esenciais gobernativas do xefe. As relacións laborais, funcionariais, administrativas ou políticas pasan a mellor vida e son exclusivamente de xefe con cargo nomeado e directamente conectado: verdadeiro depositario (caixa) dos designios do xefe. Só así se entende o tipo de cargos de libre designación de fío directo co responsábel do goberno e que comunmente se citan como da súa corda.
E isto que ten que ver coa refeudalización? Pois que a maneira concreta de se dar as relacións interiores no seo do Partido Popular na actualidade galega maniféstase seguindo pautas que lembran un pasado pre-democrático ou máis ben que o reproducen, xa que a separación necesaria entre función política, administrativa, xerencial ou de calquera outro tipo de responsabilidade, pasa no presente por un control persoal de débito a gosto do xefe. Isto é, o que se conseguiu no Estado de Dereito / no Estado Constitucional coa profesionalización do funcionariado fica suxeito á interpretación e discrecionalidade do gobernante. Certamente non todo está escrito como norma legal. Mais non é necesario. Non precisamos pór carteis que prohiban en todas as partes fumar. Xa se sabe, hai unha lei e hai que respeitala. Tampouco é necesario que poña unha lei que para ser presidente dunha institución pública hai que saber ler e escreber. Non debemos esperar que haxa un escrito que diga que está prohibido cuspir na rúa -ou en ningún sitio- e, porén, faise. Non podemos esperar que alguén opine dun profesional sobre as súas ideas, a súa imaxe, a relación de súbdito ou de cidadán co xefe de quenda, e, secomasí, faise.
Non é concebíbel en democracia en 2026 que se poida chamar terrorista a un patriota que morreu asasinado polas costas pola policía franquista e, porén, faise. Non se entende como en lugar de difundir e sentirse orgulloso do propio, como galegos que somos, alguén con obriga de representar ese rol, sinta vergoña. Non é entendíbel como alguén en nome de ninguén di que se nega a debater, discutir e acordar co goberno central o financiamento para Galiza. Con quen pensará en discutila? É concebíbel semellante desplante antidemocrático? Que se pode esperar despois de tal dislate?
Dixemos refeudalización por lle dar un nome á volta a un pasado non democrático.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0