Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Polos cartos

Varios estudiantes antes del inicio de la Evaluación para el Acceso a la Universidad.

0

“Esta profesión que ti amas non te corresponde”.

Doutor Iggy Frome, New Amsterdam

 

Hai pouco falaba cunha compañeira de traballo sobre a posibilidade de ir vixiar e corrixir exames de selectividade. Como non tiñamos claro canto pagaba a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), acudín á fonte de información máis fiábel que coñezo para todas as cousas que teñen que ver co ensino secundario: o grupo de profesores do Facebook, que desde hai tempo coordina, xerarquiza e tenta responder todas as dúbidas imaxinábeis dunha comunidade de máis de 19.000 membros. De seguida atopei o que procuraba: a consulta doutra profesora que preguntaba se alguén sabía canto pagaban por corrixir os exames de ABAU. Parafraseando o slogan, entrei pola dúbida e fiquei polo debate. Houbo a quen lle pareceu mal que a docente preguntase sequera canto ía percibir por facer ese traballo (“ninguén che obriga”), houbo moitas respostas aportando a experiencia previa e explicando que polos cartos non pagaba a pena, posto que eran menos do que lle custaría, poñamos por caso, contratar alguén que lle coidase as crianzas mentres ela estaba a corrixir. Houbo, finalmente, a esperada apelación á vocación: “Non o fas por ti, falo polos rapaces”.

Para quen descoñeza o procedemento das ABAU, cómpre aclarar que cada centro envía un docente a acompañar o alumnado durante os tres días que duran as probas, e tampouco é infrecuente que os profesores e profesoras de Bacharelato nos acheguemos á saída dalgún exame a preguntarlles como lles foi, darlles ánimos e escoitar o ansiado “tiñas razón, non era para tanto”. O profesorado que se apunta a corrixir exames de ABAU non o fai por acompañar a rapazada, senón normalmente porque a experiencia lles vai ser útil para clases futuras. E polos cartos.

A doutora que se eslomba na garda dobre do centro de saúde, o auxiliar que leva practicamente só un andar enteiro de pacientes dunha residencia privada, a mestra de infantil que ten 25 crianzas de tres anos na aula e ningún profesor de apoio, tamén traballan polos cartos, exactamente igual cá directora da residencia do auxiliar, o xerente da área sanitaria da doutora e o conselleiro de educación. E non está mal que o fagan.

Vivimos nun sistema económico no que son os cartos os que marcan o valor das cousas, alén das necesidades de cadaquén, pero ultimamente temos os púlpitos da opinión moi empeñados en depreciar o valor do traballo subalterno. Aínda o outro día un moderno cantautor orneaba en Twitter contra o Estatuto dos Traballadores, cousas veredes, porque segundo el unha cousa era a lei e outra moi distinta o acordo libre entre partes ao que chegan un empresario e unha persoa desesperada por un traballo. Lembroume o caso aquel do caníbal de Rotenburg, que aduciu na súa defensa que a súa vítima consentira en ser comida. Os tribunais alemáns, legalistas como son, condenárono a cadea perpetua igualmente.

No caso de certos traballos, especialmente os relacionados coa formación e os coidados, a desvalorización traémola interiorizada da casa. Empezan dicíndonos que para estudar tal ou cal carreira ou tal ou cal ciclo hai que ter vocación, como se fósemos monxiñas camiño das misións, e rematamos por crer que a profesionalidade non é algo que se poida aplicar aos nosos traballos. Como imos facer folga as profesoras para reclamar melloras laborais, se o noso alumnado nos necesita? Como se vai negar o auxiliar da residencia a acudir no seu día libre, se os velliños non teñen ninguén máis que mire por eles? Como non vai asumir a doutora a axenda do médico que a administración retira do centro de saúde porque xa está ela aí para atender os pacientes todos?

Entre excepción e excepción, non caemos no que nos podería dicir calquera traballador ou traballadora que pasase por un conflito sindical: cando unha fai o traballo doutra persoa a petición da patronal, xa pode ter as intencións máis puras e o corazón cheíño de amor polas persoas ao seu cargo, pero o nome que ten iso segue a ser o que tiña hai un século e medio, esquirolaxe, e as causas son as mesmas: o moderno cantautor politicamente incorrecto, a señora directora da residencia, o señor conselleiro ou o xerente da área sanitaria queren aumentar beneficios recortando en persoal. Ás veces os beneficios son directos, sobre a empresa, as veces son en forma de votos ou, vai ti a saber, se cadra de comisións. O caso é que todo se fai polo cartiño.

Como hai ben tempo que quitamos os crucifixos das aulas e os hospitais, sería bo tamén sacudir a retórica católica dos nosos traballos, e lembrar que os vellos, os rapaces e os pacientes do centro de saúde non nos precisan a nós, con nome e apelidos e un saco de vocación ao lombo, senón a calquera profesional que poida desempeñar o seu traballo con dignidade. Porque se transmitimos esta idea de abnegación e sacrificio a quen agora se está formando, corremos o risco de que pasado mañá entre pola porta do choio un traballador con máis vocación aínda, disposto a asumir o traballo non xa de dúas, senón tres persoas. E entón a ver quen nos di iso de que todos somos continxentes pero ti es necesario.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats