Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
La guerra entre PSOE y PP bloquea el acuerdo entre el Gobierno y las comunidades
Un año en derrocar a Al Asad: el líder del asalto militar sirio detalla la operación
Opinión - Un tercio de los españoles no entienden lo que leen. Por Rosa María Artal
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Subvencións e privilexios

Instalaciones de una fábrica industrial

María do Carme García-Negro

0

Neste momento, pendentes do resultado das eleccións xerais, planean na atmosfera informativa -ou de campaña- diferentes propostas de política económica nacidas nos debates de política estatal. Salvado o atrevemento de denominar medidas ao que os partidos españois de dereita e extrema direita teñen feito, en realidade consignas facilonas para uso efémero, si podemos botar unha ollada ás practicas dos gobernos do Estado, nunha economía como a española e, como unha derivada, á galega. Ímonos referir á política industrial ou, mellor dito, ao trato que as grandes industrias receben do Estado. É habitual que os dirixentes empresariais das multinacionais, ben dotadas polo nível de ingresos anuais e pola evolución dos beneficios, se permitan dar leccións do que se debe facer coas que non acadan o grado de beneficios desexábel, é dicer, intentan orientar ao goberno no emprego de fondos públicos. Estas orientacións merecen ser examinadas, así como o degrau de independencia empresarial para poder tomar en consideración as súas orientacións, consellos ou directamente presións. Quen non escoitou dicer aos representantes da grande patronal que as empresas que non son rendíbeis non deber ser subvencionadas? Cantas veces, nas declaracións dos representantes individuais ou colectivos das grandes compañías españolas, non afearon a conduta dun goberno subvencionador de procesos en certas actividades imprescindíbeis, mais non rendíbeis, no mesmo nível das empresas cabeza do motor do crecemento?

Estas cuestións, que semellan en cada caso depender da cor política de cada goberno, non dependen, porén, tanto da vontade dirixente do grupo responsábel do goberno, senón, pola contra, das necesidades concretas en cada momento da industria e, por tanto, de que o Estado sexa funcional ao seu devir económico ou, se mellor queremos, ás necesidades de crecemento do capital dominante.

Se de subvencións tratamos, danse en todos os países capitalistas do entorno económico onde nos movemos. En cada momento histórico dunha forma e en cada Estado dunha maneira máis ou menos identificábel, normalizada con ese nome ou con calquer outro admisíbel. Un exemplo histórico constitúe a industria siderúrxica. Sen ela non hai nada na etapa presente deste capitalismo: nen construción civil, nen construción pública, nen ferrocarril, nen industria do automóbel, nen naval...; só con se imaxinar onde hai aceiro, dámonos conta de que nen olas para cociñar ou cubertos para comer habería. Pois ben, a siderurxia en si mesma foi e continúa sendo unha industria rendíbel, mesmo hoxe é corpo doutros conglomerados monopólicos, continúa amosando vantaxe remuneradora. Non obstante, se a industria non acolle todos e cada un dos procesos técnicos precisos para lograr unha tonelada de aceiro, non todos os procesos por separado son rendíbeis. Neste caso, a actividade mineira imprescindíbel para a siderurxia non é en si mesma rendíbel, mais é indispensábel. Historicamente, este problema tivo dous tipos de resposta por parte dos diferentes Estados: un, a subvención directa ás actividades mineiras e outro, a asunción por parte do Estado en empresas proprias desta actividade para garantir o subministro. En cada etapa do capitalismo e en cada economía europea (e norteamericana, tamén), téñense producido eses dous tipos de actuación, baixo o principio xeral da necesidade e non da ideoloxía. A economía bandeira do liberalismo e do neoliberalismo, como é a estadounidense, muda (ou búrlase ostentosamente) dos principios liberais segundo sexa a necesidade en cada caso. O máis recente na reacción á pandemia, cunha política de gasto público en actividades directamente produtivas, cunha política monetaria á comenencia do seu desenvolvemento e cunha política exterior ultraproteccionista. En Europa, e en concreto na UE, as cousas van doutra maneira mais nunca en seguimento duns principios senón das necesidades do capital dominante. Por esa razón case é cómico escoitar aos representantes da banca que hai que eliminar as subvencións a certas actividades non rendíbeis como é a agricultura, a pesca ou certos servizos. Parafraseando Manuel María, dáme unha gargallada de risa: se non hai ou houbo integración industrial das actividades extractivas ou de traballo directo da terra coa industria de transformación, só hai dous camiños: subvencionar e ter produción propria ou, como fixo no seu momento UK, importar (barato, barato) os alimentos do vasto Imperio. Os economistas intelixentes coñecedores das leis de desenvolvemento do capitalismo non deostan as subvencións á produción de alimentos porque unha economía con alimentos baratos ten a vantaxe engadida de favorecer unha menor presión por parte dos traballadores para o aumento de salarios. Son unha boa e íntima componente do beneficio empresarial na zona rendíbel da economía.

Outra cuestión son os privilexios. Aquí, na economía española, tanto na etapa democrática como no capitalismo franquista, coñecemos de todo tipo, pelaxe, natureza e resultados. E ademais debemos engadir que non son necesarios para a obtención dun desenvolvemento económico xeral senón para pervivencia e reprodución de certos grupos de poder que podemos denominar encistados ou entreverados co poder político. Empezando pola industria enerxética (tanto a de combustíbeis como a eléctrica), seguindo pola banca (desde as caixas de aforro á banca actual), continuando polas empresas construtoras e rematando polo deseño do espazo urbano edificábel (sen deixar de citar a prensa con privilexios), atopamos un cuadro nada edificante e moito menos homologábel coas economías que se adoitan denominar do noso entorno, e que o máis parecido que teñen nalgúns caso é a proximidade xeográfica.

Hoxe só descrebemos os entrantes deste menú a desenvolver un pouco máis polo miúdo. Mais cómpre non deixar sen citar un aspecto da política económica que non é usual contemplar: é a arma das disposicións legais por unha parte (un BOE favorábel) ou do asentimento/consentimento ás relacións comerciais das grandes compañías cos cidadáns. Estes son tratados como consumidores con contratos de adhesión sen desputa. É o mesmo que se trate dun contrato cunha compañía eléctrica, como cunha de gas, como de telefonía, de banca, como de billetes de avión ou ferrocarril: as condicións son as da compañía, e o consumidor contratante non ten vía de escape: ou asina ou non ten subministro, porque é evidente a existencia de acordos entre empresas que igualan condicións e por tanto bulra do que debería ser papel do Estado, na vixilancia do interese común. Non ouvín -ninguén escoitou- en campaña eleitoral propoñer a través dos contratos de subministro de electricidade un control do facer das compañías para reducir o total da factura, mesmo despois de recoñecer que os beneficios caen do ceo. A boa medida consistiría en anular os privilexios e traelos á terra dos comúns.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats