Persoas, non paquetes: cómpre humanizar á infancia migrante que viaxa soa

0

“Son persoas a protexer, non paquetes a repartir”, sinalaba a pasada semana o Partido Popular nun comunicado no que subliñaba que os máis de 5.800 menores migrantes que se atopan en centros saturados en Canarias e Ceuta deben “ser atendidos con dignidade e non ser utilizados”. Concordamos co PP. Trátase de persoas menores de idade non acompañadas que NON poden ser utilizadas na disputa partidista política. Con todo, o PP leva ano e medio utilizando á infancia migrante en liortas partidistas. Abonda xa. En aras do interese superior das e dos menores, que non son unha pelota de tenis de mesa, cómpre que o partido que lidera a oposición asuma unha resposta solidaria e corresponsable de todas as Comunidades Autónomas. Isto é unha emerxencia provocada pola inacción e a disputa partidista.

Estas lerias afectaron de cheo a Omar (tivemos que mudar o seu nome por razóns de seguridade), que agora ten 19 anos e chegou a Canarias en 2020 con 15 anos fuxindo da guerra en Malí. Nos tres anos que permaneceu no sistema de protección de menores pasou por catro centros. En agosto de 2023, ao cumprir a maioría de idade, tivo que abandonar o último centro e non tiña documentación. Para facer a entrevista na que solicitar asilo, houbo de agardar a setembro de 2023. Cando falou con Amnistía Internacional, a finais de 2024, seguía á espera da resolución da súa solicitude. Vivía con moita incerteza, confiado en que se lle recoñecese a súa condición de refuxiado e poder buscar un futuro en España. Mentres tanto, sobrevivía coa axuda que recibía de amigos, xa que non tiña traballo. Cando era menor fixera un curso de cociña e outro de camareiro, polo que confiaba en atopar algo que lle permitise gañarse a vida en dous sectores que empregan a moitas persoas migrantes.

A súa situación sería moi diferente se fose un dos 192 menores trasladados desde Canarias e Ceuta á península e Baleares desde 2022, malia o compromiso voluntario (incumprido) de 1.098 traslados prometidos. Ponlle rostro a algunha das vulneracións de dereitos humanos en Canarias a máis de 5.800 nenos e nenas non acompañados/as. Vulneracións como a descoordinación entre administracións, mala praxe na identificación e xestión da documentación, atrasos na presentación de petición de asilo ou malos tratos en centros saturados. En Ceuta denunciamos as malas condicións dos centros nos que viven 400 nenos e catro nenas, en instalacións como naves ou edificios prefabricados que non cumpren coas condicións adecuadas, mesmo hai unha destas naves nun polígono industrial abandonado.

Amnistía Internacional leva 20 anos falando das violacións de dereitos humanos que se cometen na chamada fronteira sur de Europa en Canarias e meses pedindo que os e as menores migrantes deixen os centros saturados, non axeitados, de Canarias e sexan distribuídos na Península porque a infancia migrante é especialmente vulnerable á violencia, á trata, á explotación ou ao abuso. Por iso as decisións que lles afectan deben basearse no seu interese superior, sen discriminación e cunha atención individualizada, como establece a normativa española e internacional. As comunidades gobernadas polo PP agás Ceuta e Canarias, as afectadas por esta situación, non participaron na última reunión co Goberno de España para determinar a repartición. Con todo, o Consello de Ministros do martes 22 de xullo aprobou o decreto que regula os traslados de menores, que previsiblemente comezarán a partir do 28 de agosto.

Que vai facer a Xunta?

A pregunta clave é que vai facer agora a Xunta? Vai aproveitar as vindeiras semanas para planificar unha acollida digna con máis acollemento familiar dos pouco máis de 300 menores que virán a Galicia ou vai agardar ao último momento e facer contratos de emerxencia para albergar a estas persoas menores que viaxan soas? En Amnistía agardamos poder falar axiña disto polo miúdo nunha reunión coa conselleira Fabiola García. Concordamos con ela en que o sistema galego é bo e convidamos á Xunta a que adopte medidas para reforzalo con máis medios aproveitando esta situación como unha oportunidade. De feito, nunha reunión con Amnistía Internacional hai uns meses o presidente Rueda expresou que, de forma planificada, a acollida era asumible, con financiamento e unha repartición igualitaria entre CC.AA. Que foi o que cambiou? O PP de Galicia critica tres aspectos do plan do goberno de España: falta de planificación, de criterios para a repartición e de cartos para a acollida. Analicémolos polo miúdo.

Sobre o primeiro, a planificación, a repartición de menores como resposta corresponsable e solidaria está sobre a mesa desde hai 18 meses, tempo dabondo para artellar unha resposta , máxime se hai vontade política. Sobre o segundo, os criterios de repartición foron debatidas coas CC.AA. e están no decreto de marzo que recolle a modificación do art. 35 da Lei de estranxeiría: poboación, renda, taxa de paro, ratio de nenos, nenas e adolescentes non acompañados acollidos, prazas dispoñibles, condición de cidade fronteiriza, insularidade e dispersión da poboación. En canto ao financiamento, o decreto pon a disposición das CC.AA. 100 millóns de euros e o goberno de España amosou vontade de achegar máis cartos. A resposta de varias comunidades, incluída Galicia, foi presentar recursos contra o decreto de marzo por un tema de competencias. Seica o interese superior do menor, xa tal...

Mentres, a extrema dereita global promove un discurso de odio que deshumaniza. Faino en España, si, pero tamén na Unión Europea e varios dos seus Estados Membros e coa aplicación da axenda racista, aporófoba e misóxina en EE.UU., onde o goberno de Trump centra a súa estratexia política na deportación, con mensaxes que criminalizan aos menores, alentan o medo e a xenofobia. Cómpre rexeitar estes discursos que violan dereitos, poñen en risco á infancia e erosionan a convivencia e reivindicar un discurso de dereitos humanos, de humanidade. En varias das CC.AA. onde goberna o PP, Vox condicionou o apoio aos orzamentos a que non se acolla infancia migrante, mais non é o caso de Galicia.

Dous escenarios posibles

Hai dous escenarios posibles: un é traballar arreo nas vindeiras semanas para reforzar o sistema galego de acollida, desenvolver itinerarios individualizados e acceso a educación, saúde, protección internacional, asesoramento adecuado, atención xurídica gratuíta e unha figura que vele polos seus dereitos durante todo o proceso. Garantir estes dereitos require formación especializada para as e os profesionais que interveñen. Outro escenario, moito máis desorganizado, indigno e chafalleiro, sería tirar de contratos de urxencia e macrocentros, o que aumentaría as posibilidade de que rapaces coma Omar fosen nuns meses, usuarias da precaria rede de benestar social en Galicia. Unha receita para o fracaso.

Protexer á infancia migrante non é unha opción, é unha obriga. As decisións que tome a Xunta, marcarán a súa vida mañá. A pelota, señora conselleira de Política Social, está no seu tellado.

* Este artigo asínano Alberto Estévez, responsable de Comunicación de Amnistía Internacional Vigo, e Sara Prieto, voceira de Amnistía Internacional Galicia