Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Ayt. de A Coruña

Leiva e León Benavente no Atlantic Fest, Alejandro Sanz en Vigo e as Festas do Apóstolo comezan en Santiago

León Benavente.

José Luis Estévez

0

Comezamos unha semana máis con eventos musicais moi grandes e tamén co atractivo da fin de semana longa que moitos poderán gozar coa xornada festiva do 25 de xullo. Santiago vivirá uns días especialmente festivos co seu programa do Apóstolo, que este ano non conta con cifras tan grandes como noutras ocasións pero que aínda encherá de música e outros actos as rúas da cidade, cos lumes do Apóstolo na noite do 24 como acto principal para moitos. Seguen a celebrarse festivais en distintos recunchos da xeografía galega e esta fin de semana temos dous moi especiais para o público indie , o Atlantic Fest de Vilagarcía (con Leiva, Viva Sweden e León Benavente, entre outros) e o SinSal na Illa. de San Simón (Redondela), un evento moi especial ao que accede en barco un público que xa se esgotou sen saber quen serán os grupos aos que se van atopar.

Para os que prefiren a música con decibelios máis altos, tamén hai dous festivais moi potentes durante a fin de semana, o Castelo Rock de Muros (con Ilegales e El Drogas, entre outros) e o Kanekas Metal Fest de Cangas do Morrazo. E para os que prefiran algo moito máis relaxado, non poden perderse o concerto que o pianista e compositor Ludovico Einaudi ofrecerá o luns 24 no Coliseum da Coruña. As súas bandas sonoras e composicións que mesturan elementos do pop e do jazz coa música clásica fixéronlle fama mundial. Disfrutade da fin de semana longa (quen a teña) con boa música porque para iso está o verán.

Leiva e Viva Sweden no Atlantic Fest. Vilagarcía de Arousa. Venres 21 e sábado 22 de xullo

O Atlantic Fest é un dos festivais con máis personalidade que hai en Galicia e cada ano conta cun cartel no que os grupos indie españois son protagonistas, con algunha que outra incursión doutros estilos. Este ano o venres 21 o cartel está encabezado por Viva Sweden, The Guapos e León Benavente, mentres que o sábado 22 teremos Sidecars, Leiva e Sidonie, entre outros. Os dous escenarios situados na praia da Concha son o lugar perfecto para gozar de dous días de boa música e sempre un gran ambiente. Aquí as entradas.

Pablo López e Alejandro Sanz en Castrelos. Vigo. Luns 24 de xullo e xoves 27 de xullo

Dúas das grandes figuras da música española dos últimos anos actuarán esta semana no auditorio de Castrelos de Vigo. Como é habitual nestes concertos, a entrada é gratuíta e véndense algunhas entradas, que adoitan voar rápido. Pablo López consolidouse nos últimos anos como un dos intérpretes españois máis seguidos, mentres que Alejandro Sanz ten unha traxectoria moi extensa que non precisa presentación. Aquí as entradas.

O Apóstolo comeza en Santiago. Diferentes escenarios. Ata o 31 de xullo

As Festas do Apóstolo veñen de comezar en Santiago e no cartel deste ano atopamos máis sobriedade que outros anos, aínda que haberá propostas atractivas para manter viva a festa na cidade durante máis de dez días. Entre os concertos destacados (todos de balde) estarán os que celebrarán na Praza da Quintana Ángel Stanich (domingo 23), Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre (luns 24) e Cimafunk (martes 25). Aquí o programa completo.

Ademais, fóra da programación do festival, o 24 de xullo terá lugar o habitual Festigal no campo de fútbol do Campus Sur, que nesta ocasión conta cun atractivo cartel con Fillas de Cassandra, Dios k te Crew e Grande Amore. Tamén gratuíto. Aquí máis información.

Ludovico Einaudi no Coliseum. A Coruña. Luns 24 de xullo

O pianista e compositor italiano presenta o seu novo disco Underwater en directo , o primeiro en 20 anos feito só para piano. Despois do éxito acadado con bandas sonoras como Nomadland e The Father , o artista chega agora á Coruña para deleitar ao público coa construción de auténticas atmosferas sonoras. Entradas.

Outras propostas:

En barco ata SinSal: a festa que se celebra na Illa de San Simón (Redondela) dende o venres 21 ata o domingo 23 ten un cartel secreto que descubrirán os asistentes privilexiados. Hai tempo que non hai entradas pero aquí tes máis información.

Festival Ikfem en Tui: a ponte que une Galicia e Portugal en Tui é o escenario principal ata o martes día 25 deste orixinal festival con actuacións musicais no propio río Miño e outras actividades culturais. Aquí máis información.

Castelo Rock en Muros: Ilegales e El Drogas encabezan o cartel deste festival que se celebra en Muros o venres 21 e o sábado 22. Máis información e entradas aquí.

Kanekas Metal Fest: bandas como Sinister forman parte do cartel deste festival de metal que se celebra o venres 21 e o sábado 22 na Explanada de Ojea, en Cangas do Morrazo, con entrada gratuíta. Aquí máis información.

Mar Aberto en Muxía: o Faro da Punta da Barca de Muxía acolle esta fin de semana dúas noites de concertos do festival Mar Aberto coas actuacións de Fillas de Cassandra, Freedonia e Mísia. Máis información e entradas aquí.

Etiquetas
stats