Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
La opa hostil del BBVA se enfrenta a la oposición, los partidos y el mercado
El PP se enroca en su defensa de Israel frente al movimiento contra la masacre palestina
Opinión - Feijóo a la desesperada. Por Esther Palomera
ENTREVISTA

Antón Reixa: “É posíbel que Galicia chegue a ser unha nación independente, pero nin o falemos entre nós, nin nos deamos demasiada conta”

Antón Reixa durante un ensaio cos Resentidos

Daniel Salgado

1

Antón Reixa (Vigo, 1957) defínese como “perplexo militante”. Esa poética escéptica atravesa toda a súa produción artística. Mesmo a súa vida. “Cando habitas no absurdo militantemente, e cres que o absurdo é un ben común”, explica, “o único ecosistema individual posíbel é a perplexidade”. Supervivinte da xeración post punk, poeta escénico dos que xoga coa linguaxe pero non esquece o telexornal, cantante de cumbias desviadas, un accidente de automóbil levouno a 18 días de coma inducido en 2016. Logo de ver como a morte o miraba de fronte, decidiu dedicarse sobre todo aos “traballos creativos”. Tres libros individuais, o retorno dos Resentidos 18 anos despois do seu último disco con cancións novas e a reconstitución de Rompente, Grupo de Comunicación Poética con Alberto Avendaño e Manuel M. Romón, dan fe de que está a cumprir o seu propósito. Polo medio, a maiores, superou o coronavirus.

Gústalle Battiato?

Non era un fan pero si tiña certa admiración por el, porque era un tipo singular, sobre todo na súa forma de compoñer. Era singular mesmo nos 80, cando era moi difícil selo.

Á súa morte, un amigo díxome que fora unha figura chave do posmodernismo cultural e, engadiu, como Antón Reixa, por certo o seu coetáneo.

A verdade é que só tiña un disco del, pero seguíao con cariño. Da música italiana interesábanme antes Adriano Celentano ou Lucio Battisti, pero é verdade que Battiato superou as expectativas.

Novo disco dos Resentidos e novo libro de Rompente. Existen paralelismos entre a época en que naceron eses proxectos, a da restauración democrática despois da ditadura, e hoxe?

É un proceso orgánico. Cando Os Resentidos paramos -no 1993 ou 94-, foi un acto de honestidade. Levabamos compostas máis de 150 cancións e non había nada máis que nos puidese sorprender a nós mesmos. O regreso de agora non sei se ten que ver coa actualidade. Máis ben está relacionado con que tocamos esporadicamente desde 2018 e xurdiu unha onda moi creativa na banda. Dos fundadores, só quedamos Javier Soto e eu. Con novas incorporacións que nos transmitiron moita enerxía. Cando xuntamos 12 cancións, decidimos editar o álbum. O disco está dedicado ao que chamo eu a grande familia do rock en galego.

Que medrou sensiblemente desde que se estrearon Os Resentidos.

Cando empezamos, no ano 82, eramos o único grupo en galego que de forma constante estaba en escena. Agora hai cento e pico grupos galegos que son mellores ca nós, unha grande diversidade. A toda esa gran familia, os que forman parte dos grupos de rock en galego e os que frecuentan a eses grupos, está dedicado o disco. Para nós, case 40 anos despois, saír cun disco que mantén esa constante de cantar rock en galego e que ninguén nos pregunte por que en galego, pois se cadra é un avance. Para ben.

O disco titúlase Organización Nautilus. Por que Nautilus, cómpre certo retorno á clandestinidade para se desenvolver no mundo moderno?

[Ri] Nautilus é o símbolo do talento escondido. Igual que se supón que hai un tesouro de galeóns no fondo da ría de Vigo [tras a batalla de Rande en 1702, na Guerra de Sucesión española], nós invocamos ese talento escondido, o rock en galego. Tamén ten que ver con que fixemos gran parte dos videoclips cun artista autista de 14 anos, Antón Romero, outra descuberta de talento escondido. E ao final somos un grupo de Vigo. Para nós é moi satisfactorio que a historia da batalla de Rande saia na novela de Jules Verne 20.000 leguas de viaxe submarina. Hai 40 anos sabiámolo uns poucos en Vigo. Eu sabíao porque fun alumno de Ferrín e transmitiume ese coñecemento. Agora, porén, Verne é unha figura invocada en Vigo, ten unha estatua e o Museo do Mar fala de Verne.

O son do traballo é sobre todo pop rock. Antes que a outras etapas da banda máis experimentais, remite directamente ao anterior disco orixinal dos Resentidos -se exceptuamos Fai un sol de carallo suite (2016), con dous inéditos-, Están aquí, de 1993. Retómano onde o deixaron?

Despois de darlle tantas voltas, somos un pouco igual que sempre. Nos anos 80 usábase un cualificativo odioso para definirnos, o de “grupo ecléctico”. Ben, pois dalgún xeito sómolo. No novo álbum hai, efectivamente, rock & roll moi puro con guitarras afiadas e afinadas, hai hip hop e rap, que fóramos incorporando ao noso repertorio histórico, e tamén, como no noso repertorio histórico, hai música latina, un par de cumbias e algo que se parece a un chachachá. O que sabemos facer.

Relaciónao con algún tramo concreto da traxectoria do grupo?

Posibelmente ten algo que ver cos Resentidos a partir de Fracaso tropical [disco de 1988 en que incorporan de cheo as influencias latinas], hai liñas que continúan. Poño o exemplo de Javier Soto, que fundou Os Resentidos comigo, con Alberto Torrado e con Rubén Losada. Cando empezamos eramos absolutamente de cultura punk. Estaba ata mal visto tocar ben. Pero grazas ao blues e á constancia profesional de Javier, agora é un guitarrista caralludo. As novas incorporacións [Gabriel Villar na guitarra, Kino Seoane na batería, Pablo Vidal no baixo e Anxo Graña na gaita, saxofón e programacións] teñen unha técnica que xa quixeramos nós daquela. Se cadra en Organización Nautilus hai algo do de sempre pero tocado con máis enerxía e máis convición.

Os Resentidos nacen da cultura punk, post punk máis ben.

Cando saímos chamábannos after punk. Logo, a conta dalgún compilatorio, dei entrevistas con redactores de blogs e medios dixitais que nos consideran realmente punks, con certa nostalxia histórica daquilo que non coñeceron.

E non temen o alcume de dinosauros, tal e como os punks chamaban ás bandas que os precederan?

[Ri] A xente ten dereito a pensar que somos uns pelmas, pero vaia, Mick Jagger puxo o listón tan alto que aínda nos debe quedar algo máis dunha década para ser un dinosauro como el. Á parte do talento. É certo, o desafío do grupo efectivamente é ese. Estou agora ás portas do Auditorio de Vigo, onde imos tocar o sábado [22 de maio] e vai incribelmente ben a venda de entradas. Supoño que virá moita xente que nos coñeceu, ou lémbranos, daquela época. O desafío é saber se á xente de agora tamén lle interesamos. Niso fíome dos meus sobriños. Un deles escoitaba na radio esta semana unha canción -Nautilus- e pareceulle unha canción caralluda. E resulta que era do seu tío. Non teño tantos sobriños, pero agardo que á xente nova lle poida interesar.

Esta semana presentou Outlet (Chan da Pólvora, 2020), o seu último libro de poemas individual, en Vigo.

Así é. Neste libro poño en valor algo que ten moito que ver coa cultura da vangarda histórica da que proveño eu e da que procedemos os Rompente, o proceso de creación. Por iso cada parte do libro está precedida dunha introdución, Caderno de traballo, que revela como e por que se fixeron os textos que seguen.

A súa ollada poética foi furiosa, foi sarcástica, foi absurda. Agora reivindica a perplexidade. Por que?

É o paso dos anos, que o ratifica a un nun punto de vista perplexo sobre o mundo e sobre a vida. Cando habitas no absurdo militantemente, e cres que o absurdo é un ben común, o único ecosistema individual posíbel é a perplexidade. Se cadra é unha forma intelixente de escenficar o caos. Agora xa nin o disimulo, son un perplexo militante.

Despois do accidente de coche, publicou tres libros individuais, outro colectivo con Rompente, e un disco dos Resentidos. Identifica as causas desta explosión de creatividade?

Creo efectivamente que está relacionado co accidente. Cando publiquei Michigan/Acaso Michigan (Xerais, 2018), sen ter ningún complexo de medo á morte ou de ancianidade, decateime de que o mellor que había na miña vida eran eses traballos creativos. Agora ademais teño a sorte de dedicarme exclusivamente a eles. Van tres libros de autor, un álbum, o novo libro de Rompente que vai incluír un libro inédito de cada un de nós os tres mais textos que fixemos en común. Cando vés dunha circunstancia en que a morte te mira de fronte, escolles o que cres máis habitábel para ti. Se cadra hai un certo exceso, como que teño taxado o número de cousas que podo facer de aquí a que acabe a miña vida.

O novo libro de Rompente titúlase cun verso da súa etapa inicial, Que hostias din os rumorosos, que remite ao Himno Galego. O de Galicia ten arranxo?

[Ri] Non, isto non ten arranxo. Estaba por dicirche que nin falta que fai. Nos últimos anos teño a impresión de que ata é posíbel que Galicia sexa unha nación independente, pero posibelmente nin o falemos entre nós, nin nos deamos demasiada conta nós mesmos nin tampouco o que nos rodea. Outra explicación perplexa.

E o da poesía galega ten arranxo ou é por iso que volve Rompente?

Rompente volve porque a historia nos deu a razón. Nós empezamos no ano 76 e estivemos traballando ate o ano 83. Cando o deixamos, fómonos refuxiando noutras actividades. Eramos uns malditos na poesía galega. Era un momento aquel dos primeiros tempos da autonomía case de xogos florais, en que predominaba o lirismo veneciano. O único que estaba normalizado en parte eran os premios literarios: había un certo gremio de poetas que se non formaban parte dos xurados dos premios, concursaban, optaban a eles. Era un couto cerrado no que nós estabamos realmente moi mal vistos. Nada tiña que ver co que nós faciamos. Cos anos, deu a volta. A poesía galega actual ten moitas cousas coas que me sinto identificado.

Por exemplo?

Hai un par de anos compartín con [a poeta] María do Cebreiro unha intervención na feira do libro de Frankfurt. Ela é filla de poetas da miña xeración, mesmo algo maiores. Alí, diante do público, con toda sinceridade, díxenlle que lera máis dun libro seu, pero non dos seus pais. Non teño nada contra eles, pero literariamente non me sentía unido en absoluto. Á filla si. Rompente está reconfortado agora coa diversidade e audacia que hai na poesía galega. Sentimos que logramos fugarnos daquel exilio interior.

Como leva que despois de tantos anos e dunha traxectoria tan plural lle sigan a preguntar polos 14 meses en que presidiu a SGAE?

Teño eu a culpa. O da SGAE foi un erro manifesto na miña biografía. Empeñeime en ser presidente da SGAE. Non é fácil logralo, pero logreino. E coñecín a parte peor do xénero humano, a parte máis maliciosa, máis estraña. O propio equipo co que formaba a candidatura era xente estraña, logo deime conta. A ambición, a traizón, iso é o que coñecín e por iso durou tan pouco. Pero se algunha vez me referencian nunha biografía como presidente da SGAE, pois culpa miña. Non debín facelo.

Etiquetas
stats