Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Hoxe escríboche a ti, que estás tan queimado coma min, mentres o mundo parece derrubarse. A ti, que colapsas sen saber moi ben por que e sentes ao mesmo tempo gana de durmir, de abandonar, de saír de festa, de camiñar ou correr durante quilómetros, de non pensar en nada, de comezar unha campaña de axuda, de chamar por teléfono e colgar ou unirte a calquera manifestación, porque xa tanto ten o que: hai tempo que a causa é unha e é a mesma. Sospeitas que sempre foi así. Escríboche no preciso instante en que quererías que o mundo parase ou desaparecese. Si, que desaparecese o mundo. Que a casa na que vives, a parroquia, a vila, o barrio, a cidade enteira, se desprendesen do mundo coma o cuarteirón dunha laranxa —cos seus rostros coñecidos e descoñecidos, co seu clima adverso ou agradable— e existisen sen contacto co exterior, aboiando no baleiro. Case, case coma se o baleiro fose a paz e non outra cousa.
Esta sociedade da que formo parte —o termo é abondo impreciso e así quero que sexa— non sabe xa onde mirar, que máis dicir. Pola mañá, expoño nunha clase de literatura as causas da Reforma Protestante. Falo dos abusos da Igrexa Católica a finais da Idade Media. Explico, a continuación, a Contrarreforma. Refírome aos santos. Detéñome case sempre en San Lourenzo. O soneto que lle dedica Quevedo gústame especialmente. A violencia gráfica do martiroloxio educaba a poboación, arredábaa do pensamento crítico.
Horas máis tarde, de volta á casa, no tren, penso en Donald Trump coma unha sorte de icona dos abusos. Un santo monstruoso. Aparecen el e Julio Iglesias. E Ayuso defendendo a Julio Iglesias. E Ana Obregón. Aparecen todos xuntos na miña cabeza coma nun episodio de South Park feito a correr. Será o cansazo. Pero o caso é que estas e non outras son as imaxes que saturan o tempo no que vivo. Os arquivos de Epstein, o petróleo de Venezuela, Groenlandia e —cada vez máis ao fondo— Palestina, quedan eclipsados pola caricatura, polos xigantes e cabezudos e os seus xestos grandilocuentes. Hai demasiadas cousas pasando sen que se tomen medidas. A imaxinería do tempo no que vivimos prevalecerá, criará mozos e mozas que terán como exemplo directo o uso da forza, o cumprimento inmediato dos caprichos dun abusón.
0