Nogueiras, convolutos e tripartitos
A nogueira. É desesperante ler os comentaristas políticos da capital antes e despois das eleccións de Aragón. Pasan o tempo dándolle esta recomendación ao PP: “Non alimentes o monstro, que vos vai papar”. Parecen non entender isto tan simple: Vox axita as pólas e o PP recolle as noces. No hipertenso convoluto madrileño no que o poder, o diñeiro e a información circulan e se entrecruzan, Ayuso non fai nada distinto nin xesticula menos que Vox, porque é unha irmá xemelga. A Ayuso gústanlle as noces que recolle, pero ela non para de usar a provocación como un trazo de estilo. Ayuso: a dereita que manda en Madrid, líder da única capital europea que é máis conservadora que o conxunto do seu país. É tan difícil de entender que no seu universo existe continuidade e non salto? Que comulgan ao unísono na mesma fe? Que dereita extrema e extrema dereita comparten o horizonte? Que son brazos da mesma árbore? Se quixeran camiñar separados, faríano. Madrid é un convoluto. En Estremadura ou Andalucía ou Galicia non é necesariamente así. Ou non tanto.
Certas elites dirán no seu momento que hai que deixar gobernar ao PP para que non dependa de Vox, pero é improbable que tal proposición teña éxito. Non polo PSOE, que tamén, senón polo PP. Sería suicida para os dous partidos, pero aínda máis para o PP, que gastou moita enerxía en enervar e radicalizar a súa base. A un votante do PP vanlle dicir que hai que apoiarse nos delincuentes, nos corruptos, nos puteiros, ditadores, totalitarios, bolivarianos, asasinos, comunistas, etarras, separatistas, nos políticos woke, gobernantes ilexítimos, regularizadores de migrantes, protectores de boomers e okupas? Realmente, cantos entenden que o autoritarismo e a violencia que propoñen significa un conflito civil? Despois de lustros moldeando mentes irritadas, de súpeto unha lagoa zen? Un longo ooommm na postura do loto? É, creo, unha fantasía nostálxica destinada a bater contra as penas. Cando aboas a terra co esterco da inimizade non é fácil que brote a concordia.
A Brunete mediática. Hai que ser moi inocente para pensar que a asombrosa cifra de medios radicados en Madrid se podería soster sen a asistencia económica da dereita, non só a política, tamén a empresarial (é asombrosa a cantidade de diñeiro que se gasta en todo o mundo para que a xente pense o que ten que pensar!). Poucos sobrevivirían sen ese chorro de diñeiro. Ayuso reparte cartos a mans cheas en dixitais, televisións, radios e fábricas de bots que viven desa paguita, pero non é a única que solta o parné. A práctica totalidade dos medios son de dereitas: non se entende que poidan sobrevivir. Pero non viven do seu público, senón que ofertan a súa capacidade de mobilización e condicionamento da conduta: o que está no mercado é un convoluto mediático a gran escala e inextricable. En Madrid viven sete millóns de habitantes e hai radicados da orde de 1.000 medios de comunicación. Toca a un medio cada 7.000 habitantes. Hai sitios onde hai menos bares..
Por suposto, aos indios autóctonos nese inmenso extrarradio que hoxe é España tamén se nos instrúe dende a altura centrípeta da civilización. Segundo Reuters, o 37% da poboación española evita activamente as noticias de maneira. Servidor é un deles. Libros, Radio Clásica e programas sobre construír casas para evitar a manipulación do estado de ánimo. O 70% desconfía das noticias: fai ben. Nótese que se trata do estado de ánimo. Un certo ideal de civilización era dotarse de xenerosa liberalidade e serena racionalidade. O obxectivo activo de boa parte dos medios é atentar contra ese ideal, para meter aos cidadáns nunha burbulla de exaltación irracional. Pero ese océano infinito foi o que fixo dimitir en dous días a Casado e o que pon firme a Feijóo. Se se move da posición fixada, Ayuso indicaralle a porta de saída, como ao seu antecesor. Se resiste, será presidente. Cando menos, é a lóxica coa que actúa.
Dereita revolucionaria. Vivimos ás portas de cambios que van ser traumáticos. Non se trata de alternancia no goberno. Pode que a UE sucumba ante o ataque combinado de Trump e os “partidos patriotas”. A meta é derrubar os consensos en beneficio dunha nova orde autoritaria. Arrasar. Ningún piar do estado do benestar quedará indemne e a policía será usada para perseguir e disciplinar o descontento. Vox quere eliminar a autonomía, ilegalizar partidos -entre eles, o BNG- e ir por todo. Destruír o modo de vida europeo e o modelo da integración social para crear un foxo entre os de arriba e os de abaixo, ao estilo dos países do Sur de América. O uso da idea de decadencia, versionada con distintas melodías, e a construción do inimigo son as ferramentas para a regresión. É o mesmo patrón en Arxentina, Estados Unidos ou España. Quen non o vexa é que non quere velo. O mundo está vivindo o impacto dunha enxeñaría social ultraconservadora. Steve Bannon cóntallo a quen o queira escoitar. Como Thiel ou Musk. España tamén é un laboratorio. Pero, por suposto, iso non quita que ter a quen odiar, a quen converter no chivo expiatorio das propias frustracións, non sexa un pracer para moita xente.
Un tripartito posible. Cun ciclo político de tal magnitude, o PP parece seguro en Galicia, aínda que talvez non en solitario. En Galicia a irritación, de momento, vén amortecida, pero calquera día desbordará e non será bonito. O humor do país pode cambiar rápido baixo as condicións das convulsións europeas que ameazan o horizonte. A todos nos conviría a moderación e a paz civil, pero aprendices de bruxo non faltan. En todo caso, o PSdeG carece de imaxinación política e o BNG intenta, pero non consegue, saír do círculo de lume no que el mesmo se pechou. Así que todo está baixo control, do punto de vista do PP, que pon en sordina o radicalismo dos seus correlixionarios madrileños sen separarse no fondo del: os seus portavoces, no Parlamento e nas redes, imitan o estilo agreste pero, polo que sexa, non se traspasa á rúa. Polo de agora.
Pode aumentar o perímetro das dúas forzas no medio da revolución autoritaria /conservadora sen que sexa un xogo de suma cero entre elas? Pode o PP perder apoios que non vaian para Vox? Existe unha opinión máis tranquila que non comparte determinadas derivas? Unha innovación que mova o taboleiro, un xiro imprevisto da opinión pública, unha mutación social ou un efecto bumerán poderían provocalo, pero nada diso parece probable. Aínda que nada está escrito, por suposto. As elites, en Europa, están tensando tanto a corda -ás veces un pensa que por estupidez- que calquera día se poden atopar co inesperado. Ninguén sabe as reviravoltas que están apostadas despois da volta do camiño. O PP en Galicia, con Rueda, de momento, apréstase a construír vivenda: non quere aparecer como quen desmonta servizos públicos. Pero non controla a atmosfera. As recentes eleccións mostran que as autonómicas se están convertendo en avatares das xenerais. Sucederá aquí.
Así as cousas, e aínda que os prognósticos deben ser sempre tomados con escepticismo e só poden ser tomados como hipóteses máis ou menos razoables, cabe imaxinar que poida gobernar, no futuro, un tripartito PP/Vox/DO, o partido de Jácome. É un escenario que, a día de hoxe, ten sentido. Un Vox con ministros podería obter representación no Parlamento galego a costa do PP. De non dar os números, aí está Jácome para completar.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0