A falacia da periferia
Hai un certo tempo, o profesor de economía Manuel Gónzalez convidounos a Daniel Hermosilla e máis a min a un encontro con alumnos da súa facultade para comentar aspectos de Galicia, distrito industrial (Editorial Galaxia, 2024), un libro que mostra un mapa feraz de actividade industrial, pero que tende a ser ignorada. Foi un día bonito. No coloquio un rapaz fíxo esta pregunta: pero Galicia non está atrasada, ao ser periférica?
A verdade é que non respondimos con xeito á pregunta, que, cando menos eu, non esperaba. Debería facelo. Debería agardalo. A correlación entre os dous items “atraso” e “periferia” é un dos fetiches instalados na consciencia colectiva que non é fácil destruír. Forma parte dese tipo de ideas, ou prexuízos, que están tan arraigados no cerebro colectivo que ningún dato pode ousar descalabralo.
Periferia? Inditex é un monstro da loxística planetaria operado dende A Coruña. Pero, como é iso? Non debería estar ubicado en Leganés? A compañía extende as súas pólas e ramallos literalmente por todo o mundo. É famosa a sala de pantallas dende a que se rexistra a actividade en toda a cadea da compañía. Alguén se fixo a pregunta de por que naceu aquí? Foi un erro? Azar? Inditex fixo nacer e/ou expandirse outros segmentos económicos: o sector do contract, o informático ou ata o de de fabricación de etiquetas para embalaxe. É a principal compañía de textil do mundo. Non hai máis que dicir.
A industria conserveira é a de maior tradición no país. Galicia é unha potencia mundial neste ámbito, o que sería complicado de nacer en Salamanca. É o produto non só de estar no bordo do mar, senón do know how acumulado durante xeracións. Cantas factorías no mundo son propiedade de conserveiras con base en Galicia? Na procura de materias primas e mercados esa industria comprou ou instalou fábricas en Ecuador, Guatemala, Chile, Brasil ou Marrocos. Pescanova comezou a súa presenza en Sudáfrica hai sesenta anos. Frinsa levou a Singapur a central de compras de atún. O grupo Dávila, no inicio unha compañía marítima e de armadores, estendeu a súa actividade á loxística aérea, ferroviaria ou do transporte por estrada.
Stellantis exporta coches. Por vía marítima. Axudou para que se instalase en Vigo nos anos 50 a súa posición estratéxica no bordo atlántico, en especial a conexión maritíma da cidade coa Bretaña, ademais de dispoñer de enerxía, tecido industrial e nivel de formación. E da decisión gubernamental, naturalmente. Stellantis fixo desenvolver un cluster de industrias do automóbil, agora expandido á aeronaútica ou os drons mariños entre outras actividades. Foi un erro?
A industria agroalimentaria, que é unha industria moi potente, e non unha confederación de minifundios como quería o tópico que aínda pervive, debería nacer en Chamberí? Madrid, por certo, apenas ten industria. É o que é –servizos financeiros, loxística, sede de empresas e grupos de comunicación- por motivos políticos, pola fenomenal concentración de centros de poder, pero a sede da empresa radicada en Madrid ten a súa actividade en Huelva, ou en Vigo. En Corea do Sur, ao parecer, como indicaba o economista Ramón Yáñez, a sede fiscal dunha empresa non pode estar máis que a unha distancia de certo radio da sede física, pero, aquí, polo que sexa, non é o caso.
Os asteleiros de Ferrol, como os de Vigo, deberían nacer en Ávila? A construción de navios, que no seu momento tanta madeira esquilmou da contorna costeira, debería producirse noutro lugar? Petroleiros e plataformas, buques de guerra e gaseiros, todas as derivadas desa tradición construtiva, onde deberían estar feitas?
Pero non só en Galicia, na península a actividade económica estivo máis ben situada no bordo. Dende esa perspectiva, Madrid é máis ben a periferia. Capitalismo extractivo, chámanlle algúns. O que non impide que exerza un magnetismo case místico. O historiador estadounidense David R. Ringrose mostrou como, nos albores da idade moderna, a capital imperial fixo fracasar Castela. É algo que non acostuma mencionarse. Outros historiadores aduciron que a derrota dos Comuneros foi a derrota doutra España posible. Era unha idea moi asentada no liberalismo e o republicanismo do XIX.
O mediterráneo foi durante milenios unha onda de enerxía. A Grecia clásica foi un mundo de polis, de pequenas cidades entre as que destacaba Atenas. A Italia renacentista, de cidades-estado, de Florencia a Venecia. Nin a civilización grega nin o capitalismo europeo naceron de estados-nación. Cando o mundo virou ao Atlántico, despois do descobremento de América e da ruta a Asia, os Países Baixos viron medrar a retícula urbana. Portugal construíu un imperio, como a Gran Bretaña. Por qué Galicia, situada no bordo atlántico, non puido aproveitar nese momento esa posición? A resposta é complexa. A historia da Gran Bretaña ten moitos matices. Alí onde naceu a revolución industrial a fins do XVIII Manchester e Liverpool tiñan un dinamismo que perderon a día de hoxe. Londres desindustrializouse despois da segunda gran guerra. A Gran Bretaña cebou unha cidade post-industrial e concentrou o poder en Londres a través do que foi chamado a “economía do coñecemento” e de facer da City un centro financeiro extraterritorial, pero fixo entrar en crise o país. O resentimento que iso creou facilitou o Brexit. Francia, modelo borbónico replicado en España, centralizou en París. Nin Alemaña nin Italia funcionan así. Hai máis posibilidades.
Non todo foi mal en Galicia. A día de hoxe, a principal misión do goberno galego non é traer empresas paracaidistas de fóra, do estilo de Altri, como se iso fora o maná e Galicia un deserto industrial. O primeiro é saber que industrias hai aquí. E que iniciativas se poden desenvolver. Que prioridades e elementos facilitadores. Para continuar impulsando o tecido de empresas e a cooperación entre elas; para favorecer que sigan medrando, creen novos produtos e consigan novos mercados. Crear unha marca-país non é inútil. Fraga intentouno, e tivo certo éxito. Goberne quen goberne convén ter un modelo de política industrial. Moitas das empresas que mencionamos, no sector industrial, no conserveiro, no lácteo, no de viño, foron ou están sendo compradas por capital foráneo. A seducción de vivir de rendas. Pero, non sería conveniente que tiveran arraigo?
Para impulsar a actividade, o PP, partido de goberno en Galicia, seguramente disporá do instrumento do goberno do Estado dentro dun ano. Hai perigos evidentes: o modo en que a produción de coches eléctricos poña en cuestión industrias da área de Vigo, pero tamén posibilidades. Nese caso, nas súas mans estará mellorar a rede ferroviaria para facer de Galicia unha cidade ben conectada. O ideal sería unha rede en anel conectando as sete cidades. O tramo Ferrol-A Coruña é o máis decisivo para lle dar un impulso á conurbación das rías ártabras, de Mugardos a Pontedeume ou Betanzos.
Pero a conexión con Porto e o Norte de Portugal non o é menos. E con Europa. Ollo: favorecer o tráfico de mercadorías por tren é asunto fundamental. Como as conexións marítimas. As cidades crean valor, pero hai que favorecer a mobilidade, crear transporte de proximidade, facilitar a conexión, o intercambio de ideas e actividades. Urbanizar con xeito o crecemento das cidades centrais e coser con elas as novas periferias sería un aporte á calidade de vida da poboación pero tería derivadas económicas, ademais de sociais.
Boa parte das empresas do país naceron aquí porque non podían nacer noutro lugar. A perspectiva de Galicia como periferia é unha falacia que responde á idea de que capitalidade política, riqueza e actividade económica son elementos intercambiables. É unha evidencia que non é tal: Washington non é New York, nin Roma é Milán. Shanghai ten tanta industria como Beijing. Pero dicir o evidente ás veces parece revolucionario.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0