Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Equivocarse

El presidente de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda y el presidente del Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, a su salida del Foro La Toja de 2025.

0

En 1983 naceu a Comunidade de Madrid. Ese ano houbo tres traxedias: dous accidentes de aviación en Mejorada del Campo e Barajas e un incendio na discoteca Alcalá 20. 355 mortos. Eu estaba na mili, vivía no Retiro -tiña pase pernocta- e nin me enteraba de que naquel momento ducias de miles de migrantes do sur de España estaban pasando de malvivir en choupanas e chabolas a vivir en bloques de edificios. En 1983 houbo 818 atracos cun botín de 653 millóns de pesetas, sete delincuentes e cinco comerciantes mortos. Foi o ano da desaparición do Nani por obra da mafia policial, á que se lle atribúen 15 vítimas. Anos tremendos, pero que se vivían con esperanza. En Madrid, 1983, libro de Arturo Lezcano (o seu pai, por certo, era un tipo estupendo) teñen os lectores unha introducción a aquel momento.

No Madrid burgués, e no de barrio, corría a droga. Había que ir ao Rockola, a discoteca da Movida, pasarse os domingos polo Rastro e ler La Luna de Madrid. Comezaba Chueca. Eran anos efervescentes como un alka-seltzer. Abríanse exposicións de Fernand Léger, Andy Warhol, David Hockney. A capital, que se sabía rústica e primitiva, quería deixar de ser provinciana a toda mecha. Tierno Galván era o alcalde e daba o ton: “El que no esté colocado, que se coloque, ¡y al loro!”. Construíu 40.000 vivendas que axudaron a erradicar o chabolismo. Hoxe, la Cañada Real, como tantas outras cousas, constitúe un fenómeno da natureza. Que unha administración faga algo, algo que non sexa privatizar, parece unha cousa rarísima.

O caso é que un día fun a unha conferencia do matrimonio Chantal Mouffe/Ernesto Laclau no edificio do Senado. Era unha sala como de Consello de Ministros na que estabamos escasamente vinte persoas, cousa que naquel tempo me sorprendeu grandemente porque, na miña inxenuidade, pensaba que aquelas celebridades intelectuais xuntarían unha longa fila de fans. Pobre de min. Eran os teóricos do eurocomunismo nun mundo no que os partidos comunistas europeos aínda tiñan un enorme peso e, ás veces, eran hexemónicos na esquerda.

Chantal Mouffe afirmou, no bico daquela mesa forrada con coiro: “O Estado do Benestar é unha conquista irreversible”. Errare humanum est. Foino dicir xusto cando Thatcher, Reagan e toda a horda neoliberal comezou a defender o mercado como asunto filosófico, e a rexeitar o Estado como principio moral. Salvo, claro, leis e Policía, os elementos coactivos de defensa da orde económica.

Todo o mundo se equivoca. Vintetrés anos despois, en 2006, con ocasión dun encontro sobre a España plural organizado pola Fundación Alternativas, conversaba á hora da cea nun restaurante de Mérida con Nicolás Sartorius e co desaparecido Juan Manuel Eguiagaray. Sobre o PP de Galicia. Era o momento en que gobernaba o bipartito e ocorréuseme soster que un certo galeguismo asociado ao PP era -outra vez a palabra de marras- irreversible. Xa ven que a presciencia non me acompañou aquela noite.

Encuentro sobre la España plural organizado por la Fundación Alternativas en Mérida en 2006.

Despois veu Feijóo, e despois Rueda. O PP de Galicia foise asimilando ao humor do PP central e a estar invadido por tecnócratas con ese perfil, hoxe tan extendido, de xente propietaria, xunto coa súa carreira universitaria, dun vasto océano de ignorancia. Galicia non penalizou esa dirección. Vender fume mentolado non tivo custe electoral. O meu foi un erro garrafal.

En España foi pasando outro tanto. Nun tempo, o PP tiña algo da Confederación Española de Derechas Autónomas. Ía modulando o seu estilo e discurso para apegarse ao territorio. Tiña un acento en Andalucía, outro en Valencia e outro en Cataluña. Cada vez queda menos diso. Non tanto ou non só, como se di, pola competencia con Vox, como por poñerse na mesma lonxitude de onda do PP madrileño que é, ao fin e ao cabo, o que concentra o poder entre as elites financeiras, mediáticas e da administración do Estado. A idea é poñerse na cola, a ver que cae. Todo o mundo ten as súas aspiracións.

Aquelas dúas apreciacións foron realizadas cando o mundo era estable e o curso das cousas parecía predicible. Hoxe, a cábala é tan sofisticada, o bombo da lotaría tan complexo, os elementos da situación tan confusos que quen se atrevería a arriscar un xuízo sobre o que pase en España ou Galicia? Todo está patas arriba. Dende a Segunda Guerra Mundial non viviamos nun momento con tanto perigo en Europa, iso é seguro. A compra de armas e o retorno do servizo militar non auguran nada bo. O run run asegura que estamos antes dunha crise provocada polo estoupido da burbulla da IA que pode deixar pequena a de 2008. Todo está entrelazado e 2026 vén co rostro torvo. Parece fácil presumir que a ultradereita alcanzará o poder, o Estado do Benestar irá a menos e que o PP seguirá na Xunta, como a piramide de Keops no deserto exipcio. Todo iso parece irreversible. Ou non. Errare humanum est. Toda a xente se equivoca. Ata para ben.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats