Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Feijóo pide que el Gobierno asuma la gestión de la DANA mientras Mazón se resiste
El esfuerzo colectivo para no dejar nada sin rastrear en el parking de Bonaire
Opinión - Feijóo entierra a Mazón. Por Esther Palomera
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

782.666 euros de faragullas no mantel

La bandera de España se proyecta sobre la fachada del edificio administrativo de San Caetano, sede de la Xunta, el 12 de octubre de 2019
20 de octubre de 2024 06:01 h

0

“O que ten padriño bautízase”, dicía sempre miña avoa cando eu lle ía con algún conto sobre inxustizas —primeiro no colexio, despois na universidade— e lle narraba longas pelexas nas que eu cría ter razón e sempre saían gañando outros máis privilexiados e menos capaces, ou iso me parecía a min. Sen sabelo, ela e mais o refraneiro galego, adestrábanme para a resignación e a resistencia que, como deixou escrito Fleur Jaeggy nas súas Vidas conxecturais, non deixan de ser un exercicio de disciplina. Resistir, resignarse... Esta semana, mentres seguía o escándalo dos 782.666 euros adxudicados pola Xunta mediante 272 contratos menores na última década a Joaquín Cuíña, irmán da secretaria xeral da presidencia e man dereita de Rueda, Beatriz Cuíña, pensaba precisamente no refraneiro popular e na convivencia galega co caciquismo: ese exercicio de disciplina sempre a cabalo entre a resignación e a resistencia, sempre a piques de mudar, pero finalmente atrasando unha revolta cada vez máis necesaria.

Outro refrán que lle acae moi ben a este novo caso de corrupción sería aquel que di: “o que fai a lei, fai a trampa”. Xa veño comentando nos últimos tempos como a Xunta do Partido Popular de Galicia —marca oficial que habería que patentar canto antes (apunta, Cuíña!)— se converteu nunha institución opaca, gobernada por xente destemida e pagada de si mesma. Parte desta opacidade foi comprobada polas compañeiras deste xornal —nesta, como en tantas outras ocasións— ao intentaren investigar o caso das adxudicacións a Cuíña a través do portal de transparencia: hai que mastigar tanta area para chegar a coñecer unha parte pequena da verdade, que imaxino que Rueda, Feijóo e compañía, agardan sempre que cansemos antes.

Este exercicio de arqueoloxía dificultoso e demorado fai que só vexamos agora un fragmento, unha esquina apenas da pirámide monumental de esterco que agochan as moquetas de San Caetano. Non teño probas, pero tampouco dúbidas. Seino porque esa pirámide xigantesca existe e vive tamén na literatura oral: está feita dun rumor constante que chega a nós de cando en vez se o amigo dun amigo, o primo dun amigo, a sobriña dun cuñado ou —se es tan fanfarrón como o son agora os dirixentes da Xunta— o irmán dun amigo, che comenta que coñece alguén que lle está facturando unha barbaridade á institución pública que sexa (concello, deputación, consellería, ou as tres ao mesmo tempo) por facer un trámite parvo, un servizo a medias ou algo de todo innecesario. A metade das veces o “amigo” é el mesmo; a outra metade, o cable do enchufe conduce case sempre ao mesmo partido, ás mesmas persoas, aos mesmos apelidos. Pénsao ben, cantos Joaquín Cuíña coñeces?

Agora, Rueda e compañía quérennos facer crer que todo era legal. E o peor, imaxino, é que poida que ata rematen tendo razón —xa o dixen: eles a lei, eles a trampa— e os 782.666 euros sexan só pecados veniais —contratos veniais (aí tes outra para anotar, patentar e facturar, Cuíña!)—. Poida que eses 782.666 euros das arcas públicas representen cousa de non mirar para ela, faragullas no mantel. Así o ven eles. Así nolo van espetar na cara impertérritos ata que as cousas amainen. Pero quizais tamén sexa momento de desandar o camiño e, ao xeito de Hansel e Gretel —dos contos aos refráns todos é intelixencia destilada—, buscarmos onde están os nosos pais neglixentes, quen nos come o pan, quen leva o anaco máis grande á boca. Porque os 782.666 euros de faragullas que levou Cuíña, son algo “normal, transparente e fiscalizado”, explicou Rueda. E aí van os nosos cartos, un home, un coche, unha empresa sen oficina física e un apelido, polo visto, importante (deses que si fan que te bautices). Camiña entre nós de novo o espírito do porco de pé, entre a resignación e a resistencia. Ata cando?

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats