Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Don Ricardo: as letras eran el

María Ignacia Ramos e Carvalho Calero

Henrique Rabuñal

0

Un día fixen unha comprobación nada ociosa. Se se visita a listaxe dos case 60 protagonistas das Letras Galegas desde 1963 verase que se trata, na súa maioría, de figuras que Ricardo tratou ou estudou. Persoas como Cabanillas, Villar Ponte, Risco, Castelao, Cotarelo, Antón Losada, Aquilino Iglesia, Otero, Celso Emilio, Pimentel, Cunqueiro, Bouza, Blanco Amor, Seoane, Dieste, Ferro Couselo, Fole, Piñeiro, Paz Andrade, Álvarez Blázquez, Díaz Castro, Filgueira ou Fraguas ocupan un espazo na biografía unívoca e inequívoca de Carvalho Calero.

As letras galegas eran xustamente el porque as ordenou, clasificou e canonizou coma ninguén antes fixera e porque contribuíu coma poucos a sumar seis décadas de escrita a aquela bandeira rosaliana erguida con tanto esforzo nos anos do entusiasmo republicano de preguerra, na longa noite da ditadura franquista ou nos anos 80 cando agroma a actual institucionalidade.

Como en calquera empresa humana, na cultura literaria galega conviven figuras moi diversas, todas elas necesarias. Ricardo pertence sen dúbida á categoría das sistémicas. Sendo el un escritor militante en todos os xéneros, asumiu a responsabilidade en tempos moi difíciles de pór orde na casa común e practicar un discurso normalizador. Peneirando os alicerces dunha literatura que se expresa nun idioma minorizado pero que se ofrece ao mundo como “célula de universalidade” cunha ollada de seu.

Como autor literario, Carvalho é un altísimo poeta. Mergullado nos devezos formais e temáticos do seu século, o do cometa Halley, sabedor de que a literatura é tamén un xogo e unha arte, a súa obra é unha indagación niso que chamamos a alma humana. Unha alma que na mellor tradición rosaliana o escritor visita na esfera íntima e na dimensión pública. Carvalho dicía de Otero que era, á súa maneira, un novelista social. Carvalho tamén é un escritor social porque na súa obra agroman as profundas feridas dun século violento que no noso caso supuxo o asasinato de figuras tan emblemáticas como Ánxel Casal, Xaime Quintanilla, Díaz Baliño ou Alexandre Bóveda, por referírmonos a amigos de Ricardo.

Como profesor e pedagogo, a pegada de Ricardo é moi profunda e chega a moitos claustros do noso sistema educativo. Todos os que nos dedicamos á docencia da lingua e a literatura temos nel un referente pioneiro para practicar un ensino que nos permita recoñecer a terra e a súa cultura, afirmar o que somos, cultivar os valores do rigor e a esixencia, espallar a paixón polas artes. Fingoi foi nese sentido unha experiencia insular no panorama da escola galega dos anos 50 e 60.

Como historiador, editor e cronista da literatura, todos recoñecemos o maxisterio de Carvalho que foi ademais o primeiro profesor universitario de galego nunha etapa tamén moi complexa e sacrificada. Un xeito de abordar aquel oficio continuado por unha brillante nómina de discípulos que achegan e achegaron á nosa filoloxía unha produción científica moi valiosa. E que son os primeiros e primeiras en vindicar o maxisterio de don Ricardo.

Como bandeira do galeguismo clásico e ortodoxo, Ricardo sentiuse como unha prolongación dos seus mestres da Xeración Nós e das Irmandades da Fala, como membro dunha familia cívica comprometida na defensa dos intereses políticos, económicos e culturais dunha nación que por diversos motivos non achou o seu encaixe ideal nas estruturas dun estado historicamente cego e xordo a demandas moi básicas. Un estado que nunca soubo asumir o que realmente é. Que se negou a recoñecer a diversidade que aniña nos seus territorios e na súa cidadanía.

Ricardo educouse antes de 1936 nun galeguismo, o de Castelao, que admitía e defendía o que el denominaba unidade sistémica do galego-portugués e facía propias as palabras pronunciadas polo deputado Otero Pedrayo no Parlamento da República: “Galicia, tanto etnográficamente como geográficamente y desde el aspecto lingüístico, es una prolongación de Portugal, o Portugal es una prolongación de Galicia: lo mismo da. Por algo nuestra lengua es la misma de Portugal”.

Propuxo unha plena normalización do idioma de noso, advertía dos riscos dunha progresiva castelanización do galego e ergueu a súa voz cando o Goberno interpuxo recurso de inconstitucionalidade á Lei 3/1983 de Normalización Lingüística para nos privar, nin máis nin menos, do deber de coñecer a nosa lingua.

Carvalho defende un galego culto plenamente normalizado e ligado a unha normalización política, denuncia a situación diglósica que asfixia e degrada o idioma, e imputa ao goberno galego como prioridade xustamente esa normalización lingüística porque considera a bigamia lingüística antieconómica e utópica. Tamén considera que ese galego culto debe ser harmonizado co portugués e non desaproveitar a vantaxe que supón coñecermos o español.

Sintetizando todas as dimensións que caben na súa biografía, querería subliñar a do intelectual, tamén clásico. Sempre estivemos sobrados de figuras que esqueceron o verdadeiro compromiso co país ou que se acomodaron en cargos e discursos cada vez máis mornos, anódinos e eslamiados. Figuras que medraban no politicamente correcto e que marcaban distancias co tecido máis reivindicativo do país. Ricardo como personalidade histórica móvese noutras coordenadas. Fuxiu de cargos, de homenaxes. Practicou o oficio do intelectual, o de servir ao país asumindo o risco de pensar libremente nos seus intereses e sentiuse aloumiñado e comprendido máis polas asociacións culturais de base, o profesorado e os escritores de a pé que polas esferas do poder que só vía nel un incómodo disidente.

As actuais condicións do confinamento derivadas do estado de alarma perturban o que debera ser unha celebración plena das nosas letras. A figura de Ricardo aniña na esfera da centralidade perenne. A homenaxe á súa personalidade é vivida con xúbilo desde moitos sectores da sociedade galega que non podían comprender que se tardase tantos anos en proxectar a homenaxe agora adulterada polo COVID-19.

El abominaba do sectarismo e soubo mirarlle aos ollos á obra de autores afastados da súa ideoloxía. Non o reduzamos nin simplifiquemos. Non o invisibilicemos en aras dos nosos intereses. El pedía que iso non se fixese con Otero Pedrayo, por cuxa obra sentía unha admiración moi profunda. Nós pedimos que non se faga con el. Ogallá o curso 2020/2021 prolongue o cumprimento desta débeda pendente co polígrafo ferrolán.

En declaracións a Miguel Anxo Fernán-Vello e Francisco Pillado (1986) don Ricardo declara: “Eu desexaría unhas primaveras nas que florecese sen receios a unidade e variedade do noso idioma e da nosa cultura”. Cumpramos o seu desexo na convicción de que as Letras Galegas, ese fermoso edificio inacabado, eran xustamente el: Ricardo Carvalho Calero.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats