Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Ayuso trata de reescribir su gestión en pandemia con ataques a RTVE
El caos del equipo de Mazón comenzó la mañana de la DANA
Opinión - Quién quiere a Carlos Mazón. Por Raquel Ejerique
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Feijóo e a adicción ao típex

Feijóo e Abascal no desfile do Día de la Fiesta Nacional en Madrid.

Ismael Ramos

0

Cando entro na aula algúns esperan xa preparados. Bolígrafos en man, mesas limpas de calquera outro utensilio (papeis, rotuladores, típex...). Coñecen as normas. Comeza o exame. Teñen 13 e 14 anos. Sempre hai alguén que pregunta canto tempo queda. Cinco minutos despois repíteo o compañeiro do lado. Prometo mantelos informados sobre a hora. Para uns, o tempo vai lento, para outros, rapidísimo. Están os que entregan o exame ao principio e as que escriben rapidamente pero agardan para darmo ata o final, repasando un par de veces, finxindo interese pola súa propia obra, como se quedar coa folla na man durante os 50 minutos que dura a sesión fose un ritual de boa sorte. Éo. Fíxome tamén nos que escriben e escriben e un dubida, dende fóra, que vaian chegar a algún lugar. E, xa por último, aqueles que borran. Aqueles que borran tanto que parece mentira que lles dese tempo a escribir algo. Deses, dos que borran, debe ser tamén Feijóo.

O país le con atención os 50 puntos do pacto entre o Partido Popular e Vox para o goberno da Comunitat Valenciana. Por primeira vez comezan a descubrir por España adiante de que está feito ese ser ata o de agora aparentemente inocuo que é Núñez Feijóo, o que está disposto a facer sen que lle trema a man. Para asinar ese medio cento de intencións, o Partido Popular tivo que pasar a goma de borrar sobre a fronteira imaxinaria que os separaba da ultradereita. A Alberto, de neno, debíanlle gustar os borróns moito máis que riscar. Pediría empregar típex, esixiríao. O problema do típex, dígollelo sempre aos meus alumnos, é que deixa un cheiro inconfundible e, co paso do tempo, acaba por despegarse pouco a pouco, como quen arrinca a pel seca do corpo dun réptil.

Entre as medidas pactadas, tres clásicos do Feijoo ao que xa coñeciamos ben en Galicia e que, imaxino, debe facer as delicias de Vox. Primeiro, a ausencia total e absoluta de calquera mención á Cultura, por máis que Vicente Barrera vaia exercer de conseller ademais de vicepresidente. Vese que aínda non teñen moi claro dende onde comezar o asedio ás institucións e programacións a base de rexionalismo casposo e o himno de Chayanne en repeat. Pobre Chayanne torero! Segundo, a firme vontade de acabar con calquera proceso de normalización e dinamización da lingua e identidades propias: “Eliminaremos las subvenciones a las entidades o asociaciones que promuevan los Països Catalans”. Que quede claro que España é outra cousa, que a integración supón a eliminación da diferenza. E terceiro, “reforzaremos la inspección educativa para preservar la calidad de la enseñanza sacando la ideología de las aulas y permitiendo que los padres elijan la educación de sus hijos”.

A Feijóo —ía dicir que a Feijóo e a Vox, pero asumamos que agora xa son publicamente a mesma cousa— cústalle entender que os fillos non son dos seus pais e que os centros financiados con fondos públicos tampouco. Cústalle respectar as liberdades individuais dos menores, as das traballadoras do ensino e os procesos obxectivos e democráticos que as levaron aos seus cargos. Pero nada disto é novo. Pregúntome se, a partir de agora, na Comunitat Valenciana, xa que deciden os pais, se comezarán a crear garderías, escolas e institutos segregados por lingua e ideoloxía. Imaxino que non. Algo me fai pensar que non, que tampouco será iso o que suceda.

O actual Partido Popular témelle ás institucións públicas e á súa autonomía, témelle á ideoloxía dos que conforman o tecido cultural, plurilingüe —no sentido máis constitucional e menos globalizante da palabra— e educativo deste país. E por iso comeza a silencialos. Porque se as institucións non son eles, entón non serven, están deslexitimadas, deben cambiar. Acabarán facendo o mesmo cos nenos chegada certa idade? A pregunta non é retórica.

Feijóo é un experto en silenciar a diferenza, reducíndoa a aquilo que de maneira tan noxenta deu en chamar a vida dos demais cando se opuña á Lei Trans no senado. A el gústalle o silencio. O borrón. O cheiro do típex. Hai case un ano eu escribía neste mesmo xornal sobre a súa chegada a Madrid e comparábao cun malo de Scooby-Doo, cunha presenza fantasmal feita de tea barata. Manteño a miña teoría. Co seu disfrace cutre de bo xestor —hai que ver que pouco lle durou!—Feijóo comeza agora a actuar sen dicir nada. Inicia o etnocidio na Comunitat Valenciana. Saca do peto lentamente a súa mordaza. Está ao fondo da aula e ninguén o ve, nin o escoita, pero achégase. Alguén ten o teléfono de Misterios S. A.? É unha emerxencia.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats