Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Hai vida na UE?
A cidadanía preocupada polo xenocidio de Gaza pregúntase que fai a Unión Europea. Nalgúns casos, é directamente acusada de cómplice do xenocidio e hai outros -aqueles cidadáns nosos menos avisados- que botan en falta accións directas da Unión en contra do goberno de Netanyahu. Mais na natureza deste supra-estado (a Unión Europea) en formación, non cabe pensar nunha política exterior comunitaria, nen nunha política laboral única, nen nunha política europea de asistencia social nen sequera nunha política fiscal harmonizada. Hoxe a UE acadou a consolidación como mercado grazas á existencia do euro e das medidas uniformizadoras do comercio que dependan das normas emanadas da Comisión/Parlamento. E nese capítulo entra a dispoñibilidade de fondos financeiros comunitarios para implementar políticas económicas dirixidas pola máquina tractora alemá, fundamentalmente.
Non existe política exterior da UE. Hoxe en día non foron quen de se pór de acordo para identificar as conexións con Israel susceptíbeis de ser obxecto de sanción tanto no plano comercial como no político. E o que é aínda máis forte: Alemaña está en completo desacordo en sancionar por nada a Israel. O último sinal foi a declaración de non concorrer ao festival de Eurovisión, se Israel, finalmente, non formaba parte.
É moi difícil asimilar que só unha mala conciencia do pasado holocausto sexa o único móbil de tal actuación. Alemaña ten demostrado desde o fin da Segunda Guerra a súa capacidade de modulación dos principios políticos en aras, primeiro, da reconstrución e, despois, da continuidade da velocidade do seu proprio crecemento. De feito, é hoxe a máis xenuína representante na UE dos intereses mundiais dos EUA co seu presidente á cabeza. E onde non hai unha política comunitaria, como imos esperar unha acción? Só con lembrar o papel de Alemaña e dos EUA na descomposición de Iugoslavia temos un caso de non intervención da Comunidade, e si de alentar unhas guerras en chan europeo que foron modelo de desastre político, con cerca de 200.000 mortos e millóns de desprazados.
A Comunidade Europea xa existía e o rol da OTAN foi decisivo á favor da solución final, así como a venda de armas procedentes de Alemaña. É dicer, obxectivamente, a futura Unión Europea e os EUA tiraron beneficios e máis poder da fragmentación da antiga república socialista, e hoxe dous dos estados resultantes forman parte da UE e os outros son candidatos en espera de adhesión. A situación actual adquiriu outra nova faciana no momento do Brexit xa que parecía que o Reino Unido regresaba ao seu estado natural de aliado fraternal (ou filial?) dos EUA. En realidade exerce como subdelegado dos estadounidenses nesta parte do Atlántico e compoñente fiel dun matrimonio de intereses mundial.
O Reino Unido pasou por varias etapas de dúbidas en relación coa Comunidade, e agora, post-Brexit, semella que acadou definitivamente o seu lugar no mundo. Na visita ao Reino Unido -setembro- dun Trump endeusado foi homenaxeado cun desfile, en Windsor, de 100 cabalos da Garda Real con uniforme de gala. Grande espectáculo. Os desfiles tamén gardan relación simbólica do rol político de cada quen e, neste caso, ben contrasta coa imaxe penosa de Von der Leyen reuníndose na finca privada de Trump en Escocia (un campo de golf), un domingo, para receber o que o mandatario ianqui tiña a ben dispoñer: eses son os aranceis que vou pór: para que o saibades. Tamén convén lembrar que Von der Leyen saíu de Escocia sen un só documento para poder amosar.
Hai xa unha morea de anos, antes de 1986, había algúns economistas dunha adherencia non liberal na política económica (é dicer, fóra do ámbito de dominio académico liberal) que opinabamos que entrar na CE non era igual que comprar unha entrada para o paraíso. A base argumental principal era facer visíbel a enorme diferenza de desenvolvemento das forzas produtivas dominantes na Comunidade Europea daquel momento e a situación de Galiza, mesmo falando da economía española no seu conxunto. Ese confronto entre dúas economías tan desiguais nun ámbito de dominio das europeas centrais, obrigaríanos non só a nos adaptar senón a sofrer uns cambios traumáticos no noso devir económico e social. Isto é así, causado polas leis de desenvolvemento do capitalismo, en Europa e en calquera outra parte, por razóns non só económicas, tamén políticas. É perfectamente constatábel na economía mundial e así o amosa a historia das relacións económicas que o que precisa se adaptar é aquel que goza de menos poder e ademais a cada paso vai en diminución.
Nas relacións sociais, se non existe un pacto entre iguais, nen consenso de entendemento en beneficio mutuo, terse que adherir a unha Comunidade xa estabelecida e funcionando con regras propias, non submetíbeis a reforma ou discusión conleva sempre -por imperativo das propias relacións- o dominio e predominio do máis grande, do máis forte e do máis desenvolvido. O tamaño en economía capitalista é decisivo, xa que as unidades de produción grandes, as economías grandes, e os grandes estados ou conglomerado dos mesmos (a UE, por exemplo) gozan dun saber facer, dunha capacidade tanto técnica, de mercado como legal, que resulta esmagadora para a unidade pequena, sexa unha empresa, sexa un país. No caso dunha non integración á forza sempre se pode dar a posibilidade de desenvolvemento propio ao ritmo propio e de acordo coas necesidades da economía pequena. É moi semellante ao razoamento das primeiras sufraxistas: aínda que estexa ameazada de morrer de fame, necesito ser eu mesma, fóra da tutoría masculina.
A segunda tese defendida en contra do entusiasmo ‘hooligan’ dos pro-Comunidade sen reservas, vén dada ao analisar o proceso de creación -ou xénese- da Comunidade Europea. O nacemento das primeiras institucións comunitarias produciuse co alento, interese e apoio dos Estados Unidos. Nunca foi unha resposta europea autóctona fronte aos Estados Unidos. Despois de 6 anos de rematar a vida durísima da guerra en escenario europeo, por imperativo ianqui, confórmanse os primeiros acordos : CECA (1952), Euratom (1957) e logo Mercado Común (1957). En 6 anos Francia e Alemaña foron quen de esquecer aparentemente todo o pasado inmediato -mortes en millóns- para reconstruír, crecer e receber axuda en forma, primeiro, do plan Marshall e despois en forma de investimento directo, apoio tecnolóxico, amparo OTAN e vantaxes de comercio internacional no resto do mundo.
A Unión Europea actual, con maior ou menor entusiasmo, non levou a cabo no mundo política exterior anti-EUA. E, así mesmo, tampouco ten logrado que os EUA respeiten a disciplina dos Organismos Internacionais de rango mundial dos que forman parte os estados de cada lado do Atlántico: na ONU, na OTAN, no GATT (hoxe OMC) no FMI... Agardar milagres de defensa dos dereitos humanos en Gaza é descoñecer a historia e as regras de xogo na UE.