Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Manual de estilo de Alfonso Rueda

El presdiente de la Xunta, Alfonso Rueda, muestra una prenda con el logo del Xacobeo al presidente del Senado, Ander Gil.

1

Cando Alberto Núñez Feijóo marchou para Madrid e deixou a Alfonso Rueda no seu lugar, este apresurouse a explicar diante dos medios que el tiña un estilo propio, “o estilo Rueda” chamoulle, unha excusatio non petita para aclarar que non se vai limitar a quentarlle o asento ao seu xefe por se o salto á política estatal non lle sae ben e ten que volver, como Fraga.

Non sendo que por estilo propio o flamante presidente da Xunta se refira ás numerosas prendas co logo do Xacobeo que compoñen o seu fondo de armario, é difícil atopar un alto cargo máis gris na política galega.

Atrás quedou o estilo macarra de oposición ao bipartito que cultivara como director de campaña de Feijóo, facendo apoloxía da ignorancia en primeira fila das manifestacións de Galicia Bilingüe ou xesticulando diante dos medios amigos para se lamentar polos famosos Audis (eses que o seu goberno acabou vendendo a cuantiosas perdas).

O novo estilo Rueda parece ser o mesmo que levara o seu (mentres non se demostre o contrario) xefe até a presidencia da Xunta: ter un padriño político, botarlle a culpa de todo aos outros --quer o goberno do estado, quer o pretérito bipartito– e agardar quedar en pé no campo de batalla mentres o resto de baróns se neutralizan mutuamente e a oposición se dispara no pé.

Froito desas neutralizacións internas son os bailes de cadeiras no Sergas, que afronta os cambios cun aumento ridículo nos novos orzamentos. A nova xerente estreouse cunha entrevista nun medio amigo, levando ao paroxismo o de “facer da necesidade virtude” ao tentar vendernos como un avance o feito terríbel de que non haxa pediatras en todos os centros de saúde. Preguntado polo asunto na sede da soberanía popular (xa non sei se con maiúscula ou minúscula), o understudy de Feijóo di que leu a entrevista con atención, coma se fose un cidadán anónimo que descubre quen é a nova xerente do Sergas lendo o xornal no bar mentres almorza. Rueda tira do dicionario orwelliano de Feijóo, onde ningunha palabra significa nada, para saír co conto de que o importante é a “calidade asistencial”, que seica non se ve afectada polos continuos recortes nos servizos, coma se as profesionais sobrecargadas que asumen a carga de traballo doutros centros de saúde sen pediatra fosen elevar maxicamente a calidade asistencial de ningún servizo, cando non poden contar nin coa súa propia calidade existencial. E, para confirmar que está versado na escola feijoíta, emprega unha das tácticas preferidas do Cicerón dos Peares: facer ver que a quen ataca a oposición non é á súa nefasta xestión senón aos propios profesionais sanitarios, e postularse como valedor deles afirmando que “en Galicia hai grandes profesionais nun magnífico sistema de saúde”. Tan magnífico que a atención primaria está a dar as citas cunha semana de retraso e as listas de espera desbordan as axendas de numerosos servizos.

Noutros temas tampouco podemos agardar do presidente grandes titulares: o seu anuncio máis impactante até a data, rodeado de pompa, boato e un feixe de conselleiros, foi a decisión de aliviar o sufrimento das familias máis pobres cun cheque de 25 euros para gastar en material escolar. Case ao mesmo tempo, pero nun foro máis selecto, anunciou unha rebaixa fiscal, neste caso para aliviar o sufrimento das familias máis ricas, concretamente as que teñen un patrimonio de máis de 700.000 euros. Polo que for, a esa segunda medida non lle quixo dar tanta publicidade.

Xa noutras áreas do seu goberno, como a educación ou os servizos sociais, Rueda está a virar tan gris que se confunde coas paredes de granito, e parecera que as dimisións en bloque na dirección de FP ou a retirada da Tarxeta Básica para fogares vulnerábeis nada teñen que ver con el, que son cousas da burocracia, así en abstracto.

Como diría a pequena Momo, coidádevos dos homes grises, porque os homes grises son os que acaban ocupando o (modestamente decorado) despacho de San Caetano durante catro lexislaturas, mentres a prensa de Madrid lles louva a moderación e as galegas e galegos nos preguntamos que fixemos nós para merecer isto.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats