Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Puigdemont estira la cuerda pero no rompe con Sánchez
El impacto del cambio de régimen en Siria respaldado por EEUU, Israel y Turquía
OPINIÓN | 'Pesimismo y capitalismo', por Enric González
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Por que ninguén entende o da luz?

Imagen de una torre eléctrica

0

Na casa de meus pais céase tarde e nunca á mesma hora. Todo depende de cando saia meu pai de traballar. Ten un emprego deses onde un sabe a que hora entra pola mañá e despois pasan o tempo e os días e, nalgún momento dese continuo infinito do asalariado máis precario, chega á casa. De todos os xeitos, el avisa sempre vinte minutos antes de que vai vir, cando sae do polígono, para que nos dea tempo a fritir patacas ou poidamos calcular a medida exacta entre volta e volta dunha costeleta. Despois de cear, ás veces, moi poucas veces —o cansazo, xa saben— discutimos. Onte tocou falar sobre a luz. É estraño que non tocase antes. O máis probable é que sexa porque normalmente nestes debates meu pai e mais eu nos eriximos como antagonistas e aquí, no da luz, é difícil saber quen é o culpable.

Ás veces a culpa é das eléctricas, cada vez máis veces. Ata hai dous días a culpa era do Goberno. En xullo comentabamos de cañas, nunha terraza, que Amancio Ortega mercara o 5% da rede eléctrica, coma no Monopoly. Fai un mes os culpables eran Putin e o gas que viaxa en tubaxes de norte a sur. Polo medio, polo visto, baleiráronse algúns encoros e houbo a quen iso non lle pareceu ben, e de novo as eléctricas sacaban a risa grave do malo das películas. De cando en vez, falando cos meus amigos, o grande culpable a fin de contas é o cambio climático. E pouco a pouco, buscando a razón pola cal sobe a factura da luz, chegamos ao colapso mundial. Querer entender a factura da luz condúcenos ao colapso mundial. Joder.

E resulta que mentres todo isto sucede, todas estas conversas sen sentido, tanto esquivar o tema ou rodealo como unha escultura incomprensible de arte contemporánea, resulta que pese a todo isto temos que seguir poñendo lavadoras. Hai desde este verán persoas que se erguen a horas estrañas para encher o tambor de roupa, derramar un pouco de deterxente por fóra do caixón —o sono— e volver durmir ou ir traballar. Non saben por que o fan, pero fano. As eléctricas están dominando tamén os nosos horarios.

Ata fai pouco, os medios de comunicación eran capaces de falarlles aos cidadáns precisamente nesa unidade universal de enerxía que é “a lavadora”, o prezo da lavadora. Nestes momentos, por desgraza, parece que non existe xa electrodoméstico que nos salve. Ninguén entende o que está pasando. Eu tampouco. Nin sequera mentres escribo este artigo. Quero pensar que a ministra Teresa Ribera si que sabe de que fala. Pero tamén me gustaría saber a que cidadáns se dirixe exactamente cando di: “Será importante recordar, como ocurre con la tarife libre, que esta mayor seguridad supone el que se interiorice parte de la prima de riesgo de reducción de la volatilidad y, por tanto, hay que ser cautos con respecto a cuáles son los indicadores a los que se indexa y en qué momento se produce esta modificación”. Desculpen a cita, agardo que non deixasen de ler. Se alguén quedou polo camiño, non o culpo.

Fronte á prosa de manual de instrucións sueco do Ministerio de Transición Ecolóxica, temos a narrativa diaria das portadas dos xornais. A electricidade leva días e días rompendo récords. Houbo un momento en que crin que as Olimpíadas non acababan nunca. Volvendo sobre as declaracións da ministra Ribera, que os medios falen do récord no prezo desa unidade misteriosa que é o quilovatio hora, lémbrame a cando en 2008 comezaba a asomar na linguaxe xornalística a “prima de risco”, que agora reaparece e que sigo sen saber quen é. Na miña imaxinación adolescente esa prima viaxaba no asento do copiloto despois dunha noite de festa e o coche ía cada vez a maior velocidade. Agora, máis dunha década despois, a mesma prima cae pola fervenza dun encoro como se se tratase dun parque acuático e a min, non sei por que, revólveseme o estómago. Preocúpame esa prima misteriosa coa que medrei.

Por que ninguén entende o da luz? Supoño que en realidade a resposta é fácil: ninguén quere que o entendamos. Ninguén quixo nunca que entendésemos a factura e seguen sen querer agora. Igual que despois ninguén quererá unir as causas coas consecuencias. Causas e consecuencias son eufemismos de vítima e verdugo. A famosa prima flota nun pantano e non sei se fai o morto ou está morta. Tampouco vexo demasiada xente á que lle vaia importar. Baixan os impostos e ameazan con pechar centrais nucleares. Parece Netflix, pero é España. A min iso de ameazar paréceme de abusón de patio de colexio. Ameazar con deixar de producir enerxía, un secuestro. As eléctricas, secuestradores. Canto tempo nos vai durar a síndrome de Estocolmo?

É difícil ter unha boa opinión sen facer antes unha boa análise. A min hoxe cústame demasiado. Os camiños do señor son inescrutables e sempre conducen a non deixar de pagar. Salvo se vives na Catedral de Santiago, entón a electricidade é gratis. Ben, gratis non, pagámola todos. Roza iso o comunismo? Mentres, nas sobremesas de familia seguimos discutindo sen criterio, escoitando de fondo o murmurio da lavadora. O debate non dura demasiado, mañá hai que madrugar. Oxalá pronto madruguemos para manifestarnos.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats