Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Pantallas

Varios estudiantes utilizando sus teléfonos móviles.

0

Como titora dun grupo da ESO, este primeiro trimestre tiven entrevistas cun lote de nais e algún que outro pai. Eis un dato interesante que adoitamos esquecer cando falamos de corresponsabilidade no fogar: as nais piden as citas, facilitan o seu teléfono como contacto prioritario da familia e acoden ás reunións co profesorado; os pais só adoitan vir cando veñen os dous xuntos.

Ás veces nesas entrevistas sae o tema dos móbiles: este curso nas Normas de Organización, Funcionamento e Convivencia do meu instituto incluíuse a prohibición expresa do uso do teléfono móbil por parte do alumnado, e a maioría das familias dinme que están moi de acordo coa medida. Algunhas resístense aínda a que os seus fillos e fillas, nos primeiros cursos da ESO, teñan móbil de seu. Outras botáronlle un ollo ás mensaxes que intercambiaba a clase no grupo de Whatsapp e chamáronme preocupadas. Expliqueilles que ese grupo non ten nada que ver co instituto nin coa titoría, e que son as familias as que deben valorar que os seus fillos accedan ás redes sociais sendo tan novos (segundo os termos de uso de Whatsapp, os menores de 16 non poden usar o servizo e os menores de 18 precisan permiso paterno) e en todo caso monitorizar o seu uso, e cando digo monitorizar refírome a estar con eles mentres o usan.

Entendo que as familias teñan a tentación de descargar esa responsabilidade na escola. É máis doado cumprir as normas cando veñen de fóra, coa tranquilidade de que alguén que sabe o que fai vela pola nosa seguridade. Hai varios anos a administración educativa abriulles de par en par as portas do ensino público ás tecnolóxicas, que prometeron un brillante futuro da era espacial, onde todas as escolas ían ser súper-eficientes e todas as crianzas crecerían para ser Steve Jobs. A opinión pública fiouse desas promesas porque eran moi tentadoras, alguén se ía ocupar de traer o ensino ao século XXI e o único que tiñamos que facer a cambio era investir uns poucos millóns de euros no material e despreocuparnos.

Como acontece con todos os pactos faustianos, a ganancia foi para eles e a enorme perda, estamos a velo estes días de informe Pisa, para o noso alumnado. Para empezar porque ese investimento en tecnoloxía (que, como case sempre acontece na administración pública, se fixo á toa, sen contar primeiro cun estudo rigoroso das necesidades nese campo) foi parello a un desinvestimento en recursos humanos: desde 2010, ano no que a Xunta de Galicia puxo en marcha o proxecto Abalar “para transformar a aula tradicional nunha aula dixital”, o ensino público non universitario perdeu máis de 5.400 docentes en Galicia.

A idea de que as pantallas son o mesmo diaño se poñemos as crianzas diante delas na casa ou no restaurante para non molestar e, por algún sortilexio, viran beneficiosas se onde llas pegamos na cara é na escola, parece difícil de conciliar, pero non hai máis que botar unha ollada aos titulares da prensa galega e estatal para observar esta disonancia. É un malabarismo da lóxica semellante a esa outra teoría dos “nativos dixitais”, unha sorte de determinismo tecnolóxico que afirma que os rapaces nados nun mundo repleto de trebellos teñen un coñecemento intuitivo de como opera esa tecnoloxía, como se os cativos nados nunha casa con libros soubesen ler sen que ninguén lles aprendese. Hai pouco un amigo informático experto en seguridade brindoume esta metáfora para explicarlles ás familias do meu alumnado como funcionan os dispositivos de control parental: di que é como se lles dan aos seus fillos unha botella de licor café confiando en que non a beban porque ten un tapón de cortiza. Non debemos esquecer que ese móbil que lle damos ao crío xa non é o móbil dos nosos tempos, co que como moito podiamos gastar o soldo do mes en chamadas e sms, senón que é internet, e internet é todo, o bo, o regular, e todo o porno duro e os influencers de extrema dereita do mundo. E se as familias son incapaces de controlar os contidos aos que se expoñen os menores, que dicir dunha aula con trinta estudantes parapetados tras unha pantalla e con equipos que a Xunta non quere configurar para que se poidan bloquear determinadas páxinas.

O certo é que nos relaxamos e deixamos ás nosas crianzas soas coa botella de licor café, e agora tentamos paliar a desfeita sen saber moi ben por onde tirar. Algunhas ANPAs xa se organizaron e empezaron a pedir a saída das escolas do programa E-Dixgal, o que transformou os libros de texto en contidos dixitais para o alumnado de 5º e 6º de primaria e toda a etapa secundaria en moitos centros de ensino galegos. Esta retirada obedecería á constatación de que as pantallas dificultan a comprensión lectora e son unha meirande fonte de distracción que calquera outro elemento da aula, porque precisamente están deseñadas para distraer, ou dito doutro xeito, para que as persoas usuarias salten rapidamente dun contido a outro.

Investigadores como Daisy Christodoulou e Michel Desmurget levan tempo a explicar con datos que a tecnoloxía non é transformativa per se e que para usala precisamos coñecementos. Curiosamente, ambos refiren un proxecto de 2005 chamado “One laptop per child” (Un portátil por crianza) no que unha ONG estadounidense repartiu ordenadores portátiles nas aulas de países subdesenvolvidos para axudar a pechar a fenda dixital e con iso, milagrosamente, a económica. Unha vez apagados os focos de todos os medios de comunicación que se lanzaron a enxalzar a iniciativa, os estudos sobre a eficacia do programa demostraron que os ordenadores non tiñan efecto ningún sobre o rendemento escolar e os promotores abandonaron o programa, deixando os nenos daqueles países tan abandonados como antes de toda aquela publicidade gratuíta.

Esperemos que cando a Xunta se decida a seguir a senda doutros países da OCDE e retroceda no uso dos dispositivos móbiles nas etapas da educación obrigatoria, aínda queden mestres abondo para as nosas crianzas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats