Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A Unión Europea como o rei espido

Los ministros de Asuntos Exteriores europeos guardan un minuto de silencio por Ucrania en el tercer aniversario de la invasión rusa

0

Nos momentos de crise adoita aparecer a auténtica natureza dos seres, das cousas ou dos fenómenos. Vale para os humanos, para as institucións, ou mesmo para seres vivos: en crise sempre aparece unha resposta de especie ou sistémica, nas sociedades formadas por seres humanos. A Unión Europea (UE) respondeu na crise da pandemia de forma rápida, cautelosa, previsora, e buscando medios onde for para cobrir as novas necesidades; mesmo asumindo as esixencias de recuperación económica derivadas do cesamento de actividade na pandemia, respondeu cos fondos extraordinarios Next Generation co afán de impulsar novas modalidades de crecemento económico.

Mais neste momento de conflito mundial (ou deberíamos chamarlle shock?) escenificado polo novo presidente dos Estados Unidos (EUA), ficou paralisada. Semella que ninguén na UE tiña previsto que saíra Trump de presidente. Semella que non escoitaron atentamente os discursos militares/estratéxicos dos anteriores presidentes, que non interpretaron adecuadamente os movementos estadounidenses en Ucraína. Nen na ONU.

Todo indica que nen foron conscientes da ausencia do seu rol na política mundial. Mesmo pensaron que podían pasar de lado na festa dos países máis ricos do mundo sen precisar cotizar ao gardián da suposta paz mundial en Occidente. E ficou perfectamente claro como os Estados Unidos en execución do seu plan para poder permanecer de primeira potencia un tempiño máis, ían estado a estado conseguindo, grazas á súa política exterior, os logros desexados no taboleiro global, sen que ninguén tivera o máis mínimo indicio de resistencia ou tan sequer comentario no seo da Unión Europea.

Rusia invade Ucraína. Si, e Israel, Gaza. E España entrega Sahara a Marrocos. E Francia é preterida en favor de EUA —rachando un contrato— por Australia. O acordo comercial de submarinos diesel é substituído por un outro cos americanos de combustíbel nuclear. Suecia entra na OTAN rachando totalmente o statu quo desde a Segunda Guerra Mundial e que perviveu na guerra fría de non completar o círculo do rodeo á Rusia quedando OTAN entre Turquía e Islandia.

A Unión Europea non asumiu o cambio de época e nestes momentos, con Trump ou sen Trump, o endurecemento das condicións de relacións entre o novo Occidente e os Estados Unidos só é concibíbel para o amigo ianqui baixo a súa hexemonía dura. As supostas cuestións económicas que se poidan dirimir cos aranceis non son máis que unha forma de linguaxe manexábel e entendíbel para o gran público. De aí non van pasar.

É tan pueril como pensar que en guerra comercial de aranceis xeneralizados alguén vai tirar gaño. Se todos poñen aranceis, ou ben ninguén vende ou todos pagan máis co resultado inicial de inflación na economía máis interdependente en intercambio de mercadorías co exterior. Que hoxe son todas as potencias mundiais, empezando polos estadounidenses. A interpenetración das partes do capital máis dinámico e o máis avanzado financeiramente falando é un fenómeno global e as políticas da etapa mercantil do capitalismo a través dos aranceis son tan antigas e inuteis como a guerra con cabalaría.

A Unión Europea debería pensar e decidir que vai facer de forma unida. Se iso for posíbel, a esta altura. Porque o que está quedando claro é que Trump (é dicer, os Estados Unidos co seu presidente á cabeza) vai utilizar a OTAN para manter baixo disciplina a Europa enteira incluíndo nela o Reino Unido aliado/fraterno mesmo co Brexit en vigor. Ou acaso ouvimos resmungar a algún EM (Estado Membro) ante o mandato que se vai cumprir de aumentar o gasto en armamento? En que Tratado Internacional asinado pola UE figura o compromiso de acudir á chamada dos americanos para dotar á OTAN do orzamento que eles decidiren? Acaso Trump recoñeceu á UE recebendo Macron, Starmer, Meloni, Andrezj Duda...?

É a constatación de que as relacións mundiais disputando a cara descoberta a primacía á China non pasan por contemplar con mimos á Unión Europea senón menosprezala e esixirlle sometemento á OTAN como cabeza de ponte de primeiro nível neste lado do Atlántico. A pergunta fácil é: pode facelo? E a resposta fácil tamén é: se lle fan caso e asumen o seu rol de, en lugar de amigos, lacaios.

As probas indiciarias deste papel outorgado á Europa (xa non UE, si, Occidente anovado) podemos referilos na enumeración destes procesos: Uns meses despois da invasión de Ucraína, a OTAN (Madrid, Xuño 2022) sinala Rusia como “ameaza militar directa” e China como un “desafío sistémico”. Tan foi así que Rusia foi Asociada da OTAN na fórmula ‘Asociada para a Paz’, e nunca até ese momento fora considerada ameaza directa militar.

Esta declaración, que é a primeira que se produce neses termos, permite á análise do profesor Gordillo centrar a atención entre a desputa EUA-Rusia como unha máis das guerras subrogadas, subsidiarias, vicarias ou por delegación, nesta ocasión —Ucraína— no escenario europeo: nas propias ‘napias’ das bases da OTAN. A participación e o papel que os Estados Unidos de Biden, dos gobernos previos, e agora Trump, concebían para Rusia ficou des-inflado pola infravaloración da capacidade potencial de Rusia: a segunda potencia nuclear mundial, cunha economía moito máis resistente que o tamaño do seu PIB indicaría e cunha capacidade de eludir os boicotes internacionais asombrosa.

Contando con Turquía (OTAN), China, India e mesmo Irán, así como cunha parte vergonzante da propia UE, Rusia non sofreu os efeitos da guerra programada para mancar un pouco a súa capacidade, aínda que non se tratase dunha aniquilación (como non é esperábel con armas nucleares nos armacéns). A unión á forza que supuxo para os comunitarios se enfrontaren á guerra de Ucraína mesmo puido opacar o declive no escenario mundial dunha non-potencia como é o caso da UE, na actualidade, aínda incluíndo o novo amigo que é o Reino Unido, compañeiro de filas na OTAN, non comunitario, pero parecido a un sub-comandante por delegación ianqui, deste lado do Atlántico.

A ansia de Trump por resolver o conflito con Rusia é explicábel precisamente nese contexto de debilidade europea, disposición rusa ao cesamento, tamén para ir acabando, mesmo sen resultados non satisfactorios e avanzar uns pasos na disputa real que é con China por unha hexemonía mundial hoxe moi comprometida.

E todo isto sen que citáramos a realidade económica que subxace. Para empezar, á UE vaílle tocar “arranxar” Ucraína, que EUA só pensa en cobrar o que emprestou en armamento. Iso será outro día.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats