Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
La izquierda presiona para que Pedro Sánchez no dimita
Illa ganaría con holgura y el independentismo perdería la mayoría absoluta
Opinión - Sánchez no puede más, nosotros tampoco. Por Pedro Almodóvar
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Feijóo agocha na chistera os fondos de educación

Feijóo, con escolares durante una visita en el Museo Pedagóxico de Galicia

Patricia A. Janeiro

0

O día que o goberno de España anunciou un fondo non reembolsable de 16.000 millóns para que as comunidades autónomas axudasen a paliar os efectos da crise da COVID, o noso presidente Alberto Núñez Feijóo sorprendeu a alleos (e non tanto a propios) pedindo que as comunidades puidesen destinar a “outros fins” os 2.000 millóns que, como condición para recibir o fondo, se debían destinar a educación.

“Somos maiores de idade”, seica dixo, unha desas ocorrencias desafiantes que lanza na prensa de Madrid cando o goberno do estado non lle é afín, e na Galiza cando ten que xustificar que o seu grupo no Congreso vote en contra de medidas que el mesmo apoiou no noso Parlamento, como o traspaso da AP9. A estratexia de confrontación de Feijóo non é nova: cando gobernan os seus en España emprégaa na casa, e cando muda o vento político xoga ao autonomismo e sorrí compracido cada vez que un bot desinformado da dereita o tacha de “nacionalista”, porque sabe que esa simulada defensa do país calla entre o seu electorado. En ámbolos casos os seus medios (os presuntamente públicos e os subvencionados) cómpranlle o discurso, así que sempre gaña a banca.

O que é sorprendente desta situación é a velocidade coa que di e se desdí, sen que os agregadores de noticias teñan tempo para compilar todas as súas declaracións e moito menos poñelas en perspectiva. Coa habelencia dun trileiro, vai pasando a boliña de vaso en vaso, mentres xornalistas, oposición e profesionais de cada sector que toca observan atentos tentando prever cando vai descubrir a seguinte barrabasada: catro días despois de dicir que quería destinar a outros fins os cartos para adaptar centros de ensino e contratar máis profesorado, manda a súa conselleira á Conferencia Sectorial de Educación coa mensaxe de que Galiza non vai baixar o número de estudantes por aula (un dos requisitos para poder manter a distancia de seguridade) porque, disque, non hai cartos para facelo posible. Alá foi a boliña, vista e non vista, quito estes cartos de aquí, quéixome de que non están alá, e antes de decatármonos a educación pública volve perder docentes, medios económicos e calidade.

Non é a primeira vez. Os datos aportados pola propia Xunta indican que o número de profesorado empregado na educación pública leva baixando a un ritmo sostido desde o curso 2010/2011, mentres que no mesmo período aumentaron as contratacións na privada/concertada. Sábeno os opositores, que cada ano ven anunciar a bocas cheas a oferta de centos de prazas de promoción interna como se fosen libres, e sabémolo as profesoras, que cada ano vemos reducidos os departamentos académicos e de orientación, os auxiliares, o profesorado de apoio e todos os medios que, en teoría, deberían estar sempre presentes para garantir a igualdade de oportunidades do alumnado e o seu benestar.

Coa crise da COVID non foi distinto. A improvisación inicial do goberno galego é comprensible, xustificable se queren: xa quedou de sobra establecido que ninguén esperaba unha pandemia así en ningures. Pero despois dese período de graza no que cadaquén fixo o que puido para se adaptar á nova situación, o ensino público galego entrou na súa propia crise dentro da crise, que non fixo máis que agudizar todas as carencias que xa viñamos padecendo, e Feijóo e a súa conselleira de Educación enrocáronse na negación, evitando contar coa comunidade educativa para estudar a xestión do curso durante confinamento, e sobre todo a saída deste.

Agora, o xestor que non quere destinar os cartos que o estado lle dá a fondo perdido para garantir a seguridade do alumnado, vén de sacar outra vez a mesa encartable, os tres vasos e a boliña para amenizarnos a precampaña. Di que non vai baixar as ratios de alumnado para que poidan sentar na aula mantendo a distancia de seguridade porque o perigo non está nas aulas, senón nos recreos. Se pensaban que sabían baixo que vaso deixou a boliña, pensen outra vez: case ao mesmo tempo que Feijóo facía estas declaracións, xustificaba abrir a partir deste luns os parques infantís e non así os centros educativos porque, di, os parques infantís están ao aire libre (como os patios de recreo) e neles hai menos risco de contaxio que nas aulas. Tamén convocou, esta vez a través da súa consellería de Política Social, o concurso para celebrar os campamentos de verán sen unha soa mención ás medidas de protección fronte á COVID, despois de declarar que o importante para frear a enfermidade é o que pase nos centros de ocio.

Calquera que mirase un trileiro demostrar a súa habilidade para desplumar incautos nas rúas dunha grande cidade, ou que teña idade para lembrar o “Manda Truco” do Xabarín Club, sabe que toda a charlatanaría cumpre a función de nos distraer para que fixemos a nosa atención no que non é e pasemos por alto a trampa, o momento en que o falabarato agocha a boliña na manga e nos fai mirar apampados tres vasos que dan voltas sen cubriren realmente nada. Feijóo hai tempo que sentenciou a educación pública a expensas da privada/concertada, fíxoo a base de desinvestimento, desmantelamento dos centros e desprestixio sistemático da función docente, mentres o público escoitaba abraiado como as aulas de agora teñen menos alumnos que hai corenta anos, como os profesores teñen demasiadas vacacións e como os alumnos que fracasan o fan porque non se esforzan abondo, e asentían coa cabeza, incautos eles, sen saber que os cartos que debían servir para garantir unha educación pública e de calidade levaban tempo destinados a “outros fins”, ben agochados na manga do trileiro.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats