Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Panexírico a maior gloria do El Correo Gallego

Imagen de la última gran fiesta de El Correo Gallego en noviembre de 2021 con Feijóo al frente

5

Hai apenas dous anos, co adaxo da celebración do seu número 50.000, un artigo en El Correo Gallego glosaba a figura do seu editor Feliciano Barrera, dedicándolle estas palabras: “El editor que transformó un humilde periódico local en The Washington Post gallego”. Non é anecdótica a desmesura nas palabras do redactor: quer con ocasión dos premios Gallegos del Año (os Nobel galegos), quer con motivo da Carreira Pedestre que patrocina desde hai corenta anos, o xornal de cabeceira das tabernas e cafeterías compostelás (descoñezo as cifras de subscritores particulares) tennos afeitos ás hipérboles propias doutro réxime. Que compostelán non coñece as glorias do defunto Feliciano? Quen non procurou fotos de coñecidos nas alcanforadas páxinas de sociedade? Que activista local non se buscou ansioso na última páxina para saber se era merecedor de “pólvora” ou pola contra de “magnolias”? Quen, no medio dunha discusión afervoada, non mandou o seu contrincante a “comerse un flan”?

En Santiago convivimos con El Correo Gallego como cada vila convive co seu diario de referencia. Chamámoslle despectivamente “folla parroquial”, como se o que ten de malo fose a pequena tiraxe ou a información local, e non o modelo empresarial e deontolóxico. Falo de deontoloxía porque a ideoloxía nunca supuxo un obstáculo para este noso Washington Post de patacón. Moito antes das reivindicacións do 15M, os seus editores xa superaran o vello eixo dereita-esquerda para se centraren no realmente importante: quen pon os cartos? Aos editores do xornal sempre lles foi ben co PSOE no goberno de Santiago e o PP no da Xunta, pero non tiveron miramentos para abrazar a Gerardo Conde Roa (PP) cando chegou a Raxoi nin para deixalo caer cando quedou claro que ía ter que dimitir polos seus delitos fiscais. Durante a época do goberno bipartito PSOE-BNG (2005-2009), na que seguiron recibindo axudas públicas, a dirección decidiu informar da acción de goberno desde unha perspectiva que case parecía xornalística, sen as louvanzas desmedidas da era Fraga nin a enxurrada de rumores e mentiras da campaña electoral que La Voz de Galicia lle fixo a Feijóo en 2009. Iso, para El Correo Gallego, tocaba despois, unha vez posto o novo presidente, non fose que as urnas desen unha sorpresa.

Mentres tanto, coas subvencións ao galego nos medios, a editorial non tivo problema en reforzar o seu segundo diario, o Galicia Hoxe, cun cadro de xornalistas culturais do melloriño que temos no país, e, malia que o resto do xornal viña a ser unha versión en galego do outro, as seccións dedicadas aos movementos sociais e culturais semellaban ter bastante liberdade editorial acorde cos tempos (e con quen puña a subvención). Até que cambiou o vento en San Caetano, claro está. Daquela, en canto un columnista se meteu con quen estaba en disposición de poñer os cartos (neste caso, a igrexa), unha chamada do arcebispo abondou para borrar todo rastro dun artigo crítico coa visita do Papa e da colaboración enteira, como no seu día denunciou Esculca e recolleron outros medios de comunicación. A partires de aí, non era un segredo para ninguén, dentro e fóra da redacción, que os xornalistas do Galicia Hoxe desempeñaban o seu traballo cun letreiro de “disidente” pendurado no lombo e, efectivamente, en canto baixaron as subvencións e empezaron os recortes, foron os primeiros en sufrir as consecuencias.

Non quere dicir isto que no xornal sexan uns cataventos e non teñan os seus principios. As afrontas persoais, por exemplo, sempre as levaron moi a gala. Poida que a discordia entre El Correo Gallego e o goberno de Compostela Aberta empezase polos cartos, porque os de Martiño Noriega decidiron cumprir a lei e non dar subvencións a unha empresa que acumulaba débedas coa Seguridade Social, pero teño para min que, unha vez encirrados nese primeiro desencontro, o director non tería deixado publicar unha foto sen recortar antes o alcalde nin por todo o ouro do mundo. Unha vez que atravesas a fronteira de chamar “alcalde 2.0” nun titular a un cargo público, xa non hai volta atrás.

Sexa como for, coa débeda, as subvencións minguadas e as contas sen sanear, non foi sen tempo que declarasen o concurso de acredores. De feito, xa van tarde, despois de abandonar a sede histórica do Preguntoiro, de varios ERE temporais que despois non o foron, e das axudas do IGAPE e de Abanca, que, como nunca vai ter que devolver os cartos do rescate, se pode permitir reflotar empresas a fondo perdido.

Do que lle deben agora ao cadro que lles queda mellor non falo. Unha, porque nin na prensa nin no Colexio de Xornalistas conseguín atopar o dato preciso de cantos meses son. E outra, porque a última vez que alguén os criticou publicamente por iso, ao pouco saíu unha carta dalgúns traballadores dicindo que estaban ben, grazas, e que non precisaban que ninguén reclamase os seus soldos por eles, e eu non quero ser responsábel de que na redacción de El Correo Gallego os poñan a escribir unha carta para dicirme que non precisan nada de min, coa que teñen enriba. En todo caso, se sentides a necesidade de escribir outra carta, lembrade que con zume de limón e un pincel podedes facer o voso propio kit de tinta invisíbel para mandar mensaxes ao exterior sen ter que pasar polo redactor xefe.

Eu o único que espero é que o empresario salvador veña con cartos no peto para pagar o que se debe. Antes tíñaos, seino porque osmando na hemeroteca descubrín que a este xa lle facían a pelota de antes, de cando Blusens. É máis, nunha xogada semellante á da polémica papal, parece que se apresuraron a borrar do seu servidor toda noticia relacionada coa súa detención e posterior condena e inhabilitación para administrar empresas. Eles mellor ca ninguén entenden o difícil que é cadrar as contas. O que segue figurando son as moitas loas (“Gallego del Mes” incluído) que lle dedicaron, moi semellantes en ton ás que lle dedicaban antes a Don Feliciano, así que me vou adiantar en hipérboles e desde hoxe vou empezar a chamarlle “el Elon Musk gallego”, por se dá cadrado as contas do xornal e lles apetece contratarme para unha columna na última páxina, canda Florinda Campoamor.

Etiquetas
stats