Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Cando o Sergas é a doenza

Feijoo en un acto del SERGAS

1

Hai un mantra na Xunta que vén dos primeiros tempos de Feijóo e que supoño que, neste goberno de perfil baixísimo, ninguén decidiu cambiar. Cada vez que se criticaba a xestión da Sanidade –xa fose para denunciar o peche do paridoiro de Verín (lembrádelo?), algún colapso nas urxencias ou a morte dun paciente nun PAC sen médicos–, o expresidente da Xunta tiña sempre preparada a mesma resposta. Con esa dignidade impostada coa que fala da procreación dos coellos, pregaba o cello e proclamaba: “Non imos consentir que ninguén ataque os profesionais sanitarios”. E a bancada popular rompía en aplausos…

Unha patética cortina de fume, xa que non eran eses profesionais senón os políticos (os “xestores”, coma el) os que tomaban unhas decisións que nos prexudicaban a todos. Pois ben, a xustiza –e manda truco que teña que ser a xustiza coa que está caendo– acaba de deixar claro que o que facía Feijóo co seu retrouso era iso que en termos psicolóxicos chamariamos proxectar. Porque segundo o TSXG, se alguén estaba atacando os profesionais da Sanidade (nomeadamente, aos de Atención Primaria e Pediatría) esa era –e segue sendo– a propia Xunta. Nin máis nin menos.

O alto tribunal considera que Goberno galego e Sergas “vulneran os dereitos” de médicos e pediatras de primaria e “incumpren as súas obrigas en materia de prevención de riscos laborais, de valoración da carga de traballo do colectivo médico e de avaliación dos riscos do seu posto”. Responde a unha denuncia de O’Mega, sindicato médico ante o que, imaxinamos, a Xunta non puido aplicar o seu mantra habitual, xa que ninguén tragaría iso duns profesionais sanitarios atacándose a si mesmos... aínda que cousas máis raras temos visto saír da máquina de propaganda de San Caetano, esa que agora trata de facer un remake dos seus vellos éxitos dende a rúa Génova.

O fallo xudicial non fai máis que poñer negro sobre branco o que non só os profesionais, senón calquera usuario da sanidade pública –o que é case como dicir “calquera cidadán”– vén comprobando nas súas carnes dende que finalizou a pandemia: como o acceso á atención sanitaria está cada vez máis complicado; como, pese ás súas axendas sobrecargadas, resulta practicamente imposible obter unha cita no curto prazo co médico de familia ou co pediatra (un exemplo persoal deste decembro: non atopar oco para a pequena en máis de vinte días); como se fai cada vez máis habitual pasar fins de semana completas sen facultativo no PAC; como se eternizan as listas de agarda… Atacar a quen nos coida ten consecuencias: acaba sendo atacarnos a todas nós.

E isto, lembremos, é a herdanza que nos deixa quen cruzou o Padornelo coa etiqueta de xestor. Unha etiqueta, por certo, que lle durou o mesmo que a de moderado ou a de constitucionalista a alguén que presume, no aniversario da Carta Magna, de bloquear a renovación do CGPJ para “protexelo do Goberno”. Pero xa se sabe que, parafraseando a Sartre, o golpismo –como o inferno– sempre son os outros.

Porén, a vida sempre dá novas oportunidades, e aquí o sucesor designado ten a posibilidade de non caer nos mesmos erros que o seu mestre (algo difícil de crer, porque no canto de tomar nota e tratar de solucionar o desastre, a Xunta prefire presentar recurso ante a sentenza, que total paga con cartos de todos, e así seguir enleando o nobelo). O único que ten que facer é aplicar o famoso mantra ao pé da letra: “Non imos consentir que ninguén ataque os profesionais sanitarios”.

Hai dúas formas de facelo. Unha, a máis complexa, cambiar as políticas e volver poñer a profesionais e pacientes no centro do sistema (lembran aquel Plan de Atención Primaria do bipartito, pactado con todo o sector, e que tombaron tan axiña como chegaron ao poder? Por aí poden ir os tiros…). Pero hai outra, máis radical, que consiste en evitar o ataque eliminando o atacante.

Aínda que sexa a cara amable do réxime, un conselleiro que vulnera os dereitos dos seus funcionarios pode seguir no cargo? Pode, claro, se todo forma parte dun plan do que el é o simple brazo executor e non o autor intelectual. Así que igual hai que ir buscar as responsabilidades máis arriba… ou admitir que non temos autoridades portuarias dabondo para recolocar máis rebotados da Sanidade.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats