Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Cara onde van as cidades galegas?
Os vigueses odian aos coruñeses? Os coruñeses, con esvelta e grácil reciprocidade, odian aos vigueses? E odian, os uns e os outros, con satisfactoria complicidade, aos composteláns? Gozan todos con frenesí, cadaquén cos seus odios e antipatías? E que pasa cos de Lugo, Ourense e Pontevedra? Quedan fóra da ecuación? Están os lucenses namorados da Coruña? Os ourensáns de Vigo? E Pontevedra, que pasa con Pontevedra? A quen aman ou odian os pontevedreses?
En Galicia pasa isto: cada vez máis, un grande número de persoas traballa nunha cidade distinta daquela na que vive. As comunicacións, a autopista e o tren, sobre todo, así o permiten e facilitan. De feito, Galicia estase convertendo nunha cidade única, con cada vez maiores intercambios humáns. E é bo que así sexa. Se non se integran e comparten proxectos, hai pouco, moi pouco que facer. Lembremos: Galicia está perdendo poboación e diminuíndo o seu peso económico. E non se ve que sobren ideas, algo que intentar, ademais de papar moscas no aire...
Pero a obxectivación dos sentimentos non fai que remitan Amor e Odio. As cidades non son meras concentracións de poboación, como rezaba unha expresión da antiga URSS, senón que (pequemos de antropomorfismo) teñen algo así como unha alma coas súas facultades, memoria, imaxinación e vontade. O que pasa é que esa alma ocúpase ás veces de cousas moi miúdas, ou peor aínda, incurre en aberta estulticia. Así é a natureza humana, que lle imos facer.
Si, hai pouco amor e ningunha colaboración entre cidades en Galicia. Podería escribirse un catálogo de como nos aldraxamos mutuamente. Parecería que se trata de illas separadas, un arquipélago no que voluntariamente os nativos -non necesariamente caníbales- deciden darse as costas mutuamente, como Robinson Crusoes voluntarios.
Somos Robinsons aos que agrada subir a un outeiro e apuntar coa zarabatana á illa que máis detestamos para despois disparar con evidente fruición. É un entretemento coma outro calquera, máis ou menos inocente. Depende de quen o practique, e para que. Abel faino moi ben, e a todas horas, e a discreción, e en todas as direcións. Pacovazquismo swish swish (aínda que, por fortuna, Abel non é Paco in toto).
Agora a Liliput! Xa verán os de Laputa, os de Balnibarbi e Luggnagg! E os de Glubbdubdrib! Que non escapen! Abel goza moito co xogo, pero non é o único, aínda que si o máis bombástico e pomposo. No que a min respecta, cantas horas teño pasado nas máquinas de bolas! e nas de marcianitos! Se me devolveran os duros que metín tal vez faría ricos aos meus fillos.
Pero, quere iso dicir que en cada illa hai portentos de visión e eficacia? Que Vigo sabe cara onde quere ir? Sábeo A Coruña? Sábeno non só os alcaldes, tamén as elites e a poboación desas cidades? E as de Lugo, Ourense, Ferrol, Santiago e Pontevedra? Sería unha grande alegría escoltar que si.
Dentro duns meses, en maio, haberá eleccións municipais. Poderá o elector saber con antelación cal é modelo de cidade dos diversos candidatos? Programa, programa, programa, dicía Anguita. Haberá programas? Ou todo se reducirá a política de slogans que todo o asolaga? Sería marabilloso que poidera haber unha conversa sobre en que tipo de cidade queremos vivir.
Sería oportuno fundar a felicidade dunha cidade na beleza e harmonía das súas rúas, no confort dos seus espazos e na amabilidade das súas xentes. Os concellos poden e deben promover o desenvolvemento económico, do que sempre depende o benestar, pero atopan no urbanismo o epicentro das súas posibilidades propias.
A cooperación entre as diversas cidades galegas é inevitable. Están chamadas a entenderse, dado que a escala das interaccións aumenta coa transformacións do transporte e das comunicacións. Sería natural pensar as sinerxias, os modos en que áreas urbanas distintas poden multiplicar as súas opcións planificando en común. A cooperación en rede é o signo dos tempos.
Temos capital humano cualificado, o que Richard Florida chama clase creativa. Pero ese factor produtivo ten que xerar maiores logros económicos. As cidades e as súas institucións deberían obrigarse a si mesmas a facilitar as interaccións e os intercambios para que a innovación axude a transformar a estrutura produtiva.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reclama a sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial. É unha iniciativa positiva, digna de aplauso, para un Estado que debería ser federal e policéntrico. En Santiago están o Centro de Supercomputación de Galicia, que posúe o FinisTerrae III, o segundo superordenador máis potente de España, e DATAlife, un hub pensado para a innovación en biotecnoloxía -un sector de futuro en Galicia-. En Vigo está nacendo un centro de produción de semicondutores fotónicos: chips para automoción, para a aeronaútica ou a industria farmacéutica. Esperemos que saia ben.
En definitiva, as sinerxias caben, neste e noutros ámbitos, pero hai que traballalas. Deíxolles, de momento, dúas ideas. Poderían ser máis. A primeira: a conexión por tren entre Ferrol e A Coruña é unha vergoña. Unha auténtica vergoña. Os orzamentos do Estado deste ano volveron esquecer o tema. A práctica totalidade dos alcaldes da área urbana son socialistas: os das dúas capitais, pero tamén os de Betanzos, Pontedeume ou Miño. Deberían usar a capacidade de influencia ou presión que teñan para promover ese tramo e os servizos de proximidade correspondentes. É un asunto que debería estar no frontispicio da axenda galega.
A segunda, moi comentada nestas semanas pola forza coa que os líderes lusos promoven a idea: de Vigo a Tui hai trinta kilómetros. Agora que Portugal anunciou a construción do AVE á fronteira, alguén proxectará ese tramo en prazo? As sinerxias con Portugal tamén importan. Sen fronteiras políticas, a xeografía impón a súa lóxica. Sería cego non entender que, no marco común da UE, esa simbiose se vai producir, queirámolo ou non. Así que convén ter algún plan para conducila... Claro que nós somos excelentes Houyhnhnms e Porto está cheo de deplorables Yahoos...
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0