A caza de Rueda

0

No Museo de Historia Natural da USC hai un diorama que representa a biodiversidade dun bosque caducifolio galego. Esta semana, durante unha visita, a bióloga que nos guiaba amosounos un exemplar disecado de pita de monte e explicou que, malia se conservar aínda nalgúns puntos da Europa continental, este animal está completamente extinto na Galiza. Nese intre a miña acompañante bisboume no oído “a última veuna Fraga” e as dúas rimos a cachón.

Non sei se Manuel Fraga, coa súa puntería dubidosa, contribuíu á extinción da pita de monte. Si que fachendeaba de cazalas nos Ancares canda outras especies, e seica tiña tanta afección que non a deixou de lado nin para atender aos bandazos do Prestige fronte á costa de Muxía. Será en homenaxe ao fundador que a Xunta de Alfonso Rueda está emperrenchada coa caza do lobo, malia que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, as asociacións ecoloxistas e a realidade teimen en dicirlle que non ten caso. As mandas de lobos non aumentaron no noso país, e os ataques a explotacións gandeiras son anecdóticos segundo os datos da propia Xunta, e así e todo a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, decidiu poñerse estupenda e meter medo cunha suposta invasión de lobos procedentes de “toda España”. Moito lle gusta a este goberno da Xunta meter medo coas invasións, quer de lobos, quer de okupas (o teléfono que nos custa 61.000 euros ao ano atendeu tres chamadas ao respecto en todo 2024), quer de nenos migrantes, que finalmente Rueda se pregou a acoller na Galiza despois da súa rolda de estigmatización polos principais diarios do país. Semella que para o presidente vivimos nunha Arcadia atlántica onde non hai problemas ambientais nin desigualdade, e todos os conflitos son invasións e inxerencias.

Rueda ve lobos por toda a parte. O TSXG, que non lle deixa repartir licencias de caza a dereita e esquerda como nos tempos de Fraga; o Consello de Contas, que lle critica, entre outras cousas, a falta de transparencia; o IGE, que lle demostraba con datos o éxito do seu plan de extinción do galego nas aulas até que o presidente tomou medidas e decidiu extinguir o propio IGE (isto é, reestruturalo)... O último en subírselle ás barbas foi o arcebispo de Santiago, que aproveitou a ofrenda rexia do 25 de xullo na catedral para reprochar o uso dos migrantes como arma política, algo do que tanto Alfonso como o seu xefe en Madrid saben abondo.

Multiplícanselle os lobos a Alfonso e iso nótase ben nas súas intervencións chuscas no Parlamento (especialmente cando se dirixe á líder da oposición) e na súa necesidade de controlar o relato. Amarrada a CRTVG (á que seguimos a chamar polo nome vello para entendernos, como facemos coa rede social do supremacista sudafricano), agora o seguinte paso para instaurar o control ideolóxico son as escolas, coas instrucións para prohibir que a comunidade educativa se amose a favor dos dereitos humanos, e os centros sanitarios, onde xa non é posíbel visibilizar a falta de medios baixo pena de sanción. Alfonso Rueda quere reescribir a realidade e que todos lle compremos o relato: invádennos os lobos, as contas da Xunta son transparentes, Altri vai xerar tropecentos postos de traballo e nada de contaminación, e as crianzas escollen non falar galego. De seguir nesta deriva distópica, non me estrañaría nada que a próxima vez que visite o Museo de Historia Natural, a bióloga me conte que a pita de monte nunca existiu e que Alfonso Rueda e o PPdeG salvaron persoalmente cada un dos exemplares das poucas especies que aínda queden vivas.