Que din os estorniños?
Lin que o incremento da temperatura impulsa a migración e radicaliza a polarización política nas sociedades de destino. Chámanlle ‘aceleración catastrófica da sociedade exponencial’. Tres referentes dos recursos escénicos: Harold Pinter, Darío Fo e Ana de Bande. Pois aquí a temperatura subímola ao noso xeito: a deputada por Ourense igual che traballa un spray de pementa como acusa de usar suterlugios o alcalde de Ourense nunha desas polémicas brutas. Fume de pipa saudade / noite silenzo frío. E observar a deriva cotiá do goberno galego e entender mellor a poesía de Manuel Antonio. Se a Conselleira de Política Social di que “os menores deben retornar a Marrocos” e Paula Prado calificou a situación de “invasión”, aventurando que o presidente Sánchez podería acabar sendo xulgado por “traición”, Diego Calvo desculpaba a ausencia de Rueda á xunta do goberno que preside por ir apoiar a Vivas: “Madrid é o mellor sitio onde pode estar”; namentres Román Rodríguez culpa a LOMLOE dos desastrosos resultados de PISA cando Galicia ten transferidas as competencias educativas, Feijóo di que cómpre retirar pantallas e dispositivos, contra o impulso de E-DIXGAL que el mesmo abandeirou no seu día. Só falta o brinde na adega familiar do Conselleiro de Emprego: por esquecer pedir licenzas! Polos inmigrantes sen contrato! Arriba esas tazas, saúde! Pero nada disto lles impide reivindicar a integridade territorial allea namentres perpetúan no seu territorio políticas que discriminan as persoas máis vulnerábeis. Así que vostede está aquí, en Old Trafford: el teatro de los sueños.
Catro conceptos en modo catro vellos mariñeiros coa axuda dos altofalantes do país, ‘farmeando aura’: sentidiño, Galicia, Galicia, Galicia, comunidades riquiñas... Porén, cal é o sentidiño dun goberno galego que vai á cola do gasto en educación? Ou que en nome da industrialización estraga o territorio e a paisaxe? Que sentidiño ten o deterioro da atención primaria na sanidade? O PP galego agranda a leira anosando a idea de Bannon: inundar a zona, pero de esterco. E iso que estercan de oído. A esaxeración de cada minuto enmudécenos e impídenos ver o sentido real da Historia. O municipal mestúrase co planetario, o nacional co estatal. Louzán e Trump, un verano en Nueva York. Canta o Leo de Matamá: eu levo Matamá en lo más hondo / eu levo a galaxia en lo más hondo. E malia todo, temos a intuición atinada de que algo falta: no estrondo mediático, na ausencia de políticas, nos silencios de quen transixe ou nas carencias dos que menos teñen. No continuo sobresalto custa discernir o accesorio do fundamental. A realidade é incerta e os nosos valores son postos en dúbida, pero urxe tomar decisións porque o que está en xogo é importante. Por iso precisamos imaxinar o inimaxinábel.
Vencer esa imposibilidade significa recuperar a política dende a esquerda e propoñer. Transcender ese marco de sinalar imbecilidades e bochornos. O barullo apocalíptico é unha estratexia macanuda de distracción. A 'fascinación polo desastre' e disparar contra todo non permiten interpretar con claridade. Porque a ultradereita, como aquel DJ da Disco Hermo Muimenta, le ben ‘a psicoloxía de pista’: modela sufrimentos económicos e sociais traducíndoos nunha gramática de inseguridade cultural e nacional (escoitei unha vez: deiteime de día e aínda me petaba o bumba, bumba). Non é doado combater esta inercia do país na sociedade das resistencias. Como facer callar na sociedade labrega o discurso da sostibilidade coa pervivencia económica? Como favorecer a participación política da mocidade do país? Sen cidadania económica non hai cidadania política e existe unha relación moi estreita entre as condicións laborais e a participación.
Á mesma bat-hora (San Caetano como a cova daquel batman da TVG dos oitenta), a Xunta de Rueda escenifica para o público galego la mayor historia de éxito jamás contada (antes Alberto, antes Fraga, antes...). Pero o deterioro dos servizos públicos galegos é tan grande e tan continuado que acadaron o máis difícil: parece que se deterioran sos, van automáticos, como as cámaras do Land Rober. A aparente inevitabilidade dos tempos. Coroada na oscilación confusa pero constante da dereita tradicional —aka Robin, o polbo en pota de cobre, sen capacidade de entenderse ela mesma e, o que é peor, talvez sen intención de facelo— cara a extrema dereita —aka Batman, o polbo no microondas— e esa pulsión de irrefreábel atracción: Robin querendo ser Batman na maioría das democracias europeas. E todos queren ser Capitán América. Os superheroes non renden contas. Atacar con precisión a falta de expectativas abstencionistas non significa que parte do electorado vote contra os seus intereses. Simplemente reflicte as contradicións do mundo no que vive. Só está na realidade quen a interpreta. Unha bandada de estorniños non son só moitos paxaros voando xuntos. Hai unha intelixencia colectiva de reglas sinxelas que foxe do comportamento dun só individuo. Polo ben de todas cómpre descifrar máis pronto ca tarde o sentido do seu canto. Máis que pensamento individual, precisamos facer da política a arte de pensar dende a cabeza das demais. Ou iso ou o bumba-bumba.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0