Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Beiras no País en Modo Espera

Los antidisturbios cargaron en A Coruña contra los participantes en la manifestación contra la represión policial

0

A xente espera polo país ou é o país quen espera pola xente? Observei reaccións inéditas nestes últimos días -en todo o arco ideolóxico- arredor do pasamento de Beiras. Sempre se nos deu ben coidar os mortos e enterrar os vivos.

O presidente da Xunta non quixo decretar o loito oficial por Xosé Manuel Beiras. Non sei se Rueda é lector de Cormac McCarthy (Non é país para vellos) ou se tiña razón aquela pintada dun muro da Piringalla en Lugo, fronte ao edificio onde Darío Xohán Cabana traduciu A divina comedia ao galego: “Galicia, país de raíz expresionista. Vino Rueda y mandó parar”. Ao presidente non lle chista o expresionismo (alemáns disolutos primando a emoción no trazo, o subxectivo, logo). E ao PP non lle parece (ups, á Xunta) que Beiras sexa obxectivamente representativo de toda a cidadanía galega. Ha ter razón porque, como se sabe, a cidadanía galega non vai poder esquecer nunca a fulcral achega ao país de Valeriano 'Tito' Martínez (dianteiro arxentino do Leganés? Non, Conselleiro de Facenda; “Uiii!, mostramos un respeto hacia el rival, lo primero / Y así quiero que acaben los encuentros / sin lesiones, espero”, cantaba La Excepción). A Xunta decretou daquela tres días de loito.

Pero unha cousa é morrer, pensarán os cranios do goberno galego, e outra chegar ao inconsciente colectivo. Dous paisanos ás portas do Museo do Pobo Galego, o día do enterro de Beiras: “Aí marcha un que fixo país”. E outro respondeu: “Si, pero o país non dá chegado”. Porque somos O País en Modo Espera. Aquí díselle terma (“e” pechado). No País en Modo Espera, en adiante PEME, o que cómpre é esperar. Miren eses hippies acampados no Obradoiro, Patrimonio da Humanidade, queixábase á Pontón a presentadora da TVG María Cheda -a nosa Ana Rosa?-. Además, escarallan el terrazo, faltoulle dicir. Cun aumento do 13 % no prezo da vivenda e por riba da media española, 36.500 galegas solicitaron este ano poder acceder a unha vivenda social porque non saben esperar.

Rueda prometeu 1.800 pisos en rolda de prensa en 2023, con ese rictus que se lle pon, tan de condutor de Funerarias San Froilán -un valor seguro no PEME-. A unha velocidade endiañada e uniformemente acelerada de 32,67 pisos ao ano, a Xunta xa entregou noventa e oito no último trienio (ño!). Así que en cincuenta e dous anos (pataca minuta en termos históricos) serán entregados os 1.702 restantes. Nese tempo vós, eu e moita da mocidade que hoxe acampa e protesta por unha vivenda digna xa teremos marchado á pataqueira. O cemiterio como aposta habitacional (seino, morrer ten a súa parte fodida). Pero díxoo Castelao: “Non lle poñades tachas á obra namentres non se remate”.

No PEME tamén se parafrasea a Rosalía, e logo... meu nicho, meu lar. Plusmarca do motociclista veraniego Rueda: a xuño deste ano a lista de agarda para unha operación no SERGAS era de 89 días e medio, vinte días máis que en 2025. Aplaudan, os vivos namais. Os mortos abonda con que abaneen a vez.

O país non dá chegado. Beiras comprendérao ben, díxonos hai pouco: algúns pensan que poden tombar a dereita só co parlamentarismo e iso non é posíbel. Así que estaría orgulloso da mocidade antifascista da Coruña, que si está entendendo o que sucede, defendendo o futuro, honrando o pasado e pelexando o presente (malia a brutalidade policial completamente inxustificada; non se chaman Vito Quiles). Nas rúas de Francia e media Europa a mocidade parece comprender o mesmo (54.000 millóns de euros de recortes propostos para 2027 nos servizos públicos franceses). Van un par de pantallas máis adiante ca nós, xusto a diferenza que nos separa en anos de gobernos de dereita e ultradereita. Pero todo chegará como saibamos esperar. Porque aquí no PEME funcionan mal os subtítulos. Hai unha disonancia grande entre os anuncios institucionais e a realidade que sofre a xente do común. O Instituto Galego de Estatística, agora dependente de Presidencia, xa non informa sobre as dificultades que teñen os fogares para chegar a fin de mes. Din que hai que esperar. No PEME, uns son o chanzo perdido entre o que poñen os papeis dos discursos de Feijóo -Gran Xefe Cranio Privilexiado- e o que el di, híbrido ao seu xeito (pizza y okupas, más suelo y menos democracia, yo el jetas, no confío en Correos, el cambio sereno). E logo outras somos a esquerda que apela á ácción colectiva pero non é quen de organizarse colectivamente. Pero, cal? (a nacionalista, a non nacionalista, a socialista, a federalista, Jack Torrance, Lamine Yamal...). Isto é: somos a bágoa que se secou en nós? Se o meu amor non me engana, 29 de novembro. Semifinais Arxentina-Brasil, USA-Francia. Dále, Manolo!

O mantra do PP e VOX é como aquela resposta telefónica de Tejero no delirio da madrugada do golpe de Estado: “Norteamérica me parece bien”. A Radio emite agora sacrificio, pensións, reforma electoral, zurdos, o absurdo sinal dos tempos. W. Benjamin dicía que o carácter destrutivo era apenas un sinal; quen o ten non está interesado en que se lle entenda. No PEME tamén hai un conto preferido, Kafka: o emperador moribundo dálle unha mensaxe ao oído ao mensaxeiro. Este ten que cruzar patios, xardíns, murallas e palacios circundantes sen fin, pero nunca chegará a darcho a ti, que agardas mirando pola fiestra que chegue finalmente a mensaxe. Namentres, o país non dá chegado. Así que veremos o que chega. Vostede está aquí.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats